Alfonso Rueda anima aos lucenses a amosar a fortaleza do PPdeG para impulsar en España o 29N o modelo galego “da política real e útil”

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, insistiu hoxe en que Galicia ten que ser “o motor do cambio” para que Alberto Núñez Feijóo sexa o próximo presidente do Goberno de España. Para iso, animou aos lucenses a amosar a fortaleza do PPdeG e, así, impulsar a partir do 29N en todo o país o modelo galego “da política real e útil”.

Así o manifestou este mediodía ante máis de 1.000 persoas que participaron na tradicional pulpada de San Froilán organizada polo PP da provincia de Lugo, acompañado pola presidenta provincial e alcaldesa de Lugo, Elena Candia. Tamén asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e o presidente do PP local, Ramón Carballo.

Durante o seu discurso, o líder dos populares galegos afirmou que “Lugo é a provincia onde se espera o mellor resultado de toda España”, un “orgullo” pero tamén unha “responsabilidade” polo que pediu un “esforzo máis” para darlle a Galicia o Goberno central que se merece e, para que en maio de 2027 sigamos “sumando máis alcaldes e alcaldesas”. “Temos que mandar unha mensaxe de que queremos seguir progresando”, engadiu.

Neste sentido, sinalou que Galicia é unha “terra de paz”, criticando as escenas que vivimos esta semana na Coruña. “Esa xente violenta e intolerante non nos representa”, dixo, facendo fincapé en que partidos como o “BNG non son capaces de condenalo”. “Isto en Lugo e Galicia non ten cabida”, remarcou Alfonso Rueda.

Fronte a partidos como o BNG e, tamén o PSdeG, que apoiaron a Sánchez a cambio de nada, Alfonso Rueda puxo en valor a estabilidade e moderación do Goberno galego, que vén de aprobar o proxecto dos Orzamentos para 2027. Destacou os investimentos para a provincia, poñendo como exemplo as vivendas que hai en marcha -só na cidade, 615-. Uns orzamentos que apostan pola cohesión de todos os territorios, e por iso os maiores investimentos por habitante son para as provincias de Lugo e Ourense, con importantes partidas.

Neste sentido, Rueda insistiu na importancia de seguir traballando e ter sempre “a maquinaria engraxada”. Pediu seguir buscando a máxima confianza dos lucenses e galegos, remarcando que o “PP de Lugo sempre está onde hai que estar”. Referiuse a que dende a pulpada do ano pasado a esta edición “moito cambiaron as cousas”: “Por fin temos a oportunidade o 29N de facer que un galego sexa o próximo presidente de España” e “este ano preside o encontro a alcaldesa de Lugo”, como mostra de que o traballo dos populares ten resultados. “E o ano que vén, estou seguro, teremos un novo presidente do Goberno de España: Alberto Núñez Feijóo”, engadiu.

CANDIA: “XUNTOS PODEMOS LOGRAR QUE FEIJÓO SEXA O PRÓXIMO PRESIDENTE DO GOBERNO”

Pola súa parte, a presidenta do PP da provincia e alcaldesa de Lugo, explicou que “cada vez que chega o outono nos xuntamos para facer balance do que fixemos durante todo o ano, planificar o noso futuro e celebrar que somos cada vez máis, estamos máis unidos e somos máis fortes”. Pero “o importante non é o que logramos ata agora, senón o que podemos lograr xuntos”.

Elena Candia subliñou que “esta xuntanza xa estaba organizada cando se convocaron as eleccións” porque “é o que facemos sempre”. Pero subliñou que “este ano é un pouco distinta”. Así, tras conquerir o goberno da cidade, o Partido Popular está a gobernar nos Concellos para “máis do 65% da poboación da provincia grazas ao traballo de todos os que estades aquí, os alcaldes e os seus equipos”. Así quixo agradecer “a quen fixo posible que hoxe podamos compartir estas cifras e a todo o equipo de persoas que nos permiten materializar o noso modelo de cidade con rigor, transparencia, contando a verdade e traballando sen meternos con ninguén”.
Pero, este ano, ademais, “temos a oportunidade de poñer no Goberno a Alberto Núñez Feijóo, unha persoa que apreciades e que apoiades”. Nese sentido, confía en que “traballaremos xuntos” dende a “humildade” que é “a nosa fortaleza”. Candia manifestouse tamén “honrada” de “militar no partido que máis defende á provincia.

En relación á campaña electoral de cara ao 29N avanzou que “seguramente sexa moi dura” e que “seguramente escoitemos cousas que non son certas”. Así, lembrou que “Feijóo é a mellor garantía para as nosas pensións, non as vai poñer en perigo; vai ser o mellor garante das nosas infraestruturas e da nosa provincia”. “O que hai enfronte xa se define solo: no PSOE eles mesmos din que non son fiables e, a outra forza, “onte defendía o seu modelo ao lado dun alcalde de Bildu”.

