O Parlamento aproba unha iniciativa do PPdeG para ampliar o acceso das familias á vivenda pública e protexida

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular a través da cal a Cámara recoñece e valora positivamente as políticas impulsadas pola Xunta de Galicia para ampliar o número de potenciais beneficiarios de vivendas públicas e protexidas. Entre as medidas destacadas figuran a ampliación dos límites de renda para acceder a unha vivenda pública e a creación dunha reserva do 30% das vivendas públicas en venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ou dependentes.

O texto aprobado pon en valor a estratexia global da Xunta para incrementar a oferta residencial, impulsar a construción de novas vivendas protexidas, garantir a súa protección permanente e facilitar que máis familias galegas poidan acceder a unha vivenda accesible en condicións de igualdade e transparencia.

Durante o debate da iniciativa na Comisión 2ª do Parlamento, o portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Moisés Rodríguez, puxo en valor o compromiso do Goberno galego para garantir o acceso á vivenda e ampliar o parque público residencial.

“A Xunta avanza con paso firme no reto de duplicar o parque de vivenda pública ata acadar as 8.000 vivendas nesta Lexislatura. As 4.000 comprometidas xa están en marcha”, subliñou, lembrando ademais o novo compromiso recollido no II Pacto de Vivenda de Galicia para construír outras 2.000 vivendas máis antes de 2030 e alcanzar así un total de 10.000 vivendas públicas ao dispor da cidadanía.

Rodríguez destacou que este ano 2026 “comezará a entregar os primeiros fogares ás persoas en cidades como Santiago de Compostela ou Pontevedra”, ao tempo que avanzou que será “un ano decisivo”, con licitacións de obras por valor de 500 millóns de euros.

O deputado popular incidiu tamén no papel pioneiro dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA), unha ferramenta coa que a Xunta está a impulsar solo residencial para facilitar a construción de 25.000 vivendas en Galicia, das que 20.000 serán protexidas. Neste sentido, lembrou que xa están aprobados inicialmente ámbitos en cidades como Lugo, Vigo, Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña ou Santiago de Compostela, mentres continúan en tramitación novos desenvolvementos noutras localidades galegas.

Ademais, destacou a colaboración institucional cos concellos galegos “de todas as cores políticas”, tanto na cesión de solo urbano consolidado como na adhesión aos programas impulsados pola Xunta para facilitar a promoción de vivenda protexida.

Entre as medidas impulsadas polo Goberno galego, Moisés Rodríguez salientou a conversión de baixos comerciais en vivendas, a recuperación de edificios inacabados para destinalos a vivenda protexida, a cualificación indefinida das vivendas públicas e protexidas en solo público, a regulación das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) para axilizar trámites e o incremento da edificabilidade en solo urbanizable cando se destine maioritariamente a vivenda a prezos taxados.

FACILITAR O ACCESO Á VIVENDA PÚBLICA

Tamén explicou as novidades anunciadas pola Xunta no recente Debate de Política Xeral para facilitar que máis familias poidan acceder a unha vivenda pública.
Así, destacou a ampliación dos límites de ingresos para acceder ás vivendas de promoción pública, elevando o requisito ata catro veces o IPREM —4,5 no caso das familias numerosas— fronte ás tres veces establecidas ata agora.

“Con esta medida, miles de galegos que antes quedaban excluídos poderán agora acceder ás vivendas de promoción pública”, explicou o portavoz popular, detallando que unha parella cun fillo poderá acceder agora con ingresos de ata 3.530 euros mensuais, fronte aos 2.250 euros establecidos anteriormente.

Outra das principais novidades é a creación dunha nova reserva específica do 30% das vivendas públicas en réxime de compra-venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ou dependentes. “Son medidas eficaces e concretas para facilitar o acceso á vivenda das familias traballadoras”, sinalou Rodríguez.

Deste xeito, as reservas nas vivendas en venda quedarán distribuídas cun 25% para menores de 36 anos, un 30% para persoas de 36 a 45 anos con fillos ou dependentes e un cupo xeral para o resto dos solicitantes inscritos.

