O PPdeG pon en valor o compromiso e apoio do Goberno galego co sector escénico e cos festivais como o FIOT

O PPdeG reivindicou o compromiso continuo do Goberno galego co sector escénico e puxo en valor o seu apoio estratéxico a citas tan consolidadas como o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, que bota a andar co cartel de localidades esgotadas na meirande parte das súas representacións.

A deputada e voceira de cultura no Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar, e o deputado e voceiro popular en Carballo, Rubén Lorenzo, enxalzaron o éxito e a calidade deste evento que celebra a súa emblemática 35ª edición, reafirmándose como “un verdadeiro referente para os circuítos teatrais galegos” e un dos “eventos escénicos máis importantes e prestixiosos do noroeste peninsular”.

Os representantes populares explicaron que, detrás do gran momento de riqueza creativa, diversidade e recoñecemento profesional que viven as artes escénicas en Galicia, atópase un traballo estrutural clave do departamento de Cultura do Goberno galego. Neste sentido, cualificaron como “imprescindible” a colaboración para soster a cadea de valor do sector, desde a produción propia de calidade que lidera o Centro Dramático Galego (CDG), como buque insignia da dramaturxia, ata a exhibición descentralizada no territorio.

A APOSTA POLO TEATRO GALEGO
Asemade, os deputados populares incidiron en que a aposta da Xunta polo teatro galego –a través do apoio a mostras, festivais como o de Carballo e a actividade constante do CDG- non só financia proxectos, senón que “constrúe país”. Segundo apuntaron, estas liñas de traballo “garanten que a cultura escénica sexa un sector dinámico, profesionalizado e accesible, capaz de conectar a creación galega cos grandes circuítos estatais e internacionais”.

Finalmente, os deputados informaron de que o FIOT recibe de xeito habitual o respaldo do Goberno galego, a través das liñas de axudas públicas destinadas a festivais profesionais de artes escénicas. Na última das convocatorias, esta achega superou os 47.000 euros mediante un procedemento de concorrencia competitiva. Carmen Pomar e Rubén Lorenzo defenderon que este reforzo económico e institucional permite ao FIOT “manter un cartel de primeiro nivel internacional, potenciar a súa programación de vangarda –como o espazo OTNI ou o teatro de rúa- e consolidar iniciativas tan senlleiras e pioneiras como a xa clásica Rúa dos Contos”.

O PPdeG esixe ao Goberno central que cese no seu “castigo” a Lugo cos seus “reiterados incumprimentos e recortes” en infraestruturas

O PPdeG esixe ao Goberno central que cese nos seus “reiterados incumprimentos e recortes” nos proxectos de infraestruturas viarias da provincia de Lugo, a provincia peor conectada de Galicia. A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, lamentou o “agravio constante” e o “castigo” do Executivo de Sánchez a Galicia e, concretamente, á provincia de Lugo, cuxas consecuencias “pagan os veciños e veciñas”.

Así o manifestou durante unha visita á zona de Nadela, no concello de Lugo, un punto estratéxico que conecta varias vías, entre elas a autovía A-54. Estivo acompañada pola presidenta do PP provincial de Lugo e alcaldesa da cidade, Elena Candia, e o coordinador de Infraestruturas do PPdeG, Antonio Ameijide, así como por diversos alcaldes da zona. Neste punto, aproveitou para lembrar que os lucenses carecen de conexión directa con Santiago, a capital de Galicia, por autovía. “A A-54 que debería conectar ambas cidades está sen rematar. O Goberno de Sánchez leva tempo incumprindo os anuncios para a súa finalización”, dixo Prado.

Para a secretaria xeral do PPdeG, Galicia é a comunidade máis prexudicada polas políticas do Goberno central, unha situación que “non só é culpa do PSOE, senón tamén do BNG, porque sostén a Sánchez na Moncloa a cambio de absolutamente nada para Galicia. Son os do si a Sánchez e o non constante a Galicia”.

Pola contra, desde o PPdeG reivindican “mellores infraestruturas” para Lugo e un “trato xusto” con Galicia por parte do Goberno de Sánchez. E neste sentido, a número dous dos populares galegos puxo en valor o traballo que realizan con estas reivindicacións os senadores, deputados nacionais, autonómicos, alcaldes, portavoces e os diferentes integrantes do PPdeG, o partido no que seguen confiando “a gran maioría dos galegos e galegas, co liderado do presidente Alfonso Rueda”.

ELENA CANDIA REIVINDICA “O QUE OS LUCENSES NOS MERECEMOS”

Elena Candia tamén reivindicou o remate das obras de construción da A-54 para facer efectiva a comunicación por autovía coa capital de Galicia. A popular lembrou os incumprimentos do Goberno, e nomeadamente do Ministro Puente, con Lugo: “El mesmo prometera a apertura total da vía -coa finalización das obras do tramo Melide– Arzúa- para finais do 2025”. E o mesmo coa estación intermodal: “Puente anunciara no Senado que estaría en Lugo no mes de xuño para a súa inauguración, pero os lucenses seguimos agardando”. “Revindicamos o que os lucenses nos merecemos, non queremos ser máis ca ninguén, pero tampouco menos”, engadiu.

A dirixente popular afeou tamén “a falta de peso político de Miguel Fernández e o PSOE lucense para reclamar infraestruturas do século XXI para Lugo e a provincia” e “o consentimento do BNG, socio de Sánchez en Madrid”.

O PP lucense ten anunciado unha iniciativa de impulso no Senado para esixir ao Goberno de España todos os detalles das obras, incluído os motivos dos atrasos, e instar ao Executivo de Pedro Sánchez a adoptar medidas para garantir o cumprimento do novo calendario en relación ao remate da A-54.

ANTONIO AMEIJIDE CENSURA O ATRASO DAS AUTOVÍAS

Pola súa parte, Antonio Ameijide censurou o “atraso” dunha autovía que debería estar rematada fai anos. “Lugo segue sen data para conectarse por autovía coa capital de Galicia” e todo indicar que a autovía A-56 que debería comunicar Lugo con Ourense “quedou no esquecemento” para o Goberno de Sánchez: “Nin sequera falan dela”. Neste punto, afeou que “o PSOE, coa complicidade do BNG, continúe a desconectar aos galegos e, de forma máis notoria, aos lucenses”, asegura.

O coordinador de Infraestruturas do PPdeG condena tamén o “continuo abandono a Lugo e a provincia” por parte do Goberno de Sánchez e tamén a “falta de vontade” para atender demandas sociais e institucionais. “O abandono é tan grande que o Concello tivo que acender a iluminación da rotonda de Nadela, atendendo a dous informes de Enxeñería e a Policía Local que se fixeron eco de queixas de veciños e usuarios para garantir a visibilidade”, explica Ameijide.

A propia Corporación aprobara por unanimidade en dúas ocasións solicitar o seu acendido ao Ministerio como titular da instalación pola ausencia continuada de iluminación. Á vista de que non ofreceu resposta, decidiu actuar de forma subsidiaria. Así mesmo, tamén lle propuxeron a tramitación dun convenio interadministrativo de colaboración para que o Concello asuma o alumeado.

PARÁLISE, MAL ESTADO DO FIRME E TRAMOS SEN FUNCIONAMENTO

Os populares referíronse aos agravios e prexuízos en materia de infraestruturas viarias, especialmente nas autovías, pero tamén nas estradas nacionais, que adoecen de falta de mantemento, como é o caso da N-540 entre Lugo e Ourense, a N-120 que vertebra o sur da provincia con Ourense, a N-642 ou N-634 na Mariña.

Ademais da A-54, os populares lembraron que a A-6, a principal conexión de Lugo coa Meseta, protagonizou malas noticias polo mal estado do firme, unha situación que o PPdeG leva tempo denunciando. Tamén afean a parálise da A-74, a autovía da Mariña que permitiría comunicar o Cantábrico coa Mariña Occidental. O mesmo ocorre, como xa sinalaron, coa A-56, que debería unir dúas capitais de provincia: Lugo e Ourense. “Só está en funcionamento un tramo de 8 km entre ambas provincias, inaugurado no 2020, e non hai ningún avance”, critican.

No caso da A-76, que debería comunicar Ponferrada con Ourense pasando por Monforte, atópanse en tramitación seis quilómetros na zona do Bierzo. “E nada na provincia de Lugo”, puntualizan.

O PPdeG acusa os alcaldes socialistas de boicotear calquera proposta que permita mellorar a conservación, coidado e protección das Fragas

O PPdeG acusou hoxe os alcaldes socialistas de tratar de boicotear calquera proposta que permita mellorar a conservación, o coidado e a protección das Fragas do Eume. Así o expuxo o voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular no Parlamento galego, Gonzalo Trenor, tras a reunión mantida pola Comisión de Medio Ambiente do Partido Popular na provincia da Coruña.

Os populares defenderon una vez máis que o Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) establece un réxime de protección que compatibiliza a conservación dos valores naturais coa continuidade dos usos e aproveitamentos legalmente admisibles no territorio.

Neste sentido, Trenor acusou os socialistas de ser o únicos que se opuxeron a calquera proposta que avance na mellora das Fragas, e lembrou que foi o PSOE o que pagou autobuses para manifestarse en contra, financiou preitos contra o Parque Natural e, o mesmo presidente da Deputación da Coruña e alcade de As Pontes ofreceuse para facer fronte a litixios persoais.

“Se alguén non pode dar leccións sobre este asunto son os alcaldes socialistas”, afirmou o popular, quen suliñou que o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten avalado a actuación da Xunta de Galicia na protección e conservación das Fragas do Eume.

Bulos socialistas
Lonxe de quedarse aquí, Trenor acusou tamén ao PSOE de difundir bulos sobre a participación na redacción e a elaboración do PRUX, así como na afirmación de que o Plan impide realizar labores de mantemento forestal e prevención de incendios e en que o texto limita os dereitos dos propietarios.

“O PRUX foi elaborado a través dun longo proceso participativo aberto aos propietarios e a todos os axentes ligados a este espazo”, defendeu Trenor, quen suliñou que a Xunta recibiu 456 achegas das que máis do 62% foron incorporadas ao texto definitivo.

En canto aos dereitos dos propietarios, o deputado popular indicou que, lonxe de limitalos, o texto propón un réxime de usos graduado que pretende compatibilizar a conservación dos valores naturais coa continuidade dos aproveitamentos tradicionais e das actividades legalmente admisibles.

“O que non vai a permitir o PRUX e encher o parque natural de eucaliptos, nin permite que o PSOE faga unha macrourbanización nos terreos”, apuntou Trenor.

Xa por último, o popular asegurou que hai que ser “moi ruín” para lanzar a dúbida de que o PRUX non permite os traballos de prevención de incendios. “Todos os traballos de limpeza e desbroce están autorizados”, sentenciou Trenor.