A comisión de Cultura do PPdeG pon en valor o traballo da Fundación Otero Pedrayo arredor da conservación da figura do intelectual ourensán, xusto cando se cumpren 50 anos da morte do escritor, conmemorados coa declaración do 2026 como Ano Oteriano. Así, nunha visita á Casa-Museo do escritor, na parroquia de Trasalba, no concello ourensán de Amoeiro, os populares agradeceron ao presidente da entidade, Eduardo López, o papel que desenvolven para difundir a pegada dun dos piares do florecemento cultural de Galicia.
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, o responsable da área de Cultura do Goberno galego, José López Campos e a coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, puideron coñecer os recunchos da Casa-Museo na que o escritor ourensán desenvolveu parte do seu talento e que, na actualidade, funciona como sede da Fundación.
Durante a visita, tamén lembraron a importancia da declaración do 2026 como Ano Oteriano, aprobada no Parlamento de Galicia o pasado 17 de decembro de 2025, que ademais de coincidir co 50 aniversario da morte do escritor, tamén conmemora o centenario da publicación da súa obra “Guía de Galicia”.
