Rueda rende contas co 87% do seu programa cumprido ou en marcha e anima a “pedalear con estabilidade” para a “etapa de alta montaña” das municipais

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica que o 87% dos compromisos do seu programa electoral están cumpridos ou en marcha, co que o 18 de febreiro de 2024 gañou as eleccións autonómicas. O líder dos populares galegos pon deberes fronte “a etapa de alta montaña” que vén, as municipais de 2027, unha “tarefa colectiva” coa que “debemos non só manter, senón mellorar resultados”. Para este camiño “máis difícil”, anima a “pedalear, seguir traballando como sabemos, con estabilidade e responsabilidade, fronte aos que nunca fan nada”.

Así o manifestou na clausura do acto “Galicia Goberna”, no Auditorio da Sede Afundación de Vigo, con 400 asistentes, no que responsables das áreas do Goberno galego fixeron balance do cumprimento dese programa electoral co que o PPdeG gañou as últimas eleccións autonómicas hai máis de dous anos. Un éxito que o número un dos populares agradeceu ao seu equipo polo seu “traballo e esixencia”. Tamén tivo palabras de agradecemento para a secretaria xeral, o portavoz parlamentario, presidentes provinciais, alcaldes e alcaldesas, portavoces, militantes, simpatizantes e todas as persoas que traballan “dende a base, escoitando á cidadanía”.

UN ACTO QUE NINGÚN OUTRO PARTIDO PODERÍA CELEBRAR

Rueda fixo fincapé nese elevado grado de cumprimento do programa electoral co que gañou as eleccións autonómicas hai máis de dous anos. Citou ese 87% de compromisos que están xa realizados ou en marcha, co 13% apenas por cumprir cando aínda queda a metade da lexislatura por diante. Para o líder dos populares, esta rendición de contas cos cidadáns é “un exercicio de responsabilidade” e significa que “a palabra dada, ten consecuencias”, asegurando que o 100% dos compromisos quedarán feitos antes de que remate o actual mandato.

Neste sentido, reivindicou que o Goberno galego fai “exactamente o que os galegos votaron”, polo que “o ‘si’ de Galicia pode co ‘non’ dunha parte da oposición e co boicot doutra parte”. Lembrou que este acto “non o podería celebrar ningún outro partido”, lamentando que o balance socialista sexa o dun Goberno central que “está na supervivencia do xefe supremo”, cun PSdeG “que non se molla por Galicia” e un BNG “cunha listaxe de manifestacións” e dun “non a todo o que faga medrar Galicia”. Fronte a esta oposición, Rueda reivindicou ese “si rotundo” do PPdeG, da Galicia co “s” de “sentidiño” e o “i” de “impulso”.

Citou prioridades do seu mandato, como son a vivenda, a atención primaria, a dependencia e a economía familiar. Referiuse a compromisos adquiridos como a educación gratuíta, a sanidade pública pioneira con cribados e campañas de vacinación ou o primeiro Centro de Protonterapia público de España, o incremento do parque público de vivenda e o plan de choque da dependencia.

En clave política, máis alá do esforzo solicitado aos populares de cara ao reto das eleccións municipais, lembrou que o seguinte paso serán os comicios xerais, que se convocarán cando “lle conveña ao peor gobernante que tivo España”. Así, fixo referencia ás eleccións autonómicas que se celebran mañá en Andalucía, poñendo en valor a candidatura popular de Juanma Moreno, e augurándolle un éxito que será “importante” de cara a ese reto das xerais, nas que “Alberto Núñez Feijóo gañará”.

LUISA SÁNCHEZ: “VIGO NON QUERE CONFRONTACIÓN NIN VITIMISMO”

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, fixo de anfitrioa agradecendo que o PPdeG puxera a Vigo no mapa, recoñecendo a aposta do Goberno galego pola cidade olívica. “Vigo non quere confrontación nin vitimismo, quere mirar ao futuro, traballar con rigor e con solucións reais, porque se a Vigo lle vai ben, a Galicia vaille ben”, reivindicou, subliñando que o mellor para Vigo “aínda está por chegar”.  Precisamente, o presidente dos populares galegos aproveitou as súas primeiras palabras para agradecer o traballo dos “valentes do PP de Vigo”, que “aguantan e nos representan a toda Galicia”.

UN PERCORRIDO DENDE O MAR ATA O MEDIO AMBIENTE

O coordinador do programa electoral, Valentín García, foi o encargado de poñer en valor os eixos do programa electoral de 2024, co foco na Galicia do futuro. Tamén deu paso aos responsables das áreas do Goberno galego, que fixeron balance do elevado grado de cumprimento dos compromisos do PPdeG.

