Alfonso Rueda pon en valor o Camiño do Litoral para coñecer e descubrir Galicia e a súa costa dunha forma diferente

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe o Camiño do Litoral, unha iniciativa do Goberno galego que busca ofrecer a cidadáns e visitantes unha forma diferente de coñecer e descubrir Galicia, a súa costa e o seu patrimonio natural.

Así o salientou o líder dos populares galegos nun paseo por un tramo do itinerario ao seu paso polo concello de Cabanas co presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, acompañados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo; o alcalde, Fernando Couce, e a responsable da área de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez. Esta ruta é tamén unha maneira de fomentar un turismo sostible e desestacionalizado que permita explorar Galicia tanto en xaneiro como en pleno mes de agosto.

O Camiño do Litoral conta con 52 etapas e máis de 1.370 quilómetros que transcorren por 78 concellos e vertebra a comunidade de norte a sur, con sinalización integrada coa paisaxe mediante materiais sostibles e de baixo impacto. Ademais, o Executivo galego desenvolveu unha aplicación específica para móbil que inclúe todas as etapas do itinerario, información sobre os elementos recollidos no Catálogo de bens de valor cultural no litoral e outros datos de interese sobre o patrimonio natural característico da contorna.