Alberto Pazos di que a proposta de financiamento autonómico é “gravemente lesiva” para Galicia por ser “inxusta, arbitraria e insolidaria”

O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, sinalou, hoxe, que a proposta de reforma do sistema de financiamento autonómico de “inaceptable para Galicia” por ser inxusta, arbitraria e insolidaria. E remarcou que o PPdeG, a diferenza do BNG e do PSdeG, non vai ser cómplice do maltrato do Goberno central a Galicia.

Tal e como explicou, a proposta realizada polo Executivo de España atribúe á nosa Comunidade un 2,4% dos recursos adicionais, cando a nosa poboación axustada é do 6,5%. Neste punto, Pazos lamentou a actitude submisa de nacionalistas e socialistas ao aplaudir que Galicia reciba un terzo do que lle correspondería. Asemade, considerou que introduce dous fondos, un de cambio climático e outro do IVE a PEMES, “absolutamente arbitrarios” que a castigan gravemente. Segundo detallou, mentres Cataluña recibiría 1.441 M€ do fondo para as pequenas e medianas empresas, Galicia, “nin un só euro”.

A proposta racha, tamén, co principio de solidariedade interterritorial para “garantir que as Comunidades máis ricas manteñan indefinidamente a súa posición de privilexio”. “A proposta de financiación autonómica –destacou- é gravemente lesiva para Galicia”.

UN TEATRILLO ANTES DAS VACACIÓNS
Fixo referencia ao aprazamento do Consejo de Política Fiscal e Financeira para setembro, tal e como solicitaron 13 gobernos autonómicos, encabezados pola Xunta de Galicia, debido á negativa do Goberno central a facilitar información completa antes da reunión e para, tamén, que se analizasen con rigor as alegacións realizadas polas Comunidades autónomas.

Aproveitou para incidir en que a posición do Goberno galego sobre a proposta de financiamento autonómica é pública e que, en ningún momento foi modificada, polo que a petición de comparecencia do BNG responde a “un teatrillo antes de irse de vacacións”. “Mentres o Goberno de España non mude a súa formulación, a Xunta de Galicia non vai mudar a súa opinión”, apuntou Pazos, para continuar sinalando que “simplemente, nin imos aceptar esta proposta, nin imos aceptar ningunha proposta negociada nunha mesa na que Galicia non estea representada”.

UN SISTEMA DE FINANCIACIÓN LESIVO GALICIA
“Non imos aceptar unha proposta deseñada exclusivamente para atornillar os pactos de Sánchez co independentismo”, dixo, durante a súa intervención na Deputación Permanente.

E fixo fincapé en que o sistema de financiación é froito dun pacto entre PSdeG e ERC. Neste punto, instou aos nacionalistas a que aclaren se “van retirar o apoio a ese presidente que propón un sistema tan lesivo para Galicia e se van rachar o pacto con ERC que está a chantaxear ao Goberno con exixencias que prexudican gravemente a Galicia”. “Veñen ao Parlamento de Galicia –finalizou o portavoz popular- a ruxir como leóns para despois chegar a Madrid e miañar como gatiños”.