O PPdeG urxe ao Goberno central a que rectifique a súa de decisión de excluír a Galicia do plan estatal de migración ao ancho de vía e incorpore de xeito inmediato a nosa Comunidade na planificación prevista para o Corredor Atlántico.
A través dunha proposición non de lei, o Grupo Parlamentario Popular pon de manifesto que “o novo agravio” do Executivo de Pedro Sánchez coas infraestruturas galegas compromete a integración efectiva de Galicia no Corredor Atlántico e condena á maior parte da rede ferroviaria galega a permanecer nun sistema cada vez máis afastado dos estándares europeos. Neste senso, o deputado popular Gonzalo Trenor advertiu de que “esta decisión unilateral” non se trata dunha mera cuestión técnica, senón dunha “decisión política que hipoteca a competitividade de Galicia para as vindeiras décadas”.
Tal e como expuxo, esta exclusión impedirá atraer novos operadores ferroviarios, limitará o incremento do transporte de mercadorías e freará a posibilidade de ofrecer mellores frecuencias e prezos máis competitivos no servizo de viaxeiros. “Mentres o resto do Estado avanza cara á interoperabilidade plena coa rede ferroviaria europea, Galicia queda relegada a un modelo ferroviario do pasado”, sinalou o parlamentario popular, quen alertou de que o territorio corre o risco de converterse nun “fondo de saco ferroviario no extremo occidental da Península” ao deixar fóra do plan estatal máis do 80 % da rede galega en ancho ibérico.
E recordou que Galicia leva anos reclamando, con argumentos técnicos e económicos, a migración progresiva ao ancho internacional, comezando polo tramo Santiago-Ourense, unha actuación, subliñou, imprescindible para culminar a plena integración do Eixo Atlántico na rede europea. Así, reclamou un calendario concreto para a adaptación progresiva das vías ao estándar internacional, con este tramo e os nós estratéxicos como prioridades absolutas.
ABSOLUTA FALTA DE TRANSPARENCIA
A iniciativa popular pon o foco na “absoluta falta de transparencia” por parte do Goberno central: “Nin informou previamente á Xunta, nin explicou os criterios empregados, nin fixo público o informe remitido á Comisión Europea”. É por iso que os populares reclaman a publicación íntegra do informe remitido a Bruxelas e dos estudos que catalogan a rede galega como inviable economicamente, para coñecer así os criterios reais do descarte.
Esta preocupación é compartida pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), que tamén reclamou explicacións públicas ante o impacto económico que terá a medida. Para o Grupo Popular, resulta “especialmente contraditorio” que o Executivo de Pedro Sánchez free a adaptación de Galicia, “hipotecando o desenvolvemento do Corredor Atlántico”, ao ancho europeo no mesmo momento no que a Unión Europea impulsa con forza os corredores ferroviarios internacionais: “Galicia non pode aceptar converterse na única gran rexión atlántica condenada a quedar á marxe da interoperabilidade ferroviaria europea”.
