O PPdeG salienta que a modernización do radar de Xesteiras situará a Galicia á vangarda da predición meteorolóxica.
Durante unha visita á estación meteorolóxica de MeteoGalicia, en Cuntis, o deputado do Grupo Parlamentario Popular Julio García Comesaña, acompañado pola portavoz do PP local Isabel Couselo, puxo en valor o compromiso do Goberno galego con esta infraestrutura, estratéxica para a seguridade, a protección civil e a capacidade de anticipación fronte aos fenómenos meteorolóxicos adversos.
Neste senso, fixo referencia aos máis de 1,63 M€ que o Goberno galego destinará para a renovación integral do radar, situado no monte Xesteiras. Grazas a este investimento, apuntou García Comesaña, substituirase a tecnoloxía actualmente en funcionamento por un sistema de última xeración, máis eficiente, máis fiable e plenamente adaptado aos estándares internacionais: “Galicia contará cun dos sistemas radar máis avanzados de España, reforzando a posición de MeteoGalicia como un servizo público de referencia”. O radar de Xesteiras é unha peza esencial para o traballo diario de MeteoGalicia, polo que dispoñer dun equipamento máis moderno permitirá ofrecer datos máis precisos e fiables e anticiparse con maior eficacia aos fenómenos meteorolóxicos adversos. “Investir en prevención –dixo o parlamentario popular- é investir en seguridade”.
O novo sistema incrementará a estabilidade e a calidade da información obtida polo radar, reducirá o risco de interrupcións do servizo e facilitará o mantemento da instalación, prolongando a súa vida útil. Ademais, reforzará a capacidade de MeteoGalicia para detectar con maior precisión episodios de choiva intensa, tormentas, sarabia e outras situacións de risco que requiren información en tempo real. A actuación desenvolverase ata marzo de 2027 e contará cun cofinanciamento europeo do 60 % a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Pola súa banda, Isabel Couselo Torres fixo fincapé en que sexa Cuntis quen acolla unha instalación que presta servizo a toda Galicia, facendo que os concellos sexan protagonistas na innovación, a tecnoloxía e a protección da cidadanía.
