O Parlamento aproba reclamar ao Goberno un proxecto integral de restauración das infraestruturas deterioradas do litoral de Oleiros

O Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, instar ao Goberno central a que leve a cabo un plan integral de reparación de todas as infraestruturas deterioradas –paseos marítimos, varandas, escaleiras, pasarelas e miradoiros- de todo o litoral de Oleiros.

Durante a súa intervención na Comisión 8ª, o deputado do Grupo Parlamentario Popular Jesús Fernández Rosende puxo o foco na falta de conservación continuada e en como varios derrubes e desprendementos ocasionaron un deterioro grave de toda esta contorna. Entre os puntos máis afectados, están: o parque Trece Rosas, a baixada ao paseo de Santa Cruz, as escaleiras de acceso á praia de Canide, a varanda na zona de Punta de Boi de Canto, a pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz, a baixada á praia de Bastiagueiro e os derrubes na praia de Naval e na zona do Xunqueiro.

Tal e como sinalou, esta situación, ademais de xerar un evidente impacto negativo na imaxe do municipio, constitúe un grave problema de seguridade, ao pór en risco a integridade física dos miles de peóns que transitan diariamente por estas zonas. Por iso, a iniciativa do Grupo Popular, que saíu adiante sen votos en contra, tamén propón que se leve a cabo a súa sinalización e, no caso de que fose necesario, o peche ou restrición de acceso en todas aquelas zonas onde exista perigo para a integridade das persoas.

FALTA DE COORDINACIÓN ENTRE CONCELLO E ESTADO
Segundo expuxo o parlamentario popular, estas incidencias non só responden aos efectos da climatoloxía adversa e á acción do mar, senón que tamén a unha evidente falta de mantemento preventivo e correctivo de concello e do Goberno estatal. Fernández Rosende lamentou a preocupante falta de coordinación e unha inacción prolongada das administracións competentes: o concello de Oleiros e a Demarcación de Costas –dependente da Administración central-; debido a que as responsabilidades sobre mantemento e conservación non están debidamente definidas e asumidas, derivando, polo tanto, nunha inaceptable parálise administrativa.

Así, a iniciativa avoga por establecer un protocolo claro de mantemento periódico, no que se especifique as competencias de cada administración implicada, as obrigas de conservación ordinaria e extraordinaria e os mecanismos de coordinación interadministrativa, así como tamén unha contía orzamentaria para facer fronte tanto á reparación inmediata como ao mantemento futuro. Para o parlamentario popular resulta prioritario realizar unha avaliación técnica completa do estado do litoral urbanizado, co fin de previr novos derrubes e anticipar actuacións en zonas de risco.

Por todo iso, o PPdeG urxe actuar de maneira inmediata para garantir a seguridade, restaurar as infraestruturas danadas e establecer un marco claro de responsabilidades que evite a repetición deste tipo de situacións.

O PPdeG pide cambiar o proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe do porto de Cangas pola reforma das casetas de mariñeiros

A través dunha proposición non de lei do Grupo Parlamentario Popular, o Parlamento de Galicia aprobou, hoxe, por unanimidade solicitar á Xunta de Galicia o cambio do proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe no porto de Cangas pola reforma urxente das casetas de mariñeiros, as cales presentan graves problemas funcionais e de deseño.

Durante a súa intervención na Comisión 8ª, a deputada do Grupo Parlamentario Popular e portavoz local, Dolores Hermelo, explicou que, tal e como trasladan os propios usuarios, o servizo de pasaxe está sendo prestado cunha frecuencia axeitada, sendo moi satisfactorio coas instalacións actuais e non existindo polo tanto a necesidade de ampliación dos atraques existentes. Asemade, advertiu de que esta obra suporía a invasión parcial dunha zona de sementeira de ameixa, afectando moi negativamente á actividade marisqueira da zona.

Pola contra, fixo fincapé na demanda social, amplamente compartida no municipio de Cangas, así como formulada de forma reiterada pola confraría de pescadores, para acometer de maneira urxente a substitución das actuais casetas dos mariñeiros situadas no porto pesqueiro.

Neste punto, referiuse a problemas de contaminación sonora, derivados do deseño das casetas en forma de gaiola, que ocasiona que o vento produza un asubío constante e moi molesto que afecta tanto aos profesionais como aos veciños do centro urbano. Así mesmo, fixo fincapé nos graves problemas de illamento das cubertas, que fan inoperativas as casetas en varios puntos, sumado a un deseño pouco funcional con espazos infrautilizados, ademais de facer de barreira visual entre a vila e o seu litoral.

Para o Grupo Popular, esta substitución non só mellorará radicalmente as condicións laborais dos profesionais do mar, senón que potenciará a integración porto-vila e eliminará un problema ambiental e urbanístico nunha zona de gran afluencia cidadá.

Para levar a cabo estes traballos de mellora, a iniciativa avoga por destinar os 1,5 M€ previstos para o proxecto de ampliación dos atraques de pasaxe á reforma das casetas.

