Pazos denuncia o intento da oposición por manipular os informes do Consello de Contas, cando acreditan a boa xestión da Xunta

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, denunciou, hoxe, os intentos dos grupos da oposición por tentar manipular o contido dos informes do Consello de Contas, cando acreditan a boa xestión e transparencia da Xunta..

 Así, na Comisión Permanente non Lexislativa para as Relacións co Consello de Contas, na que se abordaron as memorias de actividade dos anos 2024 e 2025, a fiscalización da Conta Xeral de 2024 e o plan de traballo para 2026; Pazos afeou a socialistas e nacionalistas galegos polo seu empeño en “extraer conclusións que non se corresponden coa realidade e ofrecer unha imaxe falseada da xestión pública do Goberno galego”. E é que, tal e como apuntou, utilizan os informes deste ente público como “simple munición política”, descontextualizando parágrafos soltos ou mesmo terxiversando o seu contido “con evidente mala fe”.  

“En todos os seus informes non aparece nin un só reparo de legalidade á actuación da Xunta”, sinalou, o que para o portavoz popular “desmonta un relato dunha oposición que está permanentemente lanzando sospeitas e dúbidas” sobre a actuación dos máximos responsables do Goberno galego.

O CRITERIO DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE: SALVAR VIDAS

Durante a súa intervención, Alberto Pazos fixo especial fincapé “no uso perverso” que se fai destes informes, “pretendendo que digan o que non din”, sobre todo no eido da sanidade pública.

Neste senso, o portavoz popular referiuse a que unha das “manipulacións recorrentes da oposición”, relativas ao procedemento de contratación directa do Servizo Galego de Saúde: “Paréceme unha crítica especialmente desafortunada, porque supón poñer o foco da sospeita nunha contratación que se usa fundamentalmente para salvar vidas”.

Pazos puxo como exemplo tratamentos para a hemofilia, o cancro de mama e de ovario, a atrofia espinal, a distrofia retiniana ou a enfermidade de Crohn, cun custe superior ao millón de euros: “Debemos empregar unha contratación ordinaria, con publicidade, que pode tardar meses a sabendas de que ningunha outra farmacéutica do mundo pode subministralo, ou debemos facer a compra da maneira máis áxil posible e cambiar por completo a vida dos galegos?”.

“Cambian as enfermidades, cambian os tratamento, pero o que non cambia é o criterio do Sergas: salvar vidas”, indicou, Pazos, para continuar salientando que, ante a existencia dun medicamento que poida salvar ou mellorar a calidade de vida de calquera galego, “o Goberno de Galicia nin vai escatimar un só euro nin vai perder un só minuto”. Por iso, instou aos grupos da oposición a que “non mintan máis aos galegos” intentando facerlles crer supostas irregularidades na contratación a través de procedemento negociado sen publicidade, cando “é falso”, xa que, tal e como remarcou, “o Consello de Contas non detectou nin un só caso irregular”.

A CONVOCATORIA DA COMISIÓN

Por outra banda, acusou ao deputado socialista, Julio Torrado, de mentir, a raíz das súas declaracións sobre a convocatoria desta comisión; xa que, tal e como informou, “as circunstancias e as formas da convocatoria foron previamente acordadas co Grupo Socialista e o BNG”. “Non imos tolerar –engadiu- que se minta. Deixen de manipular”.

Para rematar, o portavoz popular aproveitou a súa intervención para felicitar o labor do Consello de Contras por exercer “con integridade e eficiencia” as súas funcións.

O PPdeG destaca o investimento de 1,2 M€ do Goberno galego na mellora do Centro de Reeducación Monteledo

Os deputados do Grupo Popular, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes, visitaron, hoxe, as instalacións do Centro de Reeducación Monteledo, en Ourense.

No marco dunha visita institucional da Comisión 5ª, os populares comprobaron o resultado das obras de reforma nas que o Goberno galego investiu máis de 1,2 M€. “Esta importante dotación económica –salientou Noelia Pérez- permitiu renovar varios dos fogares do complexo, mellorando de forma notable a comodidade dos usuarios e optimizando os espazos”.

O Centro de Reeducación Monteledo conta cunha capacidade máxima de 37 prazas e atende na actualidade a 13 usuarios. Trátase dun servizo esencial que funciona as 24 horas do día e os 365 días do ano, sostido por un amplo equipo humano que inclúe persoal de administración, mantemento, cociña, sanitarios e, de xeito moi destacado, preto de 40 profesionais educadores que guían o día a día dos menores.

