Paula Prado afirma que o Goberno central está “finiquitado” cun presidente “atrincherado” e esixe que se lle dea voz á cidadanía

A secretaria xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular, Paula Prado, dixo, hoxe, que o Goberno central está máis preocupado por resolver os problemas xudiciais da familia de Pedro Sánchez e do PSOE que dos cidadáns: “Esta goberno non goberna, simplemente, está no goberno”.

Así, ante un executivo “finiquitado”, volveu reclamar a inmediata convocatoria de eleccións xerais para que os españois poidan pronunciarse democraticamente sobre esta situación “inasumible”. Neste punto, Paula Prado denunciou o bloqueo político no que está instalada a actual lexislatura, sen ningún impulso para as políticas públicas, e un presidente incapaz de aprobar as contas e, tamén, de rendelas. E é que nin remitiu ao Congreso nin un só proxecto de Orzamentos Xerais, nin celebrou, tampouco, ningún Debate sobre o Estado da Nación. Pola contra, ostenta o récord da iniciativa lexislativa máis pobre de toda a nosa historia democrática.

 Para a secretaria xeral dos populares, Pedro Sánchez permanece “atrincherado” na Moncloa, porque “sabe que a rúa lle deu as costas”: “Continúa porque necesita gañar tempo para defenderse, para resistir e para tapar os escándalos”. E instouno a que asuma as responsabilidades políticas polos múltiples casos de corrupción que se investigan en relación coas súas actividades e co PSOE. Neste punto, cualificou de “demoledora” a realidade: 126 imputados, unha cifra que supera o número de deputados socialistas.

Para rematar, a viceportavoz popular, ademais da corrupción económica e pública, fixo referencia á “corrupción moral” ao afear o falso feminismo que socialistas e nacionalistas galegos practican, ao actuar sen ningunha contundencia contra o ex presidente da Deputación de Lugo e actual alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé: “O PSdeG sigue abrazando ao señor Tomé e o BNG é cómplice”. “Así resulta difícil recibir leccións de feminismo de calquera de vostedes”, concluíu.

Rubén Lorenzo, sobre a xestión estatal dos PERTE: “Galicia non pode ser convidada de pedra na política industrial. Debe ser protagonista”

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, sen votos en contra, a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se insta ao Goberno central á convocatoria urxente da Conferencia Sectorial da Industria e da PEME, para que dea conta dos seus plans e incorpore a Galicia na toma de decisións. Asemade, urxe unha participación real das Comunidades autónomas na xestión e asignación dos fondos.

Neste senso, o deputado do Grupo Parlamentario Popular e portavoz da área de Industria e Enerxía, Rubén Lorenzo, incidiu en que “Galicia non pode ser convidada de pedra na política industrial; debe ser protagonista”, xa que, tal e como salientou, ten proxectos, talento e capacidade de execución.

Segundo o parlamentario popular, a iniciativa é unha “chamada á responsabilidade institucional” para garantir que Galicia non perda unha oportunidade histórica para o seu desenvolvemento industrial. “Non é unha reivindicación partidista nin unha disputa competencial nin unha mensaxe de confrontación”, engadiu; para continuar pedindo que o Executivo de Pedro Sánchez “deixe de bloquear”.

Neste punto, amosouse crítico coa estratexia centralizadora na xestión dos PERTE industriais que exclúe ás Comunidades autónomas da toma de decisións sobre uns recursos, remarcou, que son clave para o seu desenvolvemento e futuro produtivo: “É unha anomalía institucional, especialmente, cando Galicia ten competencias exclusivas en materia de industria”.

CANDO GALICIA XESTIONA, GALICIA FUNCIONA

Rubén Lorenzo apuntou aos datos oficiais, facilitados polo propio Goberno central, no que queda constancia a súa mala xestión. Así, expuxo que, a 26 de xuño, só estaba resolto o 59,19% dos fondos dos PERTE industriais e advertiu que “unha parte importante” non se executará polo mal deseño das convocatorias.

Pola contra, referiuse a que, ao abeiro dos máis de os máis de 234 M€ que a nosa Comunidade recibiu para programas vinculados aos PERTE, o Goberno galego lanzou convocatorias que beneficiaron a 13.384 galegos: “Cando Galicia xestiona, Galicia funciona”.

Para rematar, dixo que a industria galega “necesita certezas, non centralización” afondou na necesidade dunha “gobernanza eficaz, transparente e baseada na lealdade institucional”. “Non pedimos privilexios, pedimos eficacia, transparencia e respecto institucional”, concluíu Rubén Lorenzo.