O Grupo Parlamentario Popular vén de propor a Roberto Blanco Valdés e a Juan Raposo Arceo como candidatos a maxistrados do Tribunal Constitucional para presentar ao Senado.
Natural da Estrada, Roberto Blanco Valdés é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. É catedrático de Dereito Constitucional no departamento de Dereito Público e Teoría do Estado da Universidade de Santiago e de Dereito e Socioloxía da Universidade da Coruña.
Autor de máis de douscentos traballos aparecidos nalgunhas das máis prestixiosas revistas especializadas en Dereito Constitucional e Ciencia e Teoría Política; e entre as súas publicacións cóntanse máis de corenta libros. Ten dirixido nove teses doutorais e ten formado parte, como presidente ou membro, de máis de medio cento de tribunais de teses. Como especialista en Dereito de partidos ten participado en multitude de reunións, foros institucionais e congresos tanto nacionais como internacionais. E membro do comité científico ou asesor de numerosas revistas científicas especializadas en Dereito constitucional.
Juan Raposo Arceo é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é profesor titular de Dereito Civil da Universidade da Coruña e imparte a Maestría de Dereito Administrativo na Universidade Panamericana de México D.F.
Debido á súa actividade docente, impartiu máis dun cento de cursos nas universidades galegas, así como tamén no Consejo General del Poder Judicial, en colexios de avogados ou na Escola Galega de Administración Pública. Publicou arredor de corenta artigos en diversas revistas nacionais e autonómicas, e libros e manuais. Desde 1993, dirixiu e coordinou en diferentes institucións, tanto públicas como privadas, máis de cen cursos sobre ordenación do territorio, urbanismo, vivenda, organización administrativa ou Dereito público autonómico. Foi integrante do equipo redactor da Constitución de Nicaragua, en 2012, e redactor da Lei de Vivenda de Galicia, Lei de Montes de Galicia, e Lei de Rehabilