O PPdeG esixe ao Goberno de Sánchez o informe que rexeita adaptar a rede ferroviaria galega ao ancho europeo e abrir unha mesa técnica coa Xunta

O PPdeG esixe ao Goberno central “acceso completo e inmediato ao informe de viabilidade de cambio de ancho de vía” remitido á Comisión Europea polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, no que descarta adaptar as vías ferroviarias convencionais ao ancho estándar europeo, así como a “apertura dunha mesa técnica específica” coa Xunta de Galicia “para analizar a migración detallada da rede galega”, ante o “malestar e preocupación” xerados por unha decisión que “suporía un severo revés” para a nosa Comunidade.

Os deputados galegos no Congreso rexistraron unha solicitude para dispoñer do devandito informe; e, en paralelo, unha pregunta ao Goberno central na que, en primeiro lugar, demandan que o documento sexa facilitado tanto á Xunta de Galicia como á Cámara Baixa, dado que o Executivo galego “leva meses pedindo información detallada sobre este tema e recibindo evasivas”, e a que “se coñece procede dos medios de comunicación”. Esta iniciativa compleméntase proposición non de lei rexistrada polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia.

Neste sentido, o deputado galego Celso Delgado sinala que Transportes “descarta adaptar as vías convencionais ao ancho de vía nominal estándar europeo”, de 1.435 mm, tal e como ditamina a normativa da Unión Europea, co argumento de que precisaría dun investimento de entre 20.000 e 30.000 millóns de euros, obrigaría a convivir uns 30 anos con obras permanentes e provocaría unha rendibilidade económica practicamente nula. Comparte coa Xunta que “é un absoluto desacerto técnico e político despachar unha decisión deste calado baixo unha premisa macroeconómica de ‘todo ou nada’”.

Pola contra, “esixe rigor, analizando en detalle liña por liña, comunidade por comunidade”, engade. No caso de Galicia, completar o ancho estándar en toda a rede de alta velocidade requiriría actuar sobre un extremo da infraestrutura, 250 quilómetros de vía para conectar Ourense co resto de cidades do Eixo Atlántico; priorizando a substitución do ancho ibérico no tramo Santiago-Ourense para a súa posterior posible extensión ao Eixe Atlántico.

PLAN DIRECTOR DO CORREDOR ATLÁNTICO

Na súa pregunta ao Goberno central, os deputados populares fanse eco do “malestar e preocupación” causados en Galicia por unha decisión que “priva aos galegos e galegas de desfrutar as vantaxes loxísticas e comerciais doutros territorios: máis operadores, máis frecuencias, servizos de baixo custo e tarifas competitivas”. Tamén inquiren por unha reunión técnica coa Xunta ao considerar “moi lamentable” que o Ministerio “continúe adoptando resolucións ferroviarias de costas a Galicia e sen diálogo”, tanto co seu Executivo como cos axentes económicos e sociais, cando o informe remitido a Europa “aborda decisións estratéxicas que condicionarán o futuro da competitividade empresarial durante as próximas décadas”.

Así mesmo, os populares galegos reclaman saber se Transportes está disposto a facilitar o Plan Director completo do Corredor Atlántico -con calendario de inversións vinculante-, “en lugar do Power Point coñecido ata o de agora”. A falta de información, sumada á “falta de interlocutor directo con Renfe e Adif sobre as constantes incidencias ferroviarias na Comunidade, demostran a ausencia de transparencia do Ministerio e a falta de compromiso con Galicia”, remarcan.

O PPdeG denuncia que o Goberno pretende facer caixa cos concellos a través do “tarifazo” da Confederación Hidrográfica

O PPdeG denuncia que o Goberno de España pretende cargar agora sobre os concellos da provincia de Lugo unha nova factura por actuacións hidráulicas de saneamento e abastecemento executadas ao abeiro de convenios nos que, segundo advirten, non estaba prevista esta obriga económica.

A deputada popular Cristina Abades e o senador José Manuel Balseiro consideran “especialmente grave” que os municipios aceptasen e executasen estas actuacións baixo unhas condicións económicas determinadas e que, anos despois, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pretenda impoñerlles un tarifazo que nunca figurou nos convenios asinados.

“O Goberno non pode acordar unhas obras cunhas condicións e, cando xa están feitas, inventar unha nova factura e obrigar aos concellos a pagala. Iso non é cooperación institucional: é facer caixa a costa dos municipios”, denuncian os populares.

Desde o PP censuran que actuacións destinadas a mellorar servizos públicos esenciais como o abastecemento e o saneamento estean sendo utilizadas polo Goberno como un mecanismo recadador. “As Confederacións Hidrográficas están para colaborar cos concellos e solucionar problemas, non para converter os municipios nunha fonte de ingresos nin para reclamarlles anos despois cantidades que nunca estiveron sobre a mesa”.

Abades e Balseiro advirten, ademais, de que estas liquidacións poden detraer recursos das arcas municipais que deberían destinarse a servizos, investimentos e necesidades dos veciños. “Cada euro que o Goberno queira sacar agora aos Concellos mediante este tarifazo é un euro que deixa de estar dispoñible para os cidadáns”.

Para analizar a situación cos municipios directamente afectados, Cristina Abades e José Manuel Balseiro mantiveron unha reunión cos alcaldes de Baralla e Folgoso do Courel, na que abordaron as liquidacións reclamadas pola Confederación Hidrográfica e as actuacións que se impulsarán para defender os intereses municipais.

