Pazos pon en valor o “gran pacto político” arredor do Plan de Normalización da Lingua Galega, que avanza na súa tramitación parlamentaria

“Trasládase á Cámara un acordo transversal que recolle a sensibilidade dunha ampla maioría social e política para seguir avanzando da man desde a moderación e o entendemento na protección e fomento da nosa lingua”, sinalou, hoxe, o portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, ao anunciar a inclusión na orde do día do vindeiro pleno o documento de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Tras apuntar que o texto é “o froito dun traballo rigoroso, elaborado escoitando á rúa” –con 11 comisións de traballo, máis de 130 expertos implicados, 400 contactos con entidades e 1.400 achegas recollidas-, Pazos remarcou que o Grupo Popular asumiu ese mandato co fin de “converter a sintonía social nun gran pacto político”. “E fixémolo –engadiu- apostando polo diálogo, o consenso e a vontade rela de escoita cos demais grupos”.

Neste punto, puxo en valor a sinatura do acordo co PSdeG e o apoio de Democracia Ourensana a un texto que “avanza con paso firme no Parlamento” e que, tras o aval parlamentario, será a folla de ruta que vai marcar a política lingüística da vindeira década. “Galicia pediunos estabilidade, moderación e entendemento, e iso é o que lle estamos a dar”, apuntou.

A VIVENDA, A PRIORIDADE DO PPDEG
O Grupo Popular presentará, ademais, unha batería de iniciativas centradas na vivenda. En primeiro lugar, informou dunha proposición non de lei na que se lle esixe ao Goberno de España “un incremento substancial dos recursos”, porque, tal e como dixo, “con parches” non se van solucionar os problemas da xente.

Neste senso, o portavoz cualificou de “absolutamente ridícula” a achega de 5,11 M€ anunciada polo Executivo de Pedro Sánchez para as zonas tensionadas da Coruña e Santiago, advertindo que dita cantidade “non chega nin para financiar 30 vivendas públicas”. Así, demandou criterios obxectivos e equitativos na repartición de fondos estatais, premiando ás administracións que, como a galega, están a facer un esforzo investidor histórico.

Seguindo con este bloque, os populares presentarán unha segunda iniciativa para reclamar a corrección inmediata do portal web Casa 47, ao que o portavoz popular cualificou de “engano e chapuza de enormes dimensións” por presentar prezos inflados, falta de transparencia legal e unha oferta ridícula de só 99 vivendas para toda Galicia. Fronte a este modelo, contrapuxo que a Xunta responde con feitos a través das máis de 4.000 novas vivendas de promoción pública en marcha.

Así mesmo, formularase unha pregunta oral sobre os efectos da declaración da Coruña como zona tensionada tras un ano de vigor, denunciando que “esnaquizou a oferta” cunha redución de máis do 52% no alugueiro residencial ao desviar os inmobles cara ao alugueiro temporal pola inseguridade xurídica.

AS “GRAVES CONSECUENCIAS” DO ESTATUTO MARCO
O Grupo Popular formulará dúas preguntas orais relativas á sanidade e aos servizos sociais. No eido sanitario, unha sobre as “graves consecuencias” da reforma do Estatuto Marco aprobada polo Goberno central; e, no eido social, sobre a reforma estatal das leis de dependencia e discapacidade aprobada polo Congreso. O representante popular censurou que dita reforma represente unha nova oportunidade perdida e fixo referencia ao “severo recorte do financiamento da dependencia en Galicia”.

PROXECTO DE LEI CONTRA A VIOLENCIA DIXITAL
Para rematar, avanzou que no vindeiro Pleno abordarase o inicio da tramitación dunha norma pioneira: o proxecto da Lei de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital de Galicia. O representante popular subliñou que se trata da “primeira lei de toda España neste eido”, deseñada para afrontar as novas formas de violencia xurdidas a través de internet e das redes sociais

O PPdeG esixe ao Goberno central avaliar o impacto económico da nova normativa de comedores nas cafeterías escolares

O Parlamento de Galicia vén de aprobar, coas abstencións de PSdG e BNG, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que se demanda ao Goberno central unha avaliación urxente do impacto económico do novo Real Decreto de comedores escolares saudables e sostibles sobre os pequenos negocios e o deseño de mecanismos que garantan a súa viabilidade.

Tal e como sinalou a deputada popular Cecilia Vázquez, esta normativa está a poñer en serio risco a supervivencia das cafeterías dos centros educativos galegos, afectando tanto a colexios públicos como concertados e privados. Así, apuntou que, malia compartir o obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables entre o alumnado, a aplicación práctica da norma está a xerar importantes dificultades organizativas e económicas.

Segundo dixo, a maioría destas cafeterías están rexentadas por profesionais autónomos que denuncian unha total falta de claridade, a ausencia de criterios interpretativos precisos e a inexistencia de alternativas reais que fagan compatible a sustentabilidade dos seus negocios co cumprimento da nova lexislación.