A maiores, o portavoz popular lembrou a bonificación do 100% do imposto de Actos Xurídicos Documentados para as vivendas protexidas de ata 120 metros cadrados, unha medida que permitirá aforros de ata 15.000 euros.

Moisés Rodríguez asegurou que todas estas actuacións forman parte dunha estratexia integral da Xunta para incrementar a oferta residencial, mobilizar solo e vivendas baleiras, impulsar a rehabilitación e axilizar os trámites urbanísticos.

Finalmente, o deputado popular apelou ao consenso e á cooperación institucional en materia de vivenda. “Os cidadáns demandan altura de miras e medidas eficaces para aumentar a dispoñibilidade de vivenda accesible”, afirmou, insistindo en que “Galicia aposta por unha política de vivenda centrada en facilitar o acceso real das familias e garantir que as vivendas públicas sigan sendo sempre públicas”.

O Parlamento aproba unha iniciativa do PPdeG para reforzar a concienciación cidadá fronte ao cambio climático, con especial atención á mocidade

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha iniciativa do Grupo Popular pola que se insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha diferentes accións de concienciación e sensibilización para facer fronte ao cambio climático, implicando á cidadanía na acción climática e facendo especial fincapé na xente máis moza.

Durante o debate da iniciativa, o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, reivindicou o “compromiso real” da Xunta de Galicia e do PPdeG na loita contra o cambio climático, fronte “ao escenario catastrofista que debuxa a oposición”.

“Galicia non é unha comunidade gris nin sen futuro. A realidade é que somos a comunidade que máis reduciu as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro desde 1990, cun descenso do 62%, moi por enriba da media estatal, situada no 12,6%”, destacou.

Trenor subliñou ademais que Galicia xa superou o obxectivo do 55% de redución marcado pola Unión Europea para 2030 e lembrou que a comunidade “é tamén a que máis carbono absorbe de toda España, captando unha de cada cinco toneladas de CO2”.

O deputado popular explicou que estes resultados son consecuencia “dun traballo planificado e continuado no tempo”, lembrando iniciativas impulsadas pola Xunta como a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, os Plans Rexionais Integrados de Enerxía e Clima, a Alianza Galega polo Clima, a Rede Local polo Clima ou o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía.

GALICIA REFORZA O SEU LIDERADO CLIMÁTICO

Neste contexto, Gonzalo Trenor incidiu na importancia da sensibilización e da educación ambiental como piares fundamentais da acción climática. “A mocidade é clave para construír unha sociedade máis sostible e comprometida co medio ambiente”, afirmou.

O portavoz popular destacou programas como Inspiradores polo clima, unha iniciativa dirixida ao alumnado galego para achegar exemplos reais e innovadores de acción climática que se desenvolven en Galicia e fomentar a implicación activa da mocidade na procura de solucións fronte ao quecemento global.

Ademais, lembrou que esta iniciativa forma parte do programa Mocidade polo Clima, impulsado pola Xunta en 2024 para formar, informar e mobilizar a miles de mozos galegos de entre 3 e 35 anos a través de accións educativas, divulgativas e de participación activa.

Segundo indicou, máis de 23.700 persoas participaron xa nas distintas actuacións desenvolvidas baixo este programa, que inclúe iniciativas como MeteoEscolas, Escolas Verdes, actividades en campamentos de verán, visitas formativas e accións divulgativas en eventos musicais.

Trenor salientou tamén que Galicia continúa reforzando o seu liderado climático coa recente aprobación da primeira Lei do Clima de Galicia, unha norma pioneira que fixa o obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040, dez anos antes do marcado por Europa.

Finalmente, o portavoz popular asegurou que “para construír un planeta máis saudable e sostible é imprescindible combinar acción, cohesión social e sensibilización cidadá”, insistindo en que a educación ambiental e a implicación das novas xeracións “son fundamentais para deixar o mellor legado posible ás futuras xeracións”.