O Parlamento pide a ampliación da oferta da Formación Profesional acelerada para chegar a máis persoas e a máis sectores produtivos

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, a iniciativa do Grupo Popular na que reclama que o Goberno galego consolide e amplíe a oferta de Formación Profesional acelerada, co obxectivo de que esta modalidade chegue a máis persoas e sectores produtivos con alta demanda de cualificación; ao tempo que continúe desenvolvendo o Plan Conecta.

A deputada popular, Patricia García, recordou que a FP acelerada, “pioneira e única en Galicia”, foi pensada para responder con rapidez ás necesidades reais do mercado laboral e que as formacións de entre catro que seis meses contribúen a elo: “Unha vía rápida cara ao emprego e, ao mesmo tempo, unha porta aberta á formación permanente”.

“O reto é conseguir que a Formación Profesional sexa capaz de seguir o ritmo ao que evoluciona a economía, as empresas e os empregos”, sinalou a deputada popular, quen remarcou o papel desta modalidade na cualificación profesional, na inserción laboral e na cohesión territorial. Neste senso, puxo en valor a súa notable expansión e especialización, con presenza en todo o territorio e especial incidencia no ámbito rural.

O ÉXITO DO PLAN CONECTA
Do mesmo xeito, apuntou que, coincidindo co desenvolvemento do Plan Conecta, a FP incrementou a súa oferta en máis dun 33%, nos últimos catro anos e que a nosas Comunidade ofrece un total de 277 opcións formativas: “Falamos dunha oferta máis ampla, máis especializada e mellor adaptada á realidade económica de Galicia”. E sinalou que o éxito do Plan Conecta reside, precisamente, en “escoitar ás empresas, analizar o territorio, identificar as necesidades e en responder con rapidez”.

A iniciativa do Grupo Popular avoga, neste senso, porque o Goberno galego, a través deste programa, continúe reforzando a colaboración coas empresas e entidades locais para identificar necesidades de cualificación e adaptar a oferta formativa de maneira áxil e flexible ao territorio. E é que, tal e como informou, os convenios asinados coas empresas creceron un 37%, ao pasar das 8.000 empresas colaboradoras ás máis de 10.000.

Para rematar, referiuse ao Plan Conecta FP Galicia para os anos 2026-2030, o cal pon o foco nunha maior especialización, formación modular e acelerada, internacionalización e máis conexión cos sectores produtivos: “Máis FP en global e máis FP no rural”.

O PPdeG insistirá no Senado para que PSOE e BNG rectifiquen a súa “traizón” a Galicia e se recupere o plan de transferencia orixinal da AP-9

O PPdeG pecha filas para reclamar no Senado a recuperación da proposta orixinal da transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia, un texto aprobado de xeito unánime no Parlamento galego e que onte viu rachado este consenso co “pacto da traizón” executado por PSOE, BNG e Sumar no debate da lei de traspaso no Congreso dos Deputados, dándolle luz verde a un novo texto “rebaixado e inviable”. Neste sentido, o deputado galego no Congreso Pedro Puy, lamenta as “consecuencias desastrosas de 4.000 millóns de euros de custo” por mor dunha norma que “non ten nada que ver coa consensuada na Cámara galega”.

Así o manifestou hoxe o popular durante unha reunión de traballo no Parlamento de Galicia, na que tamén participaron o portavoz do Grupo Popular nesta Cámara, Alberto Pazos, así como deputados autonómicos e nacionais. Puy, que defendeu onte no Congreso a necesidade de volver ao proxecto orixinal de transferencia aprobado en Galicia, esixe explicacións a PSOE e BNG, por consumar onte ese pacto da traizón -xunto con Sumar-, no que racharon co seu compromiso cunha infraestrutura clave para todos os galegos e galegas e vital na vertebración do territorio.

“PSOE e BNG teñen que explicar este cambio tan radical. É incomprensible que voten a favor dun traspaso prexudicial para Galicia”, defende Puy. Neste sentido, recorda que o candidato socialista en Galicia, Xosé Ramón Besteiro, “fixo campaña dicindo que non habería peaxes e con esta norma nin sequera se garante que se manteñan as bonificacións do Estado”.

Por outra banda, lamentou a “hipocrisía” do BNG, que son “tan bravos en Galicia e tan mansos en Madrid”, dicindo “si” á transferencia para Galicia da AP-9 nunhas condicións tan malas que ata “os nacionalistas cataláns admiten que para Cataluña non valería así”, lembrou Puy sobre a intervención de Junts onte no Congreso.

Para o deputado galego tamén é “incomprensible” que o BNG “vaia da man de Vox”, xa que durante as votacións previas para recuperar o texto do Parlamento galego, ambas formacións rexeitaron a proposta do PPdeG para volver a esa proposta inicial e aprobada de xeito unánime en Galicia.

O PPdeG insiste nas consecuencias “desastrosas” deste texto “deturpado”, con condicións “inviables” para Galicia nos ámbitos financeiro, político e xurídico. Entre outras, non está garantido que o Estado asuma os custos asociados á transferencia, como o mantemento das bonificacións das peaxes, as inversións comprometidas ou a indemnización á concesionaria en caso de que a Unión Europea o ditamine. Para Puy, a incertidume económica “é máxima” con esta lei modificada.

Os populares insisten en que “é fundamental” que esta transferencia veña acompañada dos “recursos económicos necesarios para a súa xestión e para manter todos os compromisos adquiridos ata agora”.

O PPDEG, O ÚNICO PARTIDO FIEL AO ACORDO DE GALICIA

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, agradeceulle aos deputados nacionais do PPdeG que se manteñan “fieis” ao acordo unánime que saíu do Parlamento de Galicia e que reclamaba unha “AP-9 galega nunhas condicións que non fosen lesivas para a nosa Comunidade”: “Non imos aceptar, en ningún caso, que, o que a outros se lle dá gratuitamente, a Galicia chegue cunha factura de 4.000M€”.

Neste senso, remarcou que tanto Galicia, como o seu Parlamento e o seu Goberno “están perfectamente aliñados” na defensa dos intereses da nosa Comunidade e instou aos que “racharon” e “traizoaron” o texto galego a que dean “explicacións públicas, claras e contundentes”. “O único que pedimos é que a voz unánime que saíu do Parlamento galego sexa respectada polas cámaras nacionais. Non parece unha petición demasiado exorbitante”, dixo.

E é que, tal e como denunciou, resulta sorprendente que “os mesmos que aquí se lles enchía a boa pedindo que a voz de Galicia fose escoitada no Parlamento, agora, acaden un acordo alternativo que destroza por completo” o texto aprobado por unanimidade na Cámara galega. Así, o portavoz popular incidiu en que os nacionalistas e independentistas galegos “argumenten con fundamentos” os motivos polos cales a redacción acordada en Galicia non é válida no Congreso dos deputados e por que o que antes era un traspaso sen cargas financeiras, agora, vén con factura engadida. “E por que –engadiu- o que é aceptable para Cataluña é beneficioso para Galicia”.

SOLIDARIEDADE DO POBO VENEZOLANO

 

Para rematar, o voceiro popular, en nome do Grupo Parlamentario Popular e dos representantes do PPdeG, trasladou “todo o noso cariño e toda a nosa solidariedade” ao pobo venezolano e ás familias galegas; e salientou que sempre van contar “co apoio e o compromiso” das institucións galegas para tentar paliar canto antes esta situación.