En canto aos Orzamentos da Xunta asegurou que “o Goberno galego goberna con orzamentos, para resolver os problemas da xente como fan os alcaldes e o goberno de Lugo”. E subliñou que “avanzan as obras do corredor Nadela-Sarria, temos máis fondos para dependencia, para os nosos maiores, para apoiar ao sector primario e os Concellos contan con apoio para os seus proxectos. Facemos o que sabemos facer, non enganar a ninguén”. Polo que cre que “seguiremos sendo o que fomos nas últimas xerais e autonómicas: os claros vencedores”, concluíu.

O PPdeG pon en valor as axudas da Xunta de máis de 3,6 M€ para compensar o sobrecusto do gasóleo e dos fertilizantes no sector agrogandeiro

O PPdeG reivindicou “o compromiso firme e con feitos” do Goberno galego co sector agrogandeiro fronte ao incremento dos custos de produción, principalmente, no referido ao gasóleo agrícola e aos fertilizantes.

Durante unha visita recente ao Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo de Limia, os deputados do Grupo Parlamentario Popular Cristina Campero e Miguel Viso puideron coñecer de primeira man o traballo que desde estas instalacións se fai a prol do sector. E aproveitaron para enxalzar a nova orde de axudas, de máis de 3,6 M€ –dos cales 1,6 M€ proceden dunha achega procedente da Comisión Europea e 2 M€ son adicionais da Xunta-, que o Goberno galego lanzará para paliar o encarecemento do gasóleo agrícola e dos fertilizantes, e que ten como obxectivo apoiar de forma directa aos profesionais que apostan pola viabilidade do campo, as explotacións profesionais e o desenvolvemento do rural.

Neste senso, explicaron que estes apoios contarán cunha tramitación simplificada e aboaranse antes de que remate o ano para dar liquidez directa aos agricultores e gandeiros autónomos cuxos ingresos dependan polo menos nun 25 % da actividade agraria.

Para a deputada popular Cristina Campero, estas axudas son “unha mostra do compromiso real e con feitos” da Xunta cos profesionais do campo nun momento de dificultade, correspondendo ao esforzo da xente que o fai ben. Porque, segundo dixo, garantir a estabilidade e a rendibilidade resulta fundamental para asegurar a remuda xeracional no rural e permitir que a mocidade aposte por este sector.

Pola súa banda, o deputado Miguel Viso remarcou que “a verdadeira defensa do rural faise con política útiles”, a través de recursos que chegan directamente ao sector produtor e que poñen en valor o liderado lácteo de Galicia, que concentra máis da metade das explotacións de España e produce o 42 % do leite do Estado.

Os deputados populares concluíron reiterando que o futuro do rural pasa por apoiar aos gandeiros que apostan pola calidade, pola sustentabilidade e pola protección da biodiversidade. Así, incidiron no compromiso da Xunta para continuar sendo un aliado do sector primario, impulsando medidas que reforcen a súa competitividade e contribúan a fixar poboación no territorio.

INICIATIVA NO PARLAMENTO PARA UN REPARTO MÁIS XUSTO
Ao fío disto, os deputados lembraron que o Grupo Popular rexistrou unha iniciativa no Parlamento para solicitar ao Goberno central a revisión dos criterios das axudas estatais para fertilizantes, esixindo cambios normativos para un reparto “máis xusto e acorde coa realidade produtiva de Galicia”.

Dende o PPdeG denunciaron o “desequilibrio territorial” dun modelo de Pedro Sánchez que deixa á comunidade con só o 0,6 % destes fondos, prexudicando gravemente a un sector clave economicamente onde a superficie agraria está moi vinculada á produción de forraxes e á alimentación do gando. Con esta iniciativa, os populares avogan por que os apoios estatais “se aproximen o máximo posible aos custos que realmente soportan os profesionais”, sumándose así á reclamación que a propia Xunta xa trasladou formalmente a Madrid.

CENTRO DE DESENVOLVEMENTO AGROGANDEIRO
A elección do Centro Agrogandeiro responde precisamente ao seu coñecemento directo desta materia. As súas instalacións funcionan como laboratorio e punto de apoio técnico para agricultores e produtores da provincia, aos que presta servizos de análise de solos e asesoramento posterior, incluídas recomendacións específicas de fertilización.

Servando Álvarez, director técnico do centro e cunha longa traxectoria no asesoramento aos produtores da Limia, ten desenvolvido ademais traballo específico arredor da racionalización da fertilización dos cultivos e da xestión de fertilizantes