O PPdeG apoia a candidatura de Elena Candia para a alcaldía da cidade de Lugo en 2027

O PPdeG apoia a candidatura de Elena Candia para a alcaldía da cidade de Lugo de cara ás eleccións municipais de 2027, poñendo en valor o traballo e a valentía de Candia, de quen se valorou o seu “coraxe, instinto político e moita vontade”, no contexto dunha moción de censura que permitiu hai xa máis de dous meses sacar a Lugo da parálise e o bloqueo no que PSOE e BNG mantiñan á cidade, partidos que, ademais, “non son capaces de adaptarse á nova realidade e non se decatan que agora son oposición”.

Así o manifestou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, durante a Xunta Directiva do PP local de Lugo celebrada hoxe, onde subliñou que a decisión conta co respaldo de toda a formación e, principalmente, do presidente autonómico Alfonso Rueda. “Cremos en Elena, na súa capacidade de traballo, no seu coñecemento do territorio e na súa vontade por mellorar a vida das persoas. É a persoa idónea para asumir este gran reto, a un ano das eleccións municipais”, engadiu a número dous dos populares galegos, que definiu o PPdeG como un “partido transparente” que aposta por revalidar alcaldías.

“Representamos a unidade, a xestión, a estabilidade e a política útil, cun equipo que ten un papel moi importante nos concellos, o ámbito máis local”, sinalou, definindo os concellos como “a esencia de todo o que somos, os lugares polos que temos que traballar desde as diferentes administracións”.

Referíndose á actualidade de Lugo, lembrou a parálise e o impedimento de prosperidade que imperaba na cidade durante anos de mandato da oposición. Sen embargo, “agora, por sorte, temos unha alcaldesa de Lugo que antes de entrar na Alcaldía sabía perfectamente cal era o seu plan de traballo para a cidade”.

UNHA GRAN FAMILIA FRONTE AOS “MINIPARTIDOS” DA OPOSICIÓN

Puxo en valor que Candia coñecese todas as necesidades da veciñanza, así como o seu impulso a propostas reais para mellorar a calidade de vida de todos os lucenses e lucensas. Despois de dous meses no cargo, Prado confirmou que a confianza depositada nela quedou demostrada, así como a do seu equipo no Partido Popular de Lugo. “Sodes, con Elena á fronte, un motivo de orgullo para o PPdeG. Un equipo que colleu un Goberno nunha situación moi crítica e que está deixándose a pel por mellorar a cidade e o futuro de Lugo”, dixo Prado

En contraposición co liderado do PP, criticou o “tira e afrouxa” doutros partidos, que “discuten por elixir aos seus candidatos entre todos eses minipartidos que teñen dentro”, mentres que no PP “imos todos a unha, sen rodeos e coa cabeza alta, como unha gran familia”.

APOIO UNÁNIME DO PP DE LUGO

O presidente do PP local, Ramón Carballo salientou durante a reunión o seu apoio a “Elena Candia, así como o apoio do PP local”. “Quero pedirlle que volva encabezar a  candidatura á Alcaldía. Está demostrando que é posible gobernar con diálogo, con xestión e cumprindo a palabra dada, e estamos convencidos de que é a mellor persoa para seguir liderando o futuro de Lugo”.

Pola súa parte, Elena Candia resaltou que “como fixen sempre, poño o meu traballo, o meu compromiso e toda a miña dedicación á disposición do partido. Se en apenas dous meses fomos capaces de sacar adiante tantos proxectos e de demostrar que outra forma de gobernar é posible, imaxinade todo o que podemos facer por Lugo con catro anos máis.»

O PPdeG fai unha chamada ao diálogo de todos os grupos para trasladar ao Parlamento “o consenso social” en torno ao Plan da lingua

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, fixo, hoxe, unha chamada ao diálogo e á responsabilidade política de todos os grupos para acadar na Cámara galega o mesmo nivel de consenso que se conseguiu no eido social, en torno á proposta para actualizar o Plan xeral de normalización da lingua galega. “Os galegos non entenderían que o acordo que se acada con naturalidade na rúa se crebe por intereses políticos no Parlamento”, indicou.

Así, avanzou que o Grupo Popular trasladará “unha proposta formal para tentar pechar unha serie de reunións de traballo”, co obxectivo de enriquecer o documento, deixando a un lado as diferenzas partidistas: “Pídolles que se senten a negociar, a escoitar, a propoñer e a sumar; sen apriorismos nin imposicións”.

Tal e como apuntou Pazos, tras a remisión do documento ao Parlamento de Galicia, os grupos teñen unha “oportunidade magnífica” para trasladar de forma idéntica a gran sintonía social ao ámbito político. Así, instounos a que “non desboten” a proposta de plan sen estudala antes con detemento, porque do contrario, dixo, estaríaselle a facer un fraco favor á lingua.

“Un gran pacto pola lingua que é, en realidade, un gran pacto de país”, así cualificou o plan que o Goberno galego presentou, onte, ante preto de 800 persoas; evidenciando, remarcou, que “o noso idioma non é unha arma de confrontación, senón un espazo para o encontro”. “Ten que servir –engadiu- como o maior dos incentivos para o acordo e, tamén, como un mandato da sociedade galega”.

UN PROCESO ABERTO Á SOCIEDADE
“Estamos ante un documento que é froito dun traballo rigoroso e, sobre todo, dun proceso absolutamente aberto a toda a sociedade”, dixo Pazos, quen continuou poñendo en valor as 11 comisións de trabalo, os máis de 130 expertos implicados na súa elaboración, os más de 400 contactos con particulares, entidades e institución, así como tamén as máis de 1.400 achegas recollidas e analizadas.

Así mesmo, referiuse ás 700 medidas que inclúe o documento e que están dirixidas a fomentar o uso e o prestixio do galego: “Adapta ás novas realidades de Galicia un documento que levaba máis de dúas décadas agardando por una actualización”. Neste senso, fixo mención ás medidas dirixidas a achegar o galego ás novas xeracións e ás persoas nacidas fóra da nosa Comunidade, así como tamén a aquelas medidas enfocadas no fomento da lingua nos novos modelos de comunicación dixital. “O documento marcará a folla de ruta das políticas lingüísticas para a vindeira década”, sinalou Alberto Pazos.