O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, sinalou que, fronte a un BNG e un PSdeG empeñados en frear o avance de Galicia, hai unha Xunta que traballa “por e para a Galicia do futuro”.
Neste senso, puxo en valor o traballo “intenso e rigoroso” do Goberno galego para que a multinacional chinesa SAIC escolla Galicia para construír a que será a súa primeira fábrica en Europa. Para Pazos, isto vén a confirmar “a forza e a posición destacada no mundo” da industria automobilística galega, a cal achega o 17,2% do PIB da nosa Comunidade.
E fixo fincapé na oportunidade económica para toda a comarca de Ferrolterra, ao destacar tanto a creación de 2.000 empregos, entre directos e indirectos, e o investimento previsto de 200M€. “En Galicia, hai un goberno que ofrece garantías ás empresas para que se instalen, atrae investimentos, oferta novas oportunidades á mocidade e garante emprego de calidade”, apuntou.
FRONTE AO BLOQUEO, APOSTA POLO PROGRESO
Por outra banda, o portavoz parlamentario aproveitou para afear de novo que Pontón e Besteiro sigan sen dar a cara ante “a maior aldraxe a Galicia”, o acordo “fraudulento” sobre a transferencia da AP-9 a Galicia: “Continúan sen dar explicacións, sen pedir desculpas e sen presentar a súa dimisión pola súa incapacidade manifesta para defender os intereses dos galegos”.
Asemade, remarcou as “moitas posibilidades” que se lle presentan a Galicia no sector mineiro e salientou a “situación privilexiada” da nosa Comunidade para a explotación de materiais críticos para a industria europea. Así, referiuse ás minas de Corcoesto, San Finx e de Santa Comba e das que destacou o valor dos seus recursos naturais. Neste senso, salientou a lei relativa ao aproveitamento dos recursos naturais de Galicia, que garante que este tipo de proxectos repercutan de maneira positiva na súa contorna; e indicou que o impulso industrial é unha necesidade estratéxica, por ser clave para o progreso, a cohesión territorial e unha garantía para fixar poboación.
UNHA RESOLUCIÓN QUE AVALA A LEGALIDADE
Así mesmo, amosou a súa preocupación ante a corrente de “negacionismo industrial” que hai entre algúns grupos da oposición, xa que, de maneira sistemática, “se opoñen a calquera proxecto industrial ou enerxético que pretenda implantarse en Galicia. “Esta política do ‘non a todo’, coas súas proclamas ideolóxicas e sen ningún sustento técnico, só leva ao bloqueo e á parálise”, dixo. E, para rematar, celebrou a recente resolución do Tribunal Supremo sobre o parque eólico de Bustelo, que avala a legalidade do proxecto, desmontando os argumentos que o mantiñan bloqueado.