O PPdeG pide a “revisión profunda” da LOMLOE e aposta por un novo marco legal baseado no consenso e adaptado ás necesidades do ensino

“Cinco anos despois da aprobación da LOMLOE son suficientes para comprobar que é necesario abordar unha revisión profunda da lei”, sinalou, hoxe, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos.

Tras apuntar que o actual modelo, imposto polo Goberno central, non funciona e está a lastrar o futuro da mocidade, avogou por un novo marco legal, asentado no diálogo coas Comunidades autónomas e coa comunidade educativa, que permita avanzar nun sistema educativo que responda aos retos e necesidades do ensino e supere “esta etapa negra, marcada por unha normativa que, en lugar de atallar os problemas, creou máis”.

Aproveitou para afear o “atropelo lexislativo” promovido polo Executivo de Pedro Sánchez de costas ás administracións responsables de xestionar o día a día das políticas educativas; e fixo fincapé nas graves consecuencias da LOMLOE, a “lei do tanto dá”, sobre a cultura do esforzo, a calidade educativa e a igualdade de oportunidades.

Para paliar esta situación, o representante popular subliñou que, durante estes cinco anos, Galicia nadou contra corrente e puxo en marcha medidas para paliar os efectos da normativa estatal e seguir mellorando o ensino. Como exemplos deste compromiso coa calidade, destacou o Acordo de Mellora do Sistema Educativo, os programas de mellora da competencia lectora e matemática integrados no Plan MEGA, e o plan específico deseñado pola Xunta para a redución da burocracia do profesorado.

DEFENSA DA SOBERANÍA E APOIO A CEUTA
Asemade, os populares galegos presentarán outra proposición non de lei no vindeiro pleno relativa á crise que se vive desde o verán na cidade ceutí, xa que, tal e como afondou Alberto Pazos, “o sucedido non pode considerarse un problema local”. “O Goberno central ten a obriga de actuar con previsión e firmeza para recuperar a normalidade e aplicar a lei, e non pode pretender trasladar as consecuencias da súa inacción ás comunidades autónomas”, dixo.

A través desta iniciativa, os populares formularán unha serie de esixencias firmes ao Goberno de España, instándoo a despregar todos os recursos necesarios para recuperar a normalidade e a reforzar de xeito permanente a seguridade fronteiriza. Así mesmo, demandarase ao Executivo central que execute os procedementos de retorno e readmisión das persoas que accederon irregularmente, asumindo de xeito pleno as súas competencias de control sen derivar responsabilidades ás comunidades autónomas. Finalmente, reclamarase a implicación directa do Ministerio de Igualdade para extremar a protección de mulleres e nenas fronte á violencia e o cumprimento estrito de Marrocos de todas as obrigas de control e cooperación bilateral.

Por outra banda, avanzou que o Grupo Popular formulará tres preguntas orais, relativas á convocatoria de folga indefinida de médicos, propiciada pola falta de diálogo do Executivo de Pedro Sánchez na elaboración do Estatuto Marco; á revisión do reparto das cotas de sardiña e bocarte e ao Plan Social polo Clima do Goberno de España. Para rematar, avanzou, tamén, a comparecencia, a petición propia, do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, para abordar a situación do transporte na nosa Comunidade; e o debate á totalidade do proxecto de Lei de Educación dixital de Galicia.

Nidia Arévalo exise no Senado que o Goberno apoie a Ceuta, máis proteción para mulleres e menores, máis recursos, transparencia e recuperar a normalidade

O Grupo Parlamentario Popular esixe ao Gobierno, a través dunha moción consecuencia de interpelación, que recoñeza a gravidade da situación de Ceuta, que apoie a Cidade Autónoma, máis protección para mulleres e menores, máis recursos para as vítimas de agresións, transparencia e recuperar a normalidade.

 “Ceuta non pide privilexios, Ceuta pide que España cumpra coa súa obrigación, protexer a súa fronteira, protexer os seus cidadáns, protexer as súas mulleres e aos seus nenos e garantir que nunca máis unha cidade española teña que preguntarse se está soa a cargo dunha crise desta magnitude”, remarcou.

A portavoz adxunta do Grupo Popular, Nidia Arévalo, asegura que “Ceuta é España e necesita un Goberno que chegue a tempo. E desgraciadamente, vostedes nin están nin se lles espera”.

Nidia Arévalo denuncia que “hoxe vimos dúas realidades: A de Ceuta e a que intenta construír o Goberno”. Porque, mentres os ceutíes “falan de inseguridade, o Goberno crea un relato que vai modificando coma se fose unha serie de televisión con infinitas tempadas”.

 “Mentres as familias falan de medo, vostedes falan de non criminalizar: mentres as mulleres piden protección, vostedes falan do Partido Popular; e ese é o problema, o Goberno de España dedica máis tempo a construír o discurso que a resolver o problema”, mira á bancada do PSOE.

A senadora pontevedrres denunciou a situación de agresións sexuais, alteración da convivencia, a preocupación das familias, a inseguridade das mulleres e nenas: “A realidade existe, aínda que ao Gobierno incomódelle, a realidade é que Ceuta leva 45 días soportando unha situación que ningún territorio español soporta”.

Alerta de que, despois de semanas de crises, “seguimos sen saber quen asume a responsabilidade política do ocorrido, porque cando as cousas saen mal, entón no Goberno ninguén é responsable, é a oposición, a prensa e as redes sociais; todos menos o Goberno, sempre todos menos o Goberno”.

Censura as acusacións dos socialistas e avisa de que “non os escoitamos dicir nada en grao sumo importante: Por que chegouse tarde, por que permitiuse que a situación alcanzase esta magnitude, por que Ceuta tivo que pedir axuda unha e outra vez; e por que as mulleres e os menores quedaron expostos a unha situación que xamais debeu producirse”.

Pon en evidencia que, durante semanas, o Goberno intentou construír “varios relatos, primeiro era un episodio puntual, daquela as mafias, despois os intereses internacionais -Israel, Rusia-; e mentres se sucedían as falsas explicacións, Ceuta seguía soportando as consecuencias”.

“Hoxe sabemos, tras os informes e probas que hai, que nos enfrontamos a unha invasión masiva de dimensións extraordinarias que puxo a proba a capacidade de resposta do Gobierno e que este unha vez máis fallou”, remarcou.

As Novas Xeracións de Galicia fixan o calendario de accións dos próximos meses e destacan as medidas do Goberno galego en materia de vivenda

A presidenta de Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira, presidiu unha reunión de traballo cos representantes das Novas Xeracións provinciais, na que planificaron o calendario de accións dos próximos meses e abordaron as principais preocupacións dos mozos e mozas galegas, “o verdadeiro motor do futuro de Galicia”, dixo Grueira. Así, puxeron en valor as medidas que impulsa o Goberno galego que lidera Alfonso Rueda fronte aos problemas fundamentais da xuventude, sendo o “número un” a vivenda, pero tamén o emprego ou os estudos.

Grueira mantivo un encontro co secretario de NNXX da Coruña, Yannick Juncal, e cos presidentes provincias de NNXX de Lugo, Miguel Gallego; de Ourense, Martín Gil, e de Pontevedra, Raúl Santamaría. “A mocidade temos un papel fundamental: somos motor dese futuro da Galicia que queremos, dunha Galicia de oportunidades, dunha Galicia na que estudar, traballar e desenvolver o noso proxecto de vida. Por iso, queremos que a xuventude se impliquen na vida dos seus concellos, que defendan as preocupacións de rapaces e rapazas coma nós para construír xuntos esa Galicia de futuro”, apuntou Grueira.

O GOBERNO GALEGO POSIBILITA A EMANCIPACIÓN

Ao abordar esas preocupacións principais da mocidade galega, os participantes puxeron énfase no problema da vivenda, a súa preocupación “número un”. “A vivenda é unha prioridade para facilitar a emancipación dos mozos coma nós. E, en Galicia, contamos con políticas desenvolvidas polo Goberno do presidente Alfonso Rueda que nos ofrecen a oportunidade de superar esa gran barreira”, explicou a presidenta das Novas Xeracións galegas.

Entre as políticas desenvolvidas polo Goberno galego,  salientaron a construción de máis vivenda publica, con reserva especial para os menores de 36 anos; o Bono emancípate ou as medidas de acceso e rehabilitación da vivenda, que permiten ofrecer novas oportunidades aos mozos e, ao mesmo tempo, contribuír á recuperación e dinamización dos concellos rurais.

Neste punto, lembraron que o Goberno galego puxo en marcha en 2026 unha nova liña de axudas para a rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes, cun investimento inicial de 5 millóns de euros de fondos propios ou as axudas para adquirir vivenda en concellos de ata 10.000 habitantes. “Estas medidas son unha oportunidade para facilitar o acceso á vivenda á xuventude, pero tamén para contribuír a fixar e atraer poboación ao rural”, engadiu Grueira.

No relativo ao emprego, outra das preocupacións dos mozos, sinalaron a importancia de programas do Goberno galego como Rural Activo, orientado ao fomento do emprego no medio rural; Bono Remuda, que facilita o relevo de negocios e a continuidade da actividade económica; colivings, como nova fórmula para favorecer o asentamento de poboación e ofrecer alternativas residenciais no rural e as axudas á incorporación de mozos ao medio rural, que na convocatoria de 2026 contan cunha dotación de 53 millóns de euros, dos que 23 millóns se destinan á incorporación da mocidade e 30 millóns aos plans de mellora asociados.

Tamén falaron de educación, poñendo en valor a aposta do Goberno galego por políticas pioneiras neste ámbito, lembrando que en Galicia é posible estudar gratis dende a escola infantil ata a universidade. “Isto contribúe a reducir o esforzo económico das familias e facilita que os mozos e mozas poidan acceder e continuar os seus estudos universitarios”, salientaron na reunión de traballo.

UN ENCONTRO FRUTÍFERO PARA O INICIO DE CURSO

Os participantes nesta reunión de traballo valoraron o encontro como “moi frutífero” para arrancar o inicio de curso político, despois dunha primeira toma de contacto hai unhas semanas na Escola de Verán “Gerardo Fernández Albor”, en Lalín, onde xa “quentaron motores” con faladoiros sobre a Galicia do futuro, os retos do municipalismo ou o papel dos mozos na política.