O PPdeG chama aos galegos e galegas á mobilización simultánea en apoio ao pobo ceutí e pola defensa da soberanía nacional

O PPdeG fai un chamamento aos galegos e galegas a participar nas concentracións simultáneas en apoio ao pobo ceutí, que se celebran mañá ás 20.00 horas diante dos concellos de Galicia. Os populares sinalan que esta mobilización se trata dunha mostra de “unión, solidariedade e compromiso” con Ceuta ante a crise migratoria actual que padecen estes compatriotas, tralos efectos da invasión que se produciu nos últimos días de xullo.

Os populares galegos defenden que estas mobilizacións non son un asunto “nin de esquerdas nin de dereitas”, senón de apoio á soberanía nacional e á volta a normalidade no territorio español, amosando empatía con compatriotas que o están pasando mal fronte a un Goberno central sumido na “absoluta pasividade” e no “abandono” do pobo ceutí.

Para o PPdeG, a realidade é que o PSOE de Pedro Sánchez provoca unha imaxe de “país fallido”, despois de asegurar que o problema estaba resolto aos dous días da invasión, cando a realidade é que un mes despois hai centos de persoas que seguen vagando polas rúas de Ceuta, sen que o Goberno dea ningunha solución. “Este é un Goberno experto en escorrer vultos pero incapaz de resolver problemas. Ceuta é o espello do que ocorre desde hai anos en España”, insisten os populares.

Neste sentido, o PPdeG apela á conciencia solidaria, se existe, dos dirixentes do PSOE. “Non é compatible defender os valores da socialdemocracia con encartarse ás necesidades egoístas do presidente do Goberno, negando o apoio a quen máis o necesitan”, apuntan os populares galegos. Fronte a isto, dende Galicia trasladan o seu apoio aos ceutís e ao presidente de Ceuta, Juan Jesús Vivas, que solicitou aos españois que se mobilicen nestas concentracións simultáneas por toda España, baixo o lema “Todos con Ceuta”.