O PPdeG esixe ao Goberno de Sánchez explicacións ante os atrasos e deficiencias nas obras das estacións de tren de Lugo, Sarria e Monforte

Lugo, 19 de agosto de 2026.-. Os deputados lucenses do PPdeG no Congreso -Francisco Conde, Jaime De Olano e Cristina Abades- veñen de rexistrar diversas iniciativas parlamentarias para esixir ao Goberno de Pedro Sánchez explicacións polos atrasos e as deficiencias que afectan ás obras das estacións ferroviarias de Lugo, Sarria e Monforte de Lemos, integradas no plan de modernización do corredor Ourense-Monforte de Lemos-Lugo, “fundamentais para a mobilidade e a competitividade da provincia”.

As iniciativas presentadas polos deputados populares poñen o foco, de maneira especial, nunha cuestión común: ningunha das tres estacións foi aínda recepcionada por Adif, malia os anuncios realizados polo Goberno e pola propia empresa pública sobre a finalización ou posta en servizo das actuacións. Por iso, solicitan ao Goberno aclaracións sobre as deficiencias que impiden a recepción das obras, polos prazos reais para a súa solución, polos mecanismos de supervisión e control das actuacións e pola posible depuración de responsabilidades ante os reiterados incumprimentos e informacións públicas contraditorias.

Francisco Conde explica que “a estación de Lugo segue pechada a pesar dos anuncios do propio Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, a de Sarria funciona de forma automática a pesar de non ser recepcionada e a de Monforte de Lemos presenta graves deficiencias en ascensores, iluminación e accesos”. Esta situación, para o popular, “pon en evidencia unha xestión deficiente do cumprimento dos prazos e da calidade na execución das obras por parte de Adif”.

“Mentres o Goberno de Sánchez anuncia investimentos e inauguracións, a realidade é que as obras non están rematadas, as estacións non están recepcionadas e os usuarios seguen padecendo as consecuencias”, afirma o popular que subliña estes casos como un novo exemplo do “abandono do Goberno ante as necesidades de conectividade de Galicia e, especialmente, da provincia de Lugo coa complicidade do PSOE e do seu socio de Goberno, o BNG”.

Os populares reclaman que o Executivo dea a cara, explique os motivos dos atrasos e concrete cando estarán realmente rematadas e plenamente operativas estas actuacións do corredor ferroviario Ourense – Monforte de Lemos – Lugo.

LUGO: UNHA INAUGURACIÓN ANUNCIADA PARA XUÑO QUE NON SE PRODUCIU

No caso da estación intermodal de Lugo, o propio ministro de Transportes e Mobilidades Sostible anunciou no Senado, o pasado 7 de abril, que viaxaría a Lugo en xuño para inaugurar a nova estación. Posteriormente, Adif sinalou que estaría rematada a finais dese mes. Porén, a día de hoxe as obras aínda non finalizaron e permanecen pendentes actuacións relevantes como a urbanización e o paso inferior.

A alcaldesa ten solicitado unha reunión institucional co presidente de Adif para abordar as actuacións que executa en Lugo entre as que se atopa a nova estación e a súa integración no entorno, a zona da praza Conde Fontao -que continúa pechada ao tráfico tralas obras de reurbanización incluídas no proxecto da nova estación e que tampouco foron recibidas por Adif-, o paso urbano peonil baixo as vías e a conexión coa zona alta da cidade.

Os populares, no seu labor de fiscalización, esixen ao Executivo explicacións sobre  o incumprimento dos anuncios realizados, e se a estación conta con todas as autorizacións técnicas e de seguridade necesarias. Tamén trasladaron a súa preocupación sobre as deficiencias que impiden a súa recepción, cal é a situación da rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida e da solución ao desnivel entre o andén e o tren. Finalmente, tamén solicitan ao Goberno aclaracións sobre o posible incremento do orzamento, o período de garantía para corrixir as deficiencias, as eventuais penalizacións á empresa adxudicataria e a elaboración dun calendario detallado para completar as actuacións pendentes.

SARRIA: UNHA ESTACIÓN EN FUNCIONAMENTO PERO SEN RECEPCIÓN

En Sarria, as actuacións previstas inclúen o tratamento de andéns e cruces entre andéns, unha nova pasarela peonil sobre as vías e a reconfiguración e ampliación das instalacións para permitir a circulación de trens de ata 750 metros. A pesar diso, a estación funciona de forma automática; pero a obra continúa sen ser recepcionada por Adif.