Vázquez subliñou que “neste inicio de curso xa foron arredor de 50 centros educativos galegos os que comezaron o curso sen servizo de cafetería, o que supón unha grave problemática para as familias que dependen destes establecementos”. A deputada preguntouse se o Goberno central tivo en conta “o impacto económico antes de aprobar as restricións; se fixo previsións sobre a viabilidade das cafeterías despois desta media; cal foi o diálogo mantivo cos pequenos operadores; ou que resposta lles vai ofrece aos centros que quedaron sen servizo”.

Asemade, aproveitou a súa intervención para reclamar un modelo de promoción de hábitos de vida saudables que conte coa implicación de toda a comunidade educativa e das familias, evitando culpar ou trasladar a responsabilidade de xeito exclusivo aos servizos complementarios dos centros. Neste punto, advertiu que a prohibición estrita de determinados produtos está a provocar unha redución moi significativa da demanda, abocando a moitos destes servizos á inviabilidade financeira.

Cecilia Vázquez lamentou que a resposta do Goberno central sexa “mirar para outro lado”, mentres os afectados reclaman solucións para poder continuar coa súa actividade económica. Cualificou, ademais, de grave que a normativa fose redactada e aprobada “de costas ás comunidades autónomas”, sen ter en conta a realidade das familias nin os hábitos de consumo do alumnado.

Insistiu en que “o Goberno central debe asumir a responsabilidade polas consecuencias económicas e organizativas das normas que aproba” e reivindicou ”unha política de educación alimentaria que implique tamén o alumnado, ademais das familias e dos centros educativos, porque a alimentación dos adolescentes non se pode abordar exclusivamente dentro dos centros escolares”.

Finalmente, lembrou que “unha boa finalidade non xustifica unha mala aplicación e regular implica asumir a responsabilidade polas consecuencias da regulación”, destacando que “prohibir produtos na cafetería non garante que os adolescentes deixen de consumilos, polo que cómpre reforzar a educación alimentaria e a implicación das familias”.

O Parlamento insta ao Goberno a que habilite todas as estancias do Pazo de Meirás ás visitas públicas gratuítas

O Parlamento de Galicia vén de aprobar, coa abstención do BNG, unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular na que insta ao Goberno central a que habilite todas as estancias do Pazo de Meirás, incluíndo as súas torres e a biblioteca persoal de Emilia Pardo Bazán, ás visitas públicas e gratuítas.

O deputado popular José Luis Ferro afeou que o Executivo de Pedro Sánchez estea a incumprir a lexislación vixente en materia de patrimonio cultural. E lembrou que tanto o inmoble como a biblioteca da escritora, situada na coñecida como Torre da Quimera e que custodia arredor de 3.000 volumes, contan coa máxima protección como Ben de Interese Cultural (BIC).

Ferro subliñou que “a protección do patrimonio non consiste simplemente en poñerlle una etiqueta administrativa a un edificio ou a unha colección, significa garantir o seu coñecemento, o seu desfrute e a súa transmisión ás xeracións futuras”. Neste senso, explicou que, de acordo co disposto na normativa de patrimonio cultural, a declaración de BIC leva aparellada a obriga legal de permitir o acceso público gratuíto por parte do propietario.

Malia esta esixencia, e tal e como remarcou o deputado popular, o Estado, actual propietario do pazo, restrinxe as visitas unicamente aos espazos exteriores, á capela e ao vestíbulo do edificio principal; polo que, con esta situación, impídese o acceso cidadán ás torres e ao legado bibliográfico da intelectual galega.

O parlamentario insistiu en que, “se recoñecemos legalmente o valor excepcional dun ben, logo temos que ser capaces de garantir o acceso público que a lei contempla” e subliñou que “non debemos converter o patrimonio en trincheira política, porque podemos ter distintas sensibilidades pero hai algo que debe unirnos, a defensa do patrimonio cultural de Galicia, co fin de mirar cara ao futuro para garantir que o patrimonio se conserve e se poida coñecer”.

Durante a súa intervención, Ferro fixo fincapé na necesidade de que o Goberno central non faga excepcións coas súas propias obrigas e garanta a apertura total dun complexo cuxo valor histórico e literario pertence a toda a cidadanía, respectando así o réxime de visitas que dita a lei para os bens protexidos.

O popular destacou que “Meirás é historia da ausencia de liberdades e tamén de historia da creación literaria de Emilio Pardo Bazán, que concibiu este lugar nun espazo de liberdade intelectual, polo que o Pazo de Meirás debe ser un espazo aberto á cidadanía”.

E dixo, tamén, que, debido ao estado no que se atopan moitas das estancias deste inmoble, “o Goberno central debe comprometerse a realizar os investimentos necesarios e, así, poder abrir os espazos progresivamente”. Finalmente, lembrou que “a Xunta está traballando na elaboración dun Plan director de usos que abranga a totalidade da historia do Pazo de Meirás” e engadiu que ”Meirás debe poder ser coñecido, visitado e estudado por todos os galegos e por todos os que nos visitan”.

