O PPdeG pon en valor as Letras Galegas como “motor de cohesión e non de división”

A Comisión de Cultura do PPdeG reuniuse hoxe para celebrar as Letras Galegas dedicadas a Begoña Caamaño, no parque que leva o seu nome no barrio de Fontiñas de Santiago de Compostela. Os participantes fixeron fincapé na importancia da lingua galega como motor de “unión e cohesión da sociedade” e non “motivo de tensión e división”. Para os populares, “o galego é patrimonio de todos e así debe seguir sendo”.

A coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, e o secretario da Comisión de Cultura do partido, Valentín García, participaron neste acto de conmemoración do Día das Letras Galegas 2026, onde puxeron en valor o papel de Caamaño no xornalismo e na lingua galega, destacando que foi locutora de radio, redactora de noticias, opinadora, analista de información e novelista.

María Baleato, recoñeceu que a autora foi unha persoa “comprometida coa época que lle tocou vivir e coas loitas sociais”, como o feminismo e a defensa da propia lingua. Tamén no acto, Valentín García, fixo un percorrido polo xornalismo e as novelas da autora e referiuse a Caamaño como unha autora que non se conformou coa ausencia das mulleres na literatura, senón que as situou no centro do relato, recuperando tamén figuras mitolóxicas dos clásicos.

O PPdeG traslada o seu apoio aos traballadores de Nestlé e avoga por unha solución que preserve o emprego industrial da planta de Pontecesures

O PPdeG vén de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que manifesta a súa preocupación ante o impacto laboral e social na planta de Pontecesures, derivado do expediente de regulación de emprego por Nestlé, e traslada todo o seu apoio aos 27 traballadores afectados e ás súas familias.

Tal e como sinalou o deputado parlamentario e voceiro do PP de Padrón, Ángel Rodríguez, a posible redución de postos de traballo suporía un “impacto relevante” nos concellos da comarca do Baixo Ulla, especialmente nun contexto no que resulta prioritario consolidar emprego industrial estable e manter a actividade produtiva no territorio. Así, remarcou a necesidade de que, tanto a sociedade como as institucións, incluída a Cámara galega, amosen o seu respaldo á protección dos empregos desta empresa e á defensa dun ámbito estratéxico para Galicia como é o agroalimentario.

Nesta mesma liña, a iniciativa avoga porque se leve a cabo un proceso de negociación real e construtivo entre a dirección da multinacional suíza e o comité de empresa, “esgotando todas as vías posibles” que permitan preservar o emprego e a actividade industrial da planta. Neste punto, o deputado Raúl Santamaría apuntou á urxencia de procura unha alternativa que “garanta a competitividade da planta”.

Os deputados populares, que asistirán, mañá sábado, á manifestación convocada polo comité de empresa en contra do ERE, solicitaron, tamén, ao Goberno galego que, no marco das súas competencias, continúe coas labores de seguimento, diálogo institucional e de acompañamento ás partes implicadas. E que reclame ao Goberno central, así como tamén á autoridade laboral estatal competente, a máxima implicación e colaboración co obxectivo de favorecer solucións que minimicen o impacto laboral e contribúan ao mantemento da actividade industrial e do emprego na comarca do Baixo Ulla.

A fábrica de Pontecesures constitúe unha instalación industrial de referencia no sector agroalimentario galego, cun importante peso económico e laboral para a zona, ademais de representar unha actividade vinculada á transformación e valorización dun produto estratéxico para Galicia como é o leite. Os deputados populares puxeron en valor o papel do persoal da fábrica que, ao longo dos anos, contribuíu ao desenvolvemento e rendemento dunha planta que “representa unha industria consolidada e con capacidade produtiva”.