Así, interviñeron no acto a responsable de Mar, Marta Villaverde; de Medio Rural, María José Gómez; de Emprego, Comercio e Emigración, José González; de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; de Política Social, Fabiola García; de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

O PPdeG acusa ao Concello de Caldas de bloquear a construción do novo centro de saúde por non facilitar os terreos á Xunta quince meses despois da sinatura do convenio

O PPdeG vén de acusar ao Concello de Caldas de Reis de bloquear a construción do novo centro de saúde, que ademais funcionará como Punto de Atención Continuada (PAC) para toda a comarca, por non facilitar os terreos case quince meses despois da sinatura do convenio entre o conselleira de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde Jacobo Pérez.

Os deputados autonómicos Manuel Santos e Raúl Santamaría, acompañados polo voceiro municipal, Fernando Pérez, e os concelleiros do PP en Caldas, desprazáronse ata a futura parcela sanitaria, situada na contorna de Santa María do casco urbano, para denunciar esta situación, posto que os nulos avances realizados polo Concello na posta a disposición do predio, de 4.192 metros cadrados, teñen paralizado este investimento sanitario de vital importancia para a vila e a bisbarra.

Neste senso, lembraron que o convenio asinouse o 4 de marzo de 2025 e, nestes case quince meses, o Concello limitouse a encargar a redación do proxecto de urbanización, do que nada se sabe desde o pasado mes de setembro, e tamén informou a finais do pasado ano de que a expropiación de dúas pequenas fincas estaba tramitada, pero sen dar detalles do seu remate.

“DEIXADEZ DO GOBERNO LOCAL”
“Non pode ser que a forte aposta e o decidido compromiso da Xunta de dotar a Caldas dun centro de saúde de primeiro nivel, que cuadriplicará a súa superficie ata os 2.800 metros cadrados grazas a un investimento de 7,2 millóns de euros, estea paralizado hai máis dun ano e sen visos de que o tema se vaia solucionar a curto prazo pola deixadez do goberno local”, criticaron Santos e Santamaría, que instaron ao executivo a actuar de inmediato para que a súa “evidente falta de xestión” non retrase aínda máis o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Galicia.

Ademais, os parlamentarios lamentaron que a paralización deste investimento, por responsabilidade exclusiva do Concello, está a prexudicar directamente á atención sanitaria dos caldenses, posto que o novo centro de saúde contará con 12 consultas de adultos, 5 de pediatría e 3 de PAC e ademais incorporará novas prestacións, como unha dependencia farmacéutica, Traballo Social e atención bucodental.

Santos e Santamaría lembraron que a Xunta ten o compromiso de comezar a redacción do proxecto tan pronto como reciba os terreos “para adaptar o inmoble con exactitude ás características finais da parcela”, pero concretaron que o excesivo retraso por parte do Concello “ten atada á consellería de pés e mans nunha situación lamentable que, ademais de aos caldenses, afecta a todo o Plan de Infraestruturas Sanitarias”.

ADIANTADOS POR OUTROS CONCELLOS
Pola súa banda, o voceiro municipal e ex deputado, Fernando Pérez, destacou que a paralización do novo centro de saúde por parte do Concello “é a tónica habitual que estamos a sufrir os caldenses por parte dun goberno que non fai nin o mínimo que lle corresponde aínda que lle poñan enriba da mesa un servizo sanitario de primeira con 7 millóns de euros” e augurou que este retraso vaise seguir prolongando, polo que será case imposible que as obras comecen neste mandato.

Así mesmo, lembrou que o Concello de Caldas estaba na Fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias por diante de Meis ou Barro, que se atopaban na Fase 2 “pero que xa teñen as obras en camiño” porque puxeron os terreos “e nos adiantaron dun xeito incomprensible co agravante de que nin sequera temos unha data, unha referenza ou unha previsión”.

Finalmente, Pérez acusou ao alcalde de ser o único responsable e de faltar gravemente a súa palabra o día que asinou o convenio con Sanidade: “Dixo que o Concello sería áxil para facilitar que a Xunta construíse o centro de saúde no menor tempo posible e incluso amagou con poñerse con esixencias reclamando que se lle desde prioridade a Caldas, pero lamentablemente todo eran palabras baleiras e que non priorizou a Caldas foi o propio Jacobo Pérez”.