Paralelamente, o PP levou este asunto ao Senado e ao Congreso dos Deputados para esixir ao Goberno que aclare cantos convenios están afectados na provincia de Lugo, que cantidades xa reclamou ou prevé reclamar, que porcentaxe dos investimentos pretende repercutir sobre cada municipio, como calcula esas exaccións e, especialmente, se os convenios asinados advertían expresamente aos Concellos de que terían que asumir posteriormente estes pagamentos.

“Queremos saber canto pretende cobrar o Goberno, a que Concellos, por que obras e con que fundamento. O que non imos aceptar é que se cambien as condicións unha vez executadas as actuacións e que se pretenda facer negocio cos concellos mediante unha factura que nunca pactaron”, conclúen Abades e Balseiro.

TARIFAZOS A BARALLA E FOLGOSO DO COUREL

A Confederación Hidrográfica pasa unha liquidación ao Concello de Baralla neste ano 2026 de preto de 4.700 euros en concepto de Tarifa pola Utilización da Auga polas obras hidráulicas do proxecto de construción dun azud desmontable no río Neira. O convenio entre ambas administracións fora asinado no ano 2020 e recollía que a Confederación financiaría o 80% das actuacións e o Concello, o 20% restante que foi liquidado fai tempo. Daquela non incluía ningunha obrigatoriedade de pagar esta taxa.

En Folgoso do Courel, a Confederación Hidrográfica pretende aplicar ao Concello a Tarifa pola Utilización da Auga ás obras de saneamento do núcleo de Sobredo financiadas ao 100% polo organismo de conca; pese a que nin cando se asinou o convenio -no ano 2018- nin cando se executaron as obras estaba prevista esa carga económica.

O propio Concello alegou contra esta imposición indicando que, de terse coñecido daquela esta obriga, o convenio non se tería asinado nin as obras se terían executado, e denuncia que agora se pretenda impoñer unha tarifa periódica durante 25 anos sobre unha actuación xa realizada. Para 2026, o Goberno xa aprobou unha contía de preto de 4.500 euros en relación a esta obra.

O PPdeG pon en valor os CIM móbiles como unha ferramenta “esencial” para o rural que reforza a sensibilización da sociedade galega

A portavoz de Política Social do Grupo Parlamentario Popular Raquel Arias e a deputada Nicole Grueira puxeron en valor a consolidación dos CIM móbiles, recurso público e gratuíto implementado polo Goberno galego, de funcionamento itinerante, que complementa o labor dos 84 Centros de Información á Muller existentes en Galicia, como “unha ferramenta esencial para informar, asesorar e atender ás mulleres do noso rural fronte á violencia de xénero”.

“Falamos dun recurso fundamental para seguir afondando nunha maior concienciación e sensibilización da sociedade neste eido”, destacaron as deputadas populares durante unha visita a un CIM móbil en Barreiros, onde comprobaron de primeira man a atención individualizada, confidencial e voluntaria, cun enfoque integral e multidisciplinar, que ofrece este recurso, “co valor engadido de prestar un servizo de proximidade en concellos que non teñen un centro permanente”.

Desde a posta en marcha do servizo, no mes de febreiro, e ata finais de xuño, a provincia de Lugo rexistrou un total de 40 atencións de carácter social, psicolóxico e xurídico, como resultado de 72 visitas a 48 concellos. Destes, 19 recibiron máis dunha visita, o que evidencia a consolidación da intervención continuada naqueles puntos onde se identifican necesidades específicas.

As atencións psicolóxicas constituíron o principal ámbito de actuación do servizo na provincia lucense, ao representar o 72,5% do total das intervencións realizadas (29). A continuación, situáronse as atencións sociais, cun 22,5% (9). Por último, figuran as de índole xurídica, cun 5% (2 de 40). Case a metade das intervencións, o 45% (18), rexistráronse no mes de xuño, o que reflicte a consolidación dos procesos de seguimento das usuarias incorporadas ao programa.
O servizo desenvolve actualmente atención individual continuada en 7 concellos lucenses, nos que se realizan intervencións especializadas con mulleres vítimas de violencia de xénero e coas súas familias. Durante o mes de agosto, ademais, o CIM Móbil acudiu aos concellos de O Valadouro (día 10), O Corgo (11), Xove (12), Sober (13), Antas de Ulla (14) e Láncara (19); e ten previsto desprazarse a O Cervo (20), Monterroso (21), Muras (26), O Páramo (27) e Pedrafita do Cebreiro (28).

ACTIVIDADES DE SENSIBILIZACIÓN E DIFUSIÓN
Por outra banda, dentro do balance de actuación na provincia de Lugo ata finais do mes de xuño, realizáronse actividades de sensibilización a pé de rúa nos concellos de Rábade, Portomarín, O Incio e A Pobra do Brollón, aproveitando celebracións feirais para incrementar o seu alcance. Ademais, desenvolvéronse dúas actuacións de difusión no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, concretamente nas facultades de Veterinaria e Enfermaría.

Os CIM móbiles complementan o labor que desenvolven os 84 CIM cos que conta Galicia. Estes últimos son un recurso que o Goberno galego traballa para consolidar e, con este obxectivo, o pasado mes de xuño aprobou en Consello a convocatoria dunha nova orde de axudas de cinco millóns de euros para financiar o seu funcionamento.