O Partido Popular denunciou hoxe en Vigo, a través dos deputados nacionais Irene Garrido e Pedro Puy, a “asfixia fiscal” a autónomos e cidadáns por parte do Executivo de Pedro Sánchez e lamentou que esta enorme carga impositiva prexudique principalmente a Galicia, posto que revelaron que a recadación tributaria na nosa comunidade no primeiro semestre deste ano (+18,3%) incrementouse o dobre que no resto de España (+10,4%).
Os dous congresistas do PP criticaron esta “persistente voracidade” do Goberno central” cos petos das familias, xa que apostillaron que esta política está a xerar unha “evidente perda de poder adquisitivo” dos cidadáns, que dispoñen dun 2% menos de renda real en comparación co ano 2021 como consecuencia da presión fiscal, polo que esixen de novo que se axuste a tarifa do IRPF á inflación, tal e como foi aprobado pola maioría do Congreso dos Deputados.
“España é un país fiscalmente exhausto que vive baixo a maior presión fiscal da súa historia despois de que Pedro Sánchez aprobase, nestes oito anos, ata 100 subdas de impostos, incrementando os ingresos en 180.0000 millóns de euros e a débeda pública en 500.000 máis”, revelou Irene Garrido, que incidiu en que este “sablazo” aos cidadáns afecta especialmente ao colectivo dos autónomos, no que se inclúen 204.000 galegos.
A deputada viguesa arremeteu contra a desatención a este sector fundamental da economía da provincia e de Galicia e tamén contra os “incontables e sistemáticos incumprimentos”, comezando pola inaplicación da normativa europea que permitiría a exención da xestión do IVE para os que facturen menos de 85.000 euros anuais. Así, laiouse tamén da devolución do exceso de cotización desde hai dous anos ou da falta de recoñecemento para o 60% dos ceses de actividade.
Nesta liña, indicou que a implantación destas medidas figura entre as trinta propostas do contrato de autónomos do PP, no que tamén se recollen a tarifa cero para emprendedores, a redución da burocracia con só dúas declaracións anuais, unha lei de segunda oportunidade realista e as bonificacións do 100% das cotizacións polo primeiro traballador contratado. “Reclamamos xustiza contributiva e que o esforzo fiscal dos autónomos se corresponda cun Estado que cumpre o que promete”, sinalou, antes de lembrar que estas eivas está a ser suplidas en Galicia -que é a terceira rexión na que os autonómos teñen máis peso e representan ao 98% das pemes- por moitas medidas postas en marcha pola Xunta cos seus recursos con liñas de apoio que, só neste ano, suman máis de 42 millóns de euros.
“Duro” regreso das vacacións
Pola súa banda, Pedro Puy relacionou este aumento fiscal coa inflación interanual da provincia -un 4,2%-, que “vai facer especialmente duro para as familias este regreso das vacacións”, xa que ademais lembrou que a capacidade dos cidadáns para facer fronte aos seus gastos correntes é menor con respecto ao ano 2019.
“Desde que goberna Sánchez os galegos e os españois temos perdido poder adquisitivo pola incapacidade de facer reformas que fomenten a produtividade, pola incapacidade para aprobar orzamentos e, sobre todo, polo incremento da presión fiscal sobre o traballo”, advertiu o deputado pontevedrés, que cifrou o incremento da recadación polo IRPF cinco veces superior ao crecemento do PIB.
Puy engadiu que gran parte do incremento da recadación pola denominada Declaración da Renda débese á progresividade en frío, é dicir, á non adecuación do IRPF ás subas de salarios que só se axustan á inflación. “Gañamos máis nominalmente, pagamos máis de IRPF e, como consecuencia, en termos netos gañamos menos e perdemos capacidade de compra”, explicou.
Neste senso, lembrou que o PP impulsou e conseguiu aprobar varias iniciativas no Congreso para axustar o IRPF e compensar a perda de poder adquisitivo, principalmente coa modificación de alomenos os tres primeiros tramos, dos mínimos persoais e do resto de deduccións que atenden a circunstancias familiares, “pero o PSOE segue a ignoralas e engrosa as arcas do Estado a costa de que as familias sufran moito máis cando fan a compra e teñan que recurrir a créditos para o consumo”.
