O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a Xunta Directiva do PPdeG, acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. Na reunión aprobouse por unanimidade a composición do Comité de Campaña, que terá como fin “traballar con rigor, seriedade e “ para facer unha “campaña en positivo” e sendo consciente de que nas Eleccións Xerais do 29 de novembro se elixe o “futuro do país para os próximos catro anos”.
“No PPdeG estamos preparados para asumir o reto e queremos ser unha peza fundamental na vitoria de Alberto Núñez Feijóo”, sinalou Rueda pedindo aos populares un esforzo “para ser o motor dese cambio que España merece e España necesita”. O anuncio da convocatoria de elección foi “a única cousa boa para España que fai Pedro Sánchez nesta lexislatura”, destacou o líder dos populares galegos, facendo fincapé en que “nos últimos oito anos se dedicou a construír un muro entre españois e agora é momento de derrubalo co voto democrático”.
No mesmo día da convocatoria electoral, o líder dos populares galegos explicou que é o momento de “poñerse a traballar e non conformarse” para demostrar a forza do PPdeG. De aí a importancia da designación do órgano encarado de dirixir a campaña electoral para non perder nin un minuto máis destes 54 días que temos por diante. Por iso, o PPdeG, que xa “ten engraxada a máquina de gañar eleccións”, seguirá traballando como día a día para ir pedindo o apoio “que necesitamos para facer unha España mellor”.
“POR QUE SE CONVOCAN ELECCIÓNS?”
No seu discurso, Alfonso Rueda cualificou a convocatoria de eleccións como unha oportunidade para acabar con este Goberno “mentireiro e tramposo”, amosando claramente porque Sánchez adianta as eleccións. “Entre moitas razóns, porque o pasado venres pretendeu tapar con dous decretos disparatados oito anos de inacción en política de vivenda”, dixo.
Tamén porque volveu incumprir o prazo constitucional para presentar os Orzamentos Xerais do Estado e porque hai dous meses vivimos unha gravísima agresión en Ceuta a que aínda non se lle puxo solución. Ademais de que “cada día se coñecen moitos máis detalles das tramas corruptas” que asolan ao Goberno.
E este contexto político de “ruído, frivolidade e nula utilidade” é a que “defende con fervor a oposición galega”, dixo Rueda, que sinalou ao PSdeG e BNG de “non competir por servir mellor a Galicia, e só competir por ver quen é máis servil a Sánchez”.
A NORMALIDADE EN GALICIA
Neste sentido, contrapuxo a maneira de facer as cousas da oposición con rigor, seriedade e ‘sentidiño’ do Goberno galego. “Galicia fai o que debería ser normal” e que, “por desgraza”, cada vez parece “máis excepcional”. Alfonso Rueda puxo en valor a forma de gobernar do Executivo autonómico, cunha maioría que posibilita a estabilidade.
E mostra disto, relatou, son as medidas postas en marcha nos últimos tempos como unha universidade máis accesible e a educación gratuíta, máis prestacións sanitarias, o reforzo en educación para combater a Lei educativa estatal e os malos resultados que carrexan. Tamén defendeu a competitividade da economía galega e o seu potencial para instalar en Galicia empresas punteiras, así como o intenso traballo para aprobar en tempo e forma, ano tras ano, os Orzamentos. “Podemos estar orgullosos, pero non podemos sentir conformismo”, dixo o líder popular.
E nesta liña, pediu á Xunta Directiva que afrontara os novos retos, que “son as dificultades dos galegos e de Galicia”. “Unha Galicia que funciona non é unha Galicia sen problemas”, senón que é a que “encara os problemas de fronte”. E para dar mostra disto puxo exemplos como a vivenda, eido no que se está duplicando o parque público de vivendas; a sanidade, no que se afrontou unha reforma da Atención Primaria para mellorar a situación; ou a dependencia, cun plan de choque para acelerar as valoracións.
Tamén falou da lingua, acadando un gran pacto social de maiorías para actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística. E “sobre todo”, insistiu Rueda, “facémolo disputando cada oportunidade que xorde porque Galicia ten capacidade para dicir si a dar todas as batallas”, poñendo como proba disto a instalación de SAIC no noso territorio.
Ante a situación crítica de España, Alfonso Rueda pediu aos populares “poñer todo da nosa parte” para “salvar a Galicia” de toda esta “decadencia” e para dar estabilidade e seguridade ao galegos. “O reto é ilusionante”, incidiu coa vista posta no “cambio en España”, unhas municipais nas que “seguir medrando” e un último terzo de lexislatura no que seguir “sendo exemplo en todo o Estado.”
UN COMITÉ PREPARADO E CON EXPERIENCIA
A Xunta Directiva aprazou o Congreso do Partido Popular de Galicia para centrar todos os esforzos nas Eleccións Xerais e, nesta liña, aprobou por unanimidade a composición do Comité de Campaña do PPdeG, que conta con persoas que xa foron partícipes dos magníficos resultados electorais acadados polo partido nas últimas eleccións municipais, autonómicas, xerais e europeas. Entre eles, a directora de campaña, Paula Prado, e o vicesecretario de Organización, Pedro Rojo.
Neste sentido, a secretaria xeral do PPdeG anunciou na reunión que tamén se designaron coordinadores nas catro provincias e nas sete cidades co obxectivo de “chegar a todos os galegos e galegas en todo o territorio e que así todos poidan coñecer o proxecto do Partido Popular”.
