O PPdeG advirte que non vai “consentir” que o Goberno central prexudique a Galicia cambiando o Regulamento Xeral de Costas co BNG “calado”

O PPdeG non vai “consentir que o Goberno de España” modifique o Regulamento Xeral de Costas introducindo “novos criterios para os límites do deslinde que prexudicarían á nosa costa e aos seus veciños e veciñas”. “Non imos consentir que dende un despacho en Madrid se tomen decisións que prexudican o noso territorio”, insistiu a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, dende Viveiro, un dos múltiples concellos galegos afectados por este cambio normativo que o Executivo central pretende introducir a través dun Real Decreto de medidas de xestión dos riscos de inundación.

Xunto coa responsable da área de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade lucense, Mariña Gueimunde, denunciou que “unha vez máis” o Goberno de Pedro Sánchez “toma unha decisión que prexudica a Galicia”; co agravante de que, neste caso, “temos xa a competencia” sobre o litoral, como respaldou o Tribunal Constitucional. “A pesar diso, o Goberno de España pretende dicirnos como xestionar a nosa costa e como gobernar Galicia”, censurou. Como comunidade con máis quilómetros de litoral de España, “temos dereito a seguir decidindo que facer na nosa costa”, subliñou.

Paula Prado criticou o feito de que o BNG, que “sempre pide máis autogoberno” e “máis competencias”, semella que “non ten nada que dicir” ante o “prexuízo” desta modificación legal para os habitantes e a “actividade económica” na costa. “Ana Pontón está absolutamente calada en relación con esta nova aldraxe a Galicia”, engadiu. Do mesmo xeito, “os alcaldes e alcaldesas do BNG e do PSOE” dos concellos afectados “tampouco defenden aos seus veciños”, dixo, polo que se preguntou “que ten que pasar para que o BNG alce a voz contra Pedro Sánchez e lle diga que basta xa de facer dano a Galicia e ao noso territorio”.

A número dous dos populares galegos avanzou que tanto dende o Goberno autonómico como “dende o PPdeG, dende todos os concellos que gobernamos, seguiremos loitando para defender esa competencia que temos” sobre o litoral, “que é lexítima e legal”. “Dende un despacho en Madrid non se pode intentar gobernar Galicia e gobernar a costa galega”, concluíu.

UNHA “TEIMA IDEOLÓXICA” DO MINISTERIO

Ángeles Vázquez quixo “denunciar publicamente o maltrato que están recibindo os cidadáns por unha teima”, a do Goberno central coa xestión da costa, “que é simplemente ideolóxica e non responde nin ao que poida acontecer coa súa seguridade nin ao coidado medioambiental”, senón que “é algo que vai moito máis alá e que non teñen que pagar os veciños”.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno galego puxo como exemplo destas prácticas o Edificio Neptuno de Viveiro, ante o cal se reuniron durante a visita con algúns dos seus veciños. Este edificio, segundo explicou, solicitara a prórroga da concesión de ocupación en dominio público marítimo-terrestre, pero “durante 8 anos estivo metida nun caixón”, de tal xeito que Costas do Estado e o Ministerio de Transición Ecolóxica “non lle deron resposta”. A Xunta, unha vez transferido o expediente por parte do Estado, resolveuno en 10 meses, como parte das 1.800 autorizacións concedidas polo Goberno galego desde que Galicia asumiu a xestión do seu litoral hai un ano.

Vázquez detallou que, “de forma extemporánea”, fóra de prazo, Costas emitiu un informe desfavorable sobre a prórroga da concesión, que se ben non é vinculante, advertiu de que si o sería coa reforma do Regulamento de Costas. De saír adiante este cambio legal, e tal e como figura no devandito informe, a explotación para arrendar as vivendas ou locais do edificio tería que someterse a concurso público. Isto supón “tratar igual un chiringuito que un edificio de vivendas que un hotel ou que calquera outra actividade que se leve a cabo na costa”, explicou.

A pretensión do Goberno central, lembrou Vázquez, é que non se concedan prórrogas nas concesións; e que aquelas xa concedidas se revisen de oficio e se retiren. E, adicionalmente, que calquera espazo onde chegue a onda dun temporal pase de ser privado a formar parte do dominio público, como figura nun artigo do Real decreto sobre inundacións. “Isto é: expropiar sen pagar e prohibir sen investir”, resumiu. Fronte a esta pretensión, a Xunta traballa para presentar as alegacións pertinentes.

