O PPdeG celebra o camiño da “Galicia SI”, a da gran maioría dos galegos e galegas, no día grande da nosa Comunidade

O Partido Popular de Galicia conmemora cun vídeo, como xa é tradición, o Día de Galicia. Neste 2026, os populares reivindican o camiño cara a Galicia do si, facendo un guiño completo ao xeito de facer política na nosa Comunidade, baixo o liderado do presidente Alfonso Rueda. Neste sentido, a ruta de “Galicia SI” imponse a outros “camiños”, como os do “non”, en clara alusión aos outros partidos políticos que non defenden os intereses de Galicia.

Cun toque de humor, e coa esencia posta no camiño que une aos galegos e galegas, os populares poñen en valor a Galicia en positivo, a Galicia SI como unha ruta de presente e de futuro. Neste sentido, os catro presidentes provinciais van aparecendo na peza audiovisual dirixíndose á ruta de “Galicia SI”, que previamente lles recomendou o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.

Como principal protagonista da peza audiovisual, o líder do PPdeG, reivindica “o mellor lugar: Galicia”. Faino desde o miradoiro de Bocarribeira, onde se celebrou a conmemoración do Día de Galicia dos populares onte mesmo, para “celebrar o que nos une” e para seguir camiñando “cara adiante, mirando ao futuro por todos os galegos e galegas”.

No vídeo tamén aparecen na provincia da Coruña, Diego Calvo; na de Pontevedra, Luis López; na de Lugo, Elena Candia, e na de Ourense, Luis Menor. Tamén a secretaria xeral Paula Prado, quen destaca ademais a importancia do Camiño de Santiago. Todos eles, seguindo as indicacións do presidente do PPdeG, dispóñense a facer unha ruta que “merece moito a pena” e coa que se transmite a mensaxe do camiño a seguir, o da Galicia SI e o que máis se parece a maioría de galegos e galegas, como o Partido Popular de Galicia.

É no caso do presidente provincial do PP de Ourense, que é o que se encontra con Alfonso Rueda ao final do camiño, preto da casa de Otero Pedrayo, onde se mostra a fortaleza do PPdeG, todos xuntos por un único obxectivo: Galicia.

Dende diferentes puntos de cada provincia, os populares buscan os sinais que deben seguir para ir polo “bo camiño”, como fai Diego Calvo, quen inicia a ruta que lle foi encomendada coa chamada do presidente Alfonso Rueda e que se dispón a facer camiñando polo sendeiro da estabilidade e o sentidiño. Ademais, o vídeo fai un guiño especial á cidade de Lugo, na que Elena Candia acadou a alcaldía fai xa máis de dous meses e na que continúa traballando sen descanso por sacar a cidade da parálise a que estaba sometida.

Neste sentido, transmítese unha imaxe de unión e de traballo en equipo, identidade que diferencia ao PPdeG do resto de partidos. De feito, esta mensaxe en positivo tamén se contrapón á de aqueles que din ‘non’ e que se opoñen a calquera iniciativa por sistema, como amosa o presidente provincial do PP de Pontevedra, quen viste uns calcetíns “a xogo” co fío condutor do vídeo.

En definitiva, a xa tradicional peza audiovisual do PPdeG polo Día de Galicia escenifica a maneira de facer as cousas dos populares: camiñando con paso firme polo presente e futuro da nosa terra, traballando en equipo e co foco posto sempre en beneficio de todos os galegos e galegas.

O PPdeG enxalza o labor da Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar do Deza, que atendeu a máis de 150 familias en 2025

O PPdeG enxalzou o labor da Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar (UDIAF) do Deza.

Os deputados do Grupo Parlamentario Popular Raúl Santamaría, Manuel Santos e Carmen Pomar visitaron, en Lalín, as instalacións desta unidade, que conta cun equipo interdisciplinar de cinco profesionais especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá, ademais dunha administrativa. O servizo, público e gratuíto, acolle ás familias dos concellos de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón.

Durante a xuntanza mantida coa coordinadora xeral da unidade, Maia García, ademais de coñecer o funcionamento e as necesidades actuais da UDIAF, recibiron a memoria anual de actividades, onde se recolle o traballo desenvolvido pola entidade na comarca ao longo de todo o ano. Así, no 2025, esta unidade atendeu a 156 familias, cuxo grado de satisfacción global é dun 4,91 puntos dun total de 5. Asemade, realizouse un total de 4.052 prestacións individuais, entre elas: 126 consultas de acollida, 254 sesións de valoración e ata 3.255 sesións de apoio directo a menores e familias.

Tras poñer en valor o labor realizado nos seis concellos da comarca, amosaron o seu compromiso de trasladar as necesidades do centro e as demandas dos profesionais ao Parlamento de Galicia, co fin de garantir que o servizo se preste coa mellor calidade e nas mellores condicións posibles, tanto para as nenas e nenos como para as súas familias.

AMPLIACIÓN DA REDE DE ATENCIÓN TEMPERÁ
Durante o encontro, no que estiveron acompañados polo concelleiro de Política Social do concello de Lalín, Avelino Souto, os parlamentarios populares fixeron mención ao ditame de novas propostas a prol da integridade das persoas con discapacidade, aprobado recentemente e que contou cun amplo consenso entre entidades, asociacións, organizacións, familias e, tamén, os grupos con representación no Parlamento de Galicia.

Tal e como remarcaron, a atención temperá ocupa unha das liñas de actuación prioritarias, xa que se avoga pola ampliación da rede de atención ata cubrir todo o territorio e, tamén, pola creación de servizos específicos máis aló dos 6 anos.

A UDIAF de Lalín, que desde que abriu as súas portas en 2009 atendeu a máis de 850 familias, forma parte dun proxecto impulsado pola Asociación Galega de Atención Temperá e está financiado integramente pola Xunta de Galicia. O concello, pola súa banda, cede as instalacións, situadas no Parque Empresarial Lalín 2000. Presta, así, asesoramento, orientación e apoio ao desenvolvemento de nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, seguindo o modelo da Rede Galega de Atención Temperá. A intervención baséase nun enfoque integral que inclúe tanto ao menor como ao seu entorno familiar e social.