 Na visita incidiuse en que o labor de Monteledo vai moito máis alá do internamento. “O centro desenvolve unha intervención socioeducativa integral con cada rapaz, deseñada por especialistas para preparalos de cara á súa saída, unha vez cumprida a medida xudicial imposta”, sinalou Argimiro Marnotes. Para acadar este obxectivo, o complexo conta con aulas de aprendizaxe e espazos específicos de intervención.  

Así mesmo, os deputados visitaron a ampla zona exterior onde se desenvolven obradoiros de emprego, a través do programa INSERGAL, unha iniciativa financiada con fondos europeos que resulta clave para ofrecer aos mozos e mozas ferramentas reais de inserción laboral. O Centro de Reeducación Monteledo é un dos catro centros públicos de reeducación que existen na Comunidade.

 OS BOS INDICADORES DE GALICIA

Durante o percorrido polas instalacións, os populares puxeron en valor o modelo galego no eido da xustiza xuvenil. E é que, tal e como apuntaron, Galicia mantense como unha das comunidades autónomas con menor taxa de medidas xudiciais impostas a persoas menores de idade.

 Así o corroboran as estatísticas oficiais do Goberno de España. De feito, no último ano con datos publicados (2024), Galicia situouse como a cuarta comunidade coas cifras máis baixas de medidas xudiciais notificadas polos xulgados de menores. Os representantes parlamentarios coincidiron en que estes indicadores son moi positivos, xa que “demostran o bo traballo que se realiza en Galicia a todos os niveis para previr e evitar que a mocidade cometa delitos”.

Paula Prado enxalza a universidade pública galega “competitiva e innovadora” e destaca o compromiso do Goberno galego con medidas pioneiras como a matrícula gratuíta

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pon en valor o compromiso do Goberno galego coa educación universitaria con medidas pioneiras como a matrícula gratuíta, que contribúe a un futuro de “calidade e innovación” en institucións como a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Así o manifestou a número dous dos populares galegos, acompañada polo deputado autonómico e membro da Comisión de Educación, Julio García Comesaña, nunha reunión de traballo coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa Crujeiras, a quen aproveitou para felicitar publicamente por ser a primeira muller na historia da institución en acadar este cargo. “É importanteseguir traballando para que haxa moitas máis mulleres no ámbito universitario galego e tamén estatal”, engadiu Prado.

No encontro de traballo, destacaron a importancia da colaboración do Goberno galego presidido por Alfonso Rueda coa universidade, especialmente a través dun plan de financiamento que, en palabras da secretaria xeral do PPdeG, permitirá á USC “estabilidade e planificación de proxectos”.

Para Prado, o compromiso do Goberno de Alfonso Rueda coa USC e co resto de universidades galegas é “claro”, lembrando que en Galicia é posible estudar de xeito gratuíto dende a escola infantil ata rematar os estudos universitarios. Neste punto, lembrou que se acada xa o terceiro ano no que a matrícula na universidade pública galega é gratuíta, con 27.700 alumnos beneficiados. “Só este curso, as familias galegas aforrarán 20 millóns de euros con esta medida”, subliñou.

IMPULSO Á INVESTIGACIÓN DE EXCELENCIA

No caso concreto da USC, a número dous dos populares galegos fixo referencia a investimentos de relevancia como a construción da nova Facultade de Farmacia, para a que a Xunta de Galicia achega 12 millóns de euros; o campus de especialización, con 13,5 millóns de euros; colaboración en I+D a través de convenios para actualizar infraestruturas de investigación e captación de talento, para os que a Xunta destina 9,3 millóns de euros ou o lanzamento do Instituto Iterra no Campus de Lugo para impulsar a investigación de excelencia.

Na reunión tamén abordaron o reto da vivenda e a afectación que ten no alumnado, lembrando a colaboración do Goberno galego a través das residencias universitarias, así como a importancia da universidade no tecido social. Nesta liña, a secretaria xeral, que remarcou a importancia da universidade pública, insta a “non desprezar” posibles proxectos do ámbito privado, “sempre que cumpran cos estándares de calidade, sen terlles medo”.

Prado tamén pediu ás universidades públicas galegas coordinación para estudar o adianto do prazo de matrícula dos másteres universitarios, posto que esta non se pode realizar ata o mes de setembro. Para a secretaria xeral do PPdeG, que os prazos sexan durante o verán, sería unha boa medida “para axudar á planificación do alumnado e captar máis talento”. Neste sentido, puxo tamén en valor que os estudos de posgrado na nosa comunidade autónoma son unha das matrículas máis baratas de toda España.