UN CAMBIO “INVIABLE” E “AGOCHADO”

Mariña Gueimunde cualificou de “inviable” a modificación do Regulamento de Costas que pretende introducir o Goberno central, ao que demandou que “deixen” de “agochar detrás de decretos decisións” que “nos prexudican a todos”. A rexedora reclamou “seguridade” para un concello como Viveiro, onde “case todo o espazo urbano forma parte” do litoral, fronte a medidas que “comprometen non só os espazos municipais, senón tamén ás persoas”.

O PP denuncia a «asfixia institucional» do Goberno de Pedro Sánchez a Pontevedra con proxectos no caixón, estradas en estado deplorable e recortes intolerables aos cidadáns da provincia

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Pontevedra, José Crespo e Nidia Arévalo, compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar publicamente a «asfixia institucional» do Goberno de Pedro Sánchez a Pontevedra con proxectos no caixón, estradas en estado deplorable e recortes intolerables aos cidadáns.

Os representantes populares debullaron un mapa de promesas incumpridas, proxectos viarios conxelados e servizos públicos desmantelados que prexudican directamente a seguridade e o benestar dos cidadáns.

A senadora e portavoz adxunta do GPP, Nidia Arévalo, fixo fincapé no traballo parlamentario que se está a levar a cabo na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible para esixir un cambio de rumbo inmediato nunhas estradas nacionais cuxo estado cualificaron de «lamentable»

Ofensiva total no Senado contra un abandono viario «intolerable»

Arévalo lembrou que o GPP logrou aprobar unha emenda para esixir unha reforma urxente e inmediata centrada na mellora do firme da N-541 (Cerdedo-Cotobade), corrección de peraltes e acondicionamento de curvas perigosas. Así mesmo, reclamou recuperar os proxectos paralizados dos enlaces de Cutián e O Cádavo, adaptándoos sempre ás demandas reais do concello e da veciñanza.

Como alcaldesa do municipio, Arévalo denunciou tamén a grave deterioración do firme na N-550 ao seu paso por Mos, a sinalización deficiente e a falta de mantemento de marxes e cunetas que converten en zonas de alto risco para peóns e condutores a contornas como Louredo e Sanguiñeda. Esixiu a execución dos proxectos xa aprobados para protexer aos máis de 15.000 veciños afectados.

A senadora afeou os continuos adiamentos do Ministerio na N-120, no tramo por Ponteareas, cunha elevada sinistralidade e problemas de convivencia co tráfico pesado. Reclamou a licitación inmediata das obras e un calendario vinculante para eliminar este histórico punto negro.

Pola súa banda, o senador José Crespo sumouse ás críticas denunciando o abandono das vías da comarca de Deza. Detallou que a N-525 carece de mantemento recente no firme e que os parches por tramos na N-640 non son a solución. Ademais, censurou que o Goberno central teña rexeitado oficialmente por escrito proxectos estratéxicos como a Variante de Cadrón (N-640), a Variante da Estrada, a demandada Autovía Pontevedra-Lalín-Lugo ou o apeadoiro de pasaxeiros en Botos, a conexión da AP-53 en Bandeira coa N-525 e as cintas de precinto sobre Ponte Taboada, que leva máis dun ano pendente de facer as obras.

 

Perda de prestación públicas

A comparecencia serviu tamén para alzar a voz contra a perda de prestacións públicas cruciais na contorna dezana, o que supón un claro agravio comparativo con respecto a outras poboacións galegas.

 

José Crespo fixo especial fincapé nunha resposta oficial na que o Ministerio recoñece que non ten previsión de restablecer o funcionario desprazado da Tesourería Xeral (TGSS), un servizo esencial que funcionou entre 1998 e 2020.

O Executivo escúsase en que a TGSS «non conta con centro de traballo en Lalín», obrigando aos veciños —moitos de avanzada idade ou mobilidade reducida— a viaxes innecesarias á Estrada para calquera trámite.

O Executivo central tamén rexeitou por escrito abrir unha oficina da Axencia Tributaria en Deza-Lalín. Do mesmo xeito, descartou o centro de exames de conducir malia que Lalín cumpre os requisitos técnicos, o que os populares consideran unha discriminación fronte a concellos máis pequenos como Foz, O Barco ou Monforte.

 

Un Imserso que illa aos maiores

Finalmente, os senadores populares criticaron con dureza o cambio de sistema imposto polo Ministerio de Dereitos Sociais nas viaxes do Imserso, extinguindo os convenios que permitían aos concellos xestionar directamente as viaxes.