Os deputados do PP solicitan ao Goberno aclaracións sobre o estado real de todas estas actuacións, polas deficiencias que impiden a recepción, polas partidas que puidesen quedar pendentes e polo prazo para que a estación estea plenamente operativa e recepcionada. Ademais, poñen sobre a mesa unha cuestión especialmente relevante: por que as obras non incluíron un ascensor que permita garantir unha accesibilidade plena entre os distintos andéns e a pasarela peonil e se o Goberno ten previsto executar esta actuación nunha fase posterior.

MONFORTE DE LEMOS: DEFICIENCIAS A PESAR DO ANUNCIO DE FINALIZACIÓN DAS OBRAS

En Monforte de Lemos, as obras de remodelación integral da estación comezaron en febreiro de 2023. Adif anunciou o 18 de xuño de 2026 a conclusión das obras de mellora da accesibilidade. Con todo, Conde advirte que “os ascensores continúan sen estar operativos, persisten problemas de iluminación nos andéns e existen fisuras e plaquetas rotas”. Ademais, o vestíbulo permanece pechado en determinadas franxas horarias e a obra tampouco foi recepcionada por Adif.

Por este motivo, os populares esixen saber cando se abrirá de novo o vestíbulo coincidindo cos horarios de todos os trens, cando entrarán definitivamente en funcionamento os ascensores e como pode Adif anunciar a conclusión das obras cando existen deficiencias pendentes. Tamén piden aclaracións polas actuacións que faltan para dar por finalizada e recepcionada a obra, polo importe pendente de certificar ou liquidar, polas inspeccións técnicas realizadas e polas posibles penalizacións á empresa adxudicataria polos atrasos ou deficiencias detectadas.

O PPdeG enxalza o éxito do plan Renova o teu vehículo, tras acadar máis de 1.600 solicitudes e superar os 3,7 M€ de investimento

O PPdeG destacou hoxe o “éxito rotundo” e a “acollida espectacular” da convocatoria deste ano do programa Renova o teu vehículo, tras pechar cun total de 1.631 solicitudes para a compra de automóbiles eficientes.

Durante unha visita ao concesionario Rofer en Vigo, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo, salientaron que “esta alta demanda provocou que as axudas solicitadas superasen os 3,7 M€, desbordando o orzamento inicial de 3,5 M€ previsto para este ano”. Para os populares, este interese demostra “a utilidade real” das políticas do Goberno galego á hora de facilitar “unha transición enerxética xusta, idónea e adaptada ás necesidades do peto dos galegos”.

Respecto ao perfil dos solicitantes, do total das 1.631 peticións presentadas, 1.535 corresponden a particulares e 96 a empresas. Os datos reflicten que os galegos apostan maioritariamente pola hibridación e polas tecnoloxías limpas: 880 solicitudes de modelos híbridos de gasolina, 374 para os de gases licuados de petróleo (GLP), 135 para os eléctricos puros e 99 para os híbridos enchufables.

UN BALÓN DE OSÍXENO PARA AS FAMILIAS
Neste sentido, os deputados remarcaron que estas subvencións –que chegan ata os 4.000 euros e ata os 4.600 euros no caso de familias numerosas- constitúen un verdadeiro “balón de osíxeno” para a economía doméstica. “O plan non só rexuvenece o parque automobilístico, senón que tamén favorece a mobilización directa de 37 M€ na economía e un aforro enerxético anual equivalente a uns 350.000 litros de gasóleo”, subliñou Miguel Fidalgo.

A iniciativa financia a adquisición de automóbiles novos, turismos ou furgonetas, que, ademais de cumprir cunhas determinadas características de emisións, teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros. Unha cifra, tal e como explicaron, que se amplía ata os 47.000 euros no caso dos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.

COMPROMISO CO TECIDO INDUSTRIAL
Máis alá do impulso directo aos usuarios, os parlamentarios populares puxeron en valor o compromiso integral do Goberno galego co tecido produtivo a través da publicación, este pasado mes de xullo, dunha nova convocatoria extraordinaria de axudas para empresas do sector galego da automoción.

Esta liña, dotada con 45 M€ e aberta para solicitudes ata o 30 de setembro, estrutúrase en tres grandes eixes de 15 M€ cada un: o primeiro, destinado a proxectos de desenvolvemento experimental e innovación en organización; o segundo, centrado na protección ambiental e na descarbonización; e o terceiro, dirixido especificamente ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.

“Esta nova inxección económica enmárcase na estratexia que o Goberno galego vén desenvolvendo para consolidar a Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa”, explicou Felisa Rodríguez. Neste contexto global, lembrou que a previsión do Executivo autonómico é chegar a mobilizar máis de 230 M€ mediante o Plan director da automoción de Galicia 2025-2027 (dotado con 134,1 M€) e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización iniciado en 2024.