A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que o partido en Galicia terá a “forza” e a “unión” necesaria para ser unha peza máis, dentro de todas as que hai que encaixar en España, para lograr o “obxectivo común” de que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España. “Sei que en Galicia estaremos á altura, porque a gran maioría de galegos e galegas quere un cambio, un Goberno que colabore e que teña en conta as necesidades e potencial de Galicia”, engadiu. Para Prado, é o momento de elixir “entre a delincuencia ou a decencia”.
A número dous dos populares galegos fixo estas declaracións esta mañá na sede autonómica do partido, na primeira reunión do Comité de Campaña do PPdeG para as Eleccións Xerais do 29 de novembro. “O noso traballo será coordinar todo o que ocorra en Galicia” e apoiar o traballo do Comité de Campaña do PP nacional.
Definiu ao PPdeG como “un gran equipo que percorrerá cada recuncho de Galicia para defender, por fin, o cambio”. Unha necesidade que, para Prado, é evidente en cuestións “que afectan día a día aos galegos e galegas” e que dependen do Goberno central, como a urxencia de máis investimento, máis colaboración e máis atención aos problemas que afectan aos cidadáns, como a vivenda, a sanidade, a educación ou o emprego.
Sobre o Comité de Campaña do PPdeG, Prado subliñou que “no PPdeG non somos de sorpresas”, e por iso, está conformado por persoas con experiencia noutras campañas e con magníficos resultados electorais acadados polo partido nas últimas eleccións municipais, autonómicas, xerais e europeas.
Este órgano volverá estar liderado por Paula Prado, que pediu a todos os seus compoñentes que deseñen unha campaña en positivo. Neste sentido, Prado amosou o seu “orgullo” por repetir como directora de campaña. Como número dous, tamén repite o vicesecretario de Organización, Pedro Rojo.
No Comité tamén participan coordinadores provinciais e coordinadores de cidades, así como coordinadores doutras áreas, persoas “moi preparadas e con experiencia”, como o portavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, aos que se suman outros perfís potentes das filas populares, como o coordinador de Medio Rural, Avelino Souto, e o coordinador de Emprego, Pablo Fernández. E todo, apoiado por un importante equipo técnico que, en palabras do presidente Alfonso Rueda, “ten a máquina de gañar eleccións sempre engraxada”.
“Xa estamos somerxidos de cheo no 29N, unha cita que pensabamos que non chegaría pero por fin Pedro Sánchez fixo algo bo nesta lexislatura: convocar eleccións e darlle a oportunidade a todos os españois a que falen”, apuntou.
Ademais, sinalou a “oportunidade” que suporá o 29N para os galegos e galegas, “que levamos anos sufrindo os recortes e castigos do Goberno central”. Así, animou aos cidadáns a “elixir entre a incerteza ou a seguridade, entre a corrupción ou a dignidade, entre o desgoberno ou o rigor, entre o declive de España ou o cambio e, en definitiva, entre a delincuencia ou a decencia”.
Prado insiste en que os españois agora teñen a oportunidade do cambio, “de dar paso a un goberno serio, que se preocupe polos problemas reais da cidadanía, da vivenda, da sanidade, da economía, do que lle preocupa ás persoas e non do que lle preocupa ao círculo de Sánchez”.
ANUNCIO NA XUNTA DIRECTIVA AUTONÓMICA
A Xunta Directiva do PPdeG do pasado luns, presidida por Alfonso Rueda, aprazou o Congreso do Partido Popular de Galicia para centrar todos os esforzos nas Eleccións Xerais e, nesta liña, aprobou por unanimidade a composición do Comité de Campaña do PPdeG, que conta con persoas que xa foron partícipes dos magníficos resultados electorais acadados polo partido nas últimas eleccións municipais, autonómicas, xerais e europeas.