 

«O Goberno de Sánchez dálle as costas á veciñanza do rural ao eliminar un servizo de proximidade e obrigar ás persoas maiores a reservar unicamente por internet ou axencias», denunciaron, mentres sinalan que seguen agardando a que o Executivo responda por que se tomou esta polémica medida.

Os senadores do PP reafirmaron o seu compromiso de continuar batallando con firmeza dende o Senado para esixir os investimentos e os servizos que lexitimamente merece a provincia de Pontevedra.

Raquel Arias salienta que “as achegas para contratar socorristas durante o verán son fundamentais nos concellos do noso rural”

A deputada do Grupo Parlamentario Popular Raquel Arias salientou, durante unha visita á piscina municipal de Sober, que “as achegas do Goberno galego para contratar socorristas durante o verán son fundamentais nos concellos do noso rural, ao contar con orzamentos máis limitados”.

Raquel Arias, que estivo acompañada polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou que, na actual campaña, a Xunta destinou 1,5 M€ en achegas a 187 concellos de toda Galicia para financiar os gastos derivados da prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos naturais e outras instalacións acuáticas de titularidade municipal. Dese total, 40 concellos pertencen á provincia de Lugo.

En concreto, na comarca de Lemos obtiveron axudas para a contratación de socorristas nas piscinas municipais os concellos de Sober, Quiroga, Pantón e O Saviñao, por un importe global de 18.575,87 euros.

A representante popular lembrou que, “se ben estamos a falar dunha competencia das entidades locais, o Goberno galego bríndalles apoio aos concellos para que estean preparados no momento de maior afluencia de público”, non só mediante axudas económicas, senón tamén a través de coordinación operativa, cesión de medios materiais e formación especializada.

“Todo co obxectivo de reforzar a seguridade nos espazos de baño”, destacou Arias. “É fundamental que desde as Administracións se poñan os medios necesarios para que as familias poidan desfrutar con garantías e tranquilidade de praias e piscinas, dispoñendo de socorristas e das ferramentas necesarias para desenvolver o seu labor”.

MÁIS DE 4.600 SOCORRISTAS INSCRITOS

Cómpre salientar que a Xunta de Galicia leva investidos desde o ano 2015 máis de 27 M€ na cesión de equipamento aos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

No ámbito da formación, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) dispón este ano de 455 prazas para cursos específicos de salvamento e socorrismo, fronte ás 350 do ano anterior. En paralelo, as novas vías de acceso ao Rexistro Profesional de Socorrismo permitiron a inscrición de máis de 600 persoas, de tal xeito que Galicia conta na actualidade con 4.621 inscricións activas.

O PPdeG pide explicacións ao Goberno central ante a negativa de renovar o convenio para as clases de lingua e literatura galega no Instituto Español de Londres

O PPdeG demanda explicacións ao Goberno central a raíz da decisión de non renovar o convenio que garante as clases de lingua e literatura galega no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e reclama saber que se “xustifique” esta decisión, tendo en conta o número de alumnos afectados, a traxectoria do programa e o prexuízo para a comunidade galega no Reino Unido”.

Os deputados galegos no Congreso, a través dunha pregunta dirixida ao Goberno, sinalan que o Executivo de Pedro Sánchez decidiu non renovar o convenio subscribido en 1991, entre o Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia, polo que se viñan impartindo lingua e literatura galega no devandito centro, con máis de 50 alumnos matriculados en 2025 e actividades consolidadas como o programa Viaxe da Lingua. E denuncian que adoptou esta medida “sen que se ofrecesen explicacións oficiais”, “tendo que ser o propio Goberno galego quen denunciase esta situación e reclamase información”.

Os populares instan ao Goberno, en primeiro lugar, a aclarar se seguirá adiante coa súa decisión de non renovar o convenio; e, en caso afirmativo, “cales son as razóns obxectivas”. Por outra banda, inquiren se “ten previsto” o Goberno “ofrecer algunha alternativa ao Goberno galego, para garantir a continuidade do ensino da lingua galega no exterior”.

Os deputados galegos do PP tamén queren saber se o Goberno “reconsiderará” esta decisión, e se “manterá o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, tal como se veu facendo ininterrompidamente desde 1991”. E, por último, que outras clases de ensino de lingua e literatura se ofrecen actualmente no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e se está previsto amplialas a novos ensinos.