O PPdeG reivindica a súa maquinaria “sempre engraxada”, que “non ía ser menos” de cara ao reto electoral do 29 de novembro. O presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, reiterou que Galicia será o “gran motor de cambio” para contribuír á vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas Eleccións Xerais, grazas a un “gran equipo de candidatos”, mulleres e homes “valentes e comprometidos” que serán os arquitectos galegos da reconstrución nacional. Así o manifestou durante a foto de familia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, cos candidatos das catro provincias galegas que concorrerán o 29N, perfís “diversos” que demostran que no PPdeG “hai canteira”.
Para Rueda, a lista galega que acompaña ao proxecto do PP nacional, está formada por “un equipo gañador”, que axudará a que un galego devolva a decencia a España e, concretamente, a Galicia, despois de anos de abandono do sanchismo e dos seus cómplices do BNG.
O presidente autonómico agradeceu aos candidatos a súa implicación de cara ás Eleccións Xerais, así como a aqueles que deixan paso polos seus anos de servizo. Neste sentido, animounos a “seguir traballando” e “dándoo todo” para os próximos retos electorais. Para os populares galegos, as listas mostran a un partido implicado no reto de reconstruír España. Deste xeito, os populares galegos tamén cumprirán co “Contrato con España” que asinou Feijóo.
