O PPdeG, tras a condena ao ex deputado de AGE, pide actuar con “total contundencia, sen titubeos nin dobres varas de medir”

Tras coñecerse, esta mesma semana, a sentenza condenatoria contra o ex deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Xabier Ron, por un delito de agresión sexual a unha menor; o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, anunciou unha proposición non de lei a prol da protección da infancia, a dignidade das mulleres e a exemplaridade pública: “Esta iniciativa non vai de siglas, vai de dignidade democrática e política”.

Tal e como expuxo, o texto busca o “máximo rexeitamento institucional cara a estas condutas repugnantes”, cominando a todas as forzas políticas a que aparten de inmediato a calquera cargo sobre o que pesen indicios razoables destes delitos. Así, Pazos pediu actuar con “total contundencia, sen titubeos nin dobres varas de medir”.

Porque, tal e como apuntou, en episodios como este, que avergoñan e repugnan a toda a sociedade, “non nos podemos permitir nin calculadas ambigüidades nin convenientes silencios”. Así, incidiu en que, como sociedade, “non podemos permitir nin a máis mínima fenda que poña en perigo a seguridade das nosas fillas e fillos nas aulas”. “E, como servidores públicos –engadiu-, é a nosa obriga velar de forma incansable pola integridade dos máis vulnerables, pola dignidade das mulleres e pola exemplaridade absoluta de quen representa ao pobo galego”.

Asemade, aproveitou para sumarse ás palabras da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quen cualificou os feitos de estremecedores e inadmisibles; e do responsable da área de Educación do Goberno galego, Román Rodríguez, que avogou por apartar de por vida do sistema educativo a unha persoa condenada por unha agresión sexual.

Tras amosar a súa conmoción polos feitos, o portavoz popular trasladou, tanto á vítima como á súa familia, o agarimo, o apoio e a solidariedade, en nome do Grupo Parlamentario Popular.

O SILENCIO DE YOLANDA DÍAZ
O portavoz popular afeou con contundencia “o silencio cómplice e covarde” de Yolanda Díaz, quen aínda non se pronunciou, toda vez que se coñeceu a condena de quen foi o seu compañeiro de escano no Parlamento de Galicia.

“Un silencio que, politicamente, a inhabilita”, dixo Alberto Pazos, quen recordou que, ante outras “condutas intolerables” no seu espazo político, mantivo o mesmo silencio “incomprensible”. Neste punto, recordou a detención por delitos relacionados coa pornografía infantil do seu ex asesor nesta Cámara; a condena por delitos de natureza sexual contra menores do profesor e ex dirixente político de En Marea; e, tamén, nas denuncias contra Íñigo Errejón e Juan Carlos Monedero.

Para rematar, cualificou de “intolerable” a actitude de Yolanda Díaz, mais cando se erixe como a voceira do feminismo máis dogmático. “Vemos que clase de feminismo practica: o da conveniencia e o da pancarta”, sentenciou.

O PPdeG insta ao Goberno de Sánchez a axilizar as negociacións ante a UE para a aplicación de fitosanitarios con drons

O PPdeG reivindicou o uso de drons para a aplicación de produtos fitosanitarios autorizados, á vista da súa importancia na loita contra o verme defoliador do millo, o cal está a afectar aos cultivos das ganderías galegas.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Nicole Grueira e Enrique Barreiro, comprobaron, xunto á presidenta do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, e concelleiros da formación no municipio, os danos provocados por este invertebrado nas plantas dunha das parcelas cultivadas pola SAT Revolta.

A aplicación de fitosanitarios de forma urxente, unha vez detectados os primeiros síntomas -devoran as follas chegando a deixar unicamente o nervio central-, é fundamental para o control da praga. E, á vista de que os ovos poden chegar a eclosionar tres veces durante o ciclo de produción do millo, tal e como advirten os propios técnicos, incluso pode requirirse en máis dunha ocasión.

Tendo en conta que o uso de drons para a aplicación de produtos específicos de xeito aéreo permite reducir os custes de produción e aumenta a eficacia con respecto ao uso dos medios mecánicos tradicionais que, unha vez o millo alcanza un alto grao de crecemento, danan a colleita; “faise necesario contar con tratamentos específicos que poidan aplicarse de xeito aéreo”. Polo tanto, urxen ao Goberno de Sánchez a que “axilice as negociacións ante a Unión Europea”.

Os populares tamén puxeron en valor o traballo dos técnicos e dos propios gandeiros tanto á hora de detectar a praga, que sendo nunha fase temperá permite aplicar fitosanitarios autorizados para evitar a perda da colleita, coma á hora de tomar as medidas necesarias para tratar de evitar a perda dun cultivo fundamental para as granxas por tratarse dunha das principais forraxes para o gando.

SEGUROS AGRARIOS
As perdas pola afectación do verme defoliador do millo poden ser cuantiosas para as explotacións gandeiras, toda vez que “non só se perderían o investimento na colleita -dende o cultivo ata a recolección-, senón que tamén terían que facer fronte á compra de forraxe que, nun contexto de pouca oferta e alta demanda, dispararía os custes de produción”.

Os populares consideran “fundamental” que os seguros agrarios cubran estes danos, igual que xa se ten solicitado para o mildio que afecta á vide ou a Dermatose Nodular Contaxiosa. Neste punto, recordan que a propia conselleira de Medio Rural así o trasladaba aos representantes de Unións Agrarias durante unha recente reunión.

Así mesmo, os deputados autonómicos lembran que a Xunta ampliou en 1,5 millóns de euros o orzamento para apoiar a subscrición de pólizas ata chegar aos 11 millóns de euros este ano “que supoñen unha importante bonificación para os agricultores e gandeiros”.