O PPdeG recorda a Miguel Ángel Blanco no 29º aniversario do seu asasinato a mans de ETA e critica á esquerda que pacta cos herdeiros “de quen sementou o terror e arrincou liberdades”

O PPdeG lembra a Miguel Ángel Blanco no 29º aniversario do seu asasinato a mans da banda terrorista ETA. Xunto ao alcalde da Merca, José Manuel Garrido, a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, acompañada pola secretaria xeral da provincia de Ourense, Sandra Quintas, participou no acto institucional organizado polo Concello da Merca, a localidade natal do que foi concelleiro do PP de Ermua. Os populares sumáronse á veciñanza nunha misa solemne na igrexa parroquial de San Xes de Faramontaos e na ofrenda floral, onde se honrou a memoria do político vasco con profundas raíces galegas e a súa loita por manter “os valores da democracia e da liberdade” fronte aos “radicalismos” e as súas “terribles consecuencias”.

Así o expresa a número dous dos populares galegos na conmemoración do 29º aniversario da morte de Miguel Ángel Blanco, poñendo en valor o compromiso do PPdeG por respectar “o legado de quen nos deixou un exemplo moral e de coraxe democrático”, lembrando que se deixou a vida “por defender as liberdades”. Neste sentido, critica aos partidos que “esquecen” o significado da banda terrorista ETA, que asasinou a 68 galegos, e lamenta que a esquerda pacte con partidos coma Bildu, “herdeiros de quen sementou o terror no noso país e arrincou liberdades” e, sen embargo, “non esixan un perdón para as vítimas e as súas familias”.

“Non entendemos como hai partidos galegos, como o BNG, aliados con herdeiros de ETA e mesmo asesorados por eles”, asegura Prado, ao tempo que reitera o seu rexeitamento a “todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos da banda terrorista e pretenden lexitimar a súa existencia”. “Tampouco deberían facelo o PSOE e o BNG”, engade, argumentando que “non hai nada que falar ata que non pidan perdón e non axuden a esclarecer todos os crimes”.

O PPdeG enxalza o compromiso firme da Xunta coa inclusión, tras renovar o apoio ao servizo de comedor escolar adaptado con máis de 300.000€

O PPdeG vén de enxalzar o compromiso firme do Goberno galego coas políticas de inclusión e de atención á diversidade, despois de que o Consello da Xunta dese luz verde á renovación dos convenios con 15 entidades especializadas neste eido, as cales prestan o servizo de comedor escolar.

Durante unha visita a Amicos, unha das asociacións beneficiarias destas axudas, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, salientaron que un total de 585 alumnos galegos con discapacidade contarán con este servizo o vindeiro curso, para o que o Goberno galego fai unha achega de máis de 300.000€. No encontro, os populares puideron comprobar de primeira man o labor pedagóxico e de coidado que realizan neste centro, no que se atende a 21 alumnos de Educación Especial, nas modalidades combinada, segundo as súas necesidades. Isto é, dividindo o seu tempo entre centros ordinarios e específicos ou asistindo a tempo completo.  

Para Magdalena Pérez, estas axudas supoñen “un investimento directo na igualdade de oportunidades”, xa que este servizo permite que o alumnado aprenda habilidades clave para a súa autonomía persoal e inclusión social. E lembrou que este apoio demostra o cumprimento estrito da Estratexia de inclusión educativa. Unha folla de ruta, apuntou, que garante “unha atención específica e preferente a quen máis o precisa”, facilitando, así, ao mesmo tempo, a conciliación das súas familias.  

CALIDADE, COIDADO E EQUIDADE

Pola súa banda, Ángel Rodríguez puxo en valor o esforzo global do Executivo autonómico para manter o sistema público de comedores, que dá servizo a 85.000 alumnos en toda a comunidade.

Así, incidiu en que, con preto do 80% das prazas xestionadas directamente, a Xunta consolídase como a administración que sostén o groso deste servizo fundamental. E é que, tal e como informou, o investimento supera os 360.000€ diarios (máis de 63,5M€ por curso) para servir uns 11 millóns de menús ao ano, garantindo a calidade, o coidado e a equidade en todo o territorio.

Os parlamentarios populares estiveron acompañados do concelleiro do Goberno local, Eladio Muñiz, e os representantes da entidade Xoán España, Nuria Fernández e Estela Silvestre.