O PPdeG logra esixir a Sánchez unha mesa técnica con participación do Goberno galego para avanzar na migración da rede ferroviaria ao ancho europeo

O deputado do PPdeG Celso Delgado logra sacar adiante na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso unha proposición non de lei relativa á migración da rede ferroviaria galega ao ancho estándar europeo. A aprobación da proposta do Grupo Popular inclúe a creación dunha mesa técnica con participación do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e o Goberno galego, o que permitirá que se analice a migración e se garanta a interoperabilidade europea. “Que un territorio teña dous anchos de vía e non se tomen medidas para corrixir esta situación, limita a súa competitividade”, subliña Delgado, que valora positivamente a luz verde dada á iniciativa popular, agardando que o Goberno central “cumpra” co acordado hoxe e non faga “caso omiso” como noutras ocasións.

Así o defendeu esta mañá Celso Delgado, que celebra que se teña en conta, por fin, a Galicia, despois do “malestar e preocupación” xerados na Comunidade Autónoma ao coñecerse que o Executivo de Sánchez descartaba, de forma xenérica, a migración das vías convencionais do Corredor Atlántico ao estándar europeo. Neste sentido, os populares comparten co Goberno galego que esta postura do Goberno central “é un absoluto desacerto técnico e político”, rexeitando “despachar” unha decisión de tal calado baixo unha premisa macroeconómica de “todo ou nada”.

Para os populares, un asunto desta importancia esixe “rigor, análise en detalle liña por liña e comunidade por comunidade”.

No caso galego, lembran dende o PPdeG, completar o ancho estándar en toda a rede de Alta Velocidade requiriría actuar sobre un extremo da infraestrutura, 250 quilómetros  de vía para conectar Ourense co resto de cidades do Eixo Atlántico. Neste punto, Delgado esixe que se priorice a substitución do ancho ibérico no tramo Santiago-Ourense –que xa conta con travesas polivalentes-  para o seu posterior posible extensión ao Eixo Atlántico, garantindo a interoperabilidade europea.

UN INFORME ENVIADO Á UNIÓN EUROPEA

O pasado 17 de xullo de 2026, coñeceuse a través dos medios de comunicación que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (MITMS) descartaba adaptar as vías convencionais ao ancho estándar europeo. Ademais, o Grupo Popular tivo constancia dun informe do Executivo central remitido á Unión Europea que desvelaba que cambiar os 13.000 quilómetros de vías convencionais supoñería un investimento de entre 20.000 e 30.000 millóns de euros, o que obrigaría a convivir durante uns trinta anos con obras permanentes e provocaría unha rendibilidade económica practicamente nula.

Ademais, para o PPdeG, o Goberno de Sánchez “priva aos cidadáns galegos de desfrutar as vantaxes loxísticas e comerciais doutros territorios: máis operadores, máis frecuencias, servizos de baixo custo e tarifas competitivas. De confirmarse a decisión do Ministerio, “suporía un severo revés para Galicia”, xa que manter o ancho ibérico obriga a depender de trens de ancho variable, un mercado restritivo dominado por dous fabricantes; así como perpetuar o Intercambiador de Taboadela, que a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) sinala como “limitante á competitividade” e describe explicitamente como «barreira técnica».

Por outra banda, o deputado ourensán ve “moi lamentable que Ministerio continúe adoptando resolucións ferroviarias de costas a Galicia e sen diálogo”, así como que non se conte cos axentes económicos e sociais, a pesar de que o informe aborda decisións estratéxicas que condicionarán o futuro da competitividade empresarial durante as próximas décadas.

CRONOGRAMA DO CORREDOR ATLÁNTICO

Os populares tamén urxen que o Executivo central facilite ao Goberno galego e ao Congreso o Plan director completo do Corredor Atlántico, que inclúa compromisos concretos, cifras detalladas de investimento e un cronograma para a execución das obras, alertando da “preocupación” en Galicia pola falta de avances do Executivo. Ademais, esixe “acceso completo e inmediato” ao informe de viabilidade de cambio de ancho de vía remitido á Comisión Europea.

Por outra banda, o deputado popular lembra ao Goberno de Sánchez que a migración ao ancho de vía normal estándar europeo -de 1.435 mm- é unha obrigación do Regulamento (UE) 2024/1679 do Parlamento Europeo e do Consello, que fai fincapé no obxectivo de que os grandes corredores comunitarios avancen cara á interoperabilidade plena.

FALTA DE COMPROMISO CON GALICIA

Dende o PPdeG insisten en que esta falta de información sobre este documento e sobre o propio informe de migración do ancho de vía, do mesmo xeito que a falta de interlocutor directo con Renfe e Adif sobre as constantes incidencias ferroviarias na comunidade, demostran “a ausencia de transparencia do Ministerio e a falta  de compromiso coa Comunidade”.

“O Goberno galego leva meses pedindo información detallada e recibindo evasivas”, conclúe o deputado popular, lembrando que Galicia segue sen dispoñer dun documento definitivo coas actuacións, investimentos e calendarios previstos, “tan só coñecemos un power point”.

Por todo isto, o deputado popular instou hoxe ao Goberno de Sánchez a facilitar, de forma inmediata ao Goberno galego o informe completo que remitiu en xullo de 2026 á Unión Europea, así como facilitar ao Goberno galego e ao Congreso dos Deputados o Plan director completo do Corredor Atlántico.