O PPdeG puxo en valor o labor diario dos servizos de vixilancias das confrarías, especialmente, fronte ao furtivismo, unha actividade ilegal cada vez máis organizada, para o que esixiu “máis control contra os infractores”.
Durante unha xuntanza co servizo de vixilancia da confraría de pescadores da Coruña, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Nazareth Cendán e Jesús Fernández, avogaron porque se intensifique a colaboración e se aumente o apoio a estes servizos de vixilancia con “máis medios nacionais, materiais e humanos”, para que poidan enfrontarse con plenas garantías de seguridade a “grupos profesionais do furtivismo” que ameazan o futuro do sector marisqueiro galego.
Así como tamén incidiron na necesidade de novos métodos para “disuadir, perseguir e aplicar condenas efectivas” que aparten definitivamente a estes colectivos do mar. E é que, segundo abordaron durante o encontro, o actual sistema, baseado en multas económicas, resulta “ineficaz”, xa que a gran maioría dos furtivos decláranse insolventes, polo que volven reincidir.
Tras recordar os recentes operativos de prevención do furtivismo que o servizo de vixilancia da confraría da Coruña, en colaboración coa Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia e o servizo de Gardacostas, desenvolveu na contorna da Torre de Hércules e no paseo marítimo de Monte Alto, incidiron do “grave risco” para a saúde pública da extracción de marisco “sen ningún control sanitario”. Tal e como lles trasladaron desde a confraría, son dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como no transporte, distribución e venda do produto sen as debidas garantías sanitarias.
Ademais de supor un agravio comparativo para os mariñeiros que respectan de forma escrupulosa as vedas, causa un dano ecolóxico irreversible, xa que os métodos empregados e a esquilma masiva do recurso danan gravemente a contorna, o que impide que as especies se rexeneren.
Para rematar, salientaron as axudas que o Goberno galego destina a reforzar a xestión dos recurso da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable e das que a confraría de pescadores da Coruña, ao abeiro da convocatoria de 2025, recibiu preto de 160.000€.
UN SERVIZO DE GARDACOSTAS ÚNICO EN ESPAÑA
Os deputados populares aproveitaron, tamén, para salientar o servizo de gardacostas co que conta Galicia, único no conxunto de España, clave na vixilancia do litoral e na protección dos recursos mariños. A acción conxunta contra o furtivismo que realiza xunto coa Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia céntrase en previr e perseguir actividades ilegais vinculadas ao marisqueo e a pesca, desde a extracción ata a comercialización e distribución de produtos sen garantías sanitarias.
Durante o último ano, o servizo de Gardacostas realizou máis de 9.700 inspeccións, que, como resultado, incautáronse ao redor de 28.000 kg de peixe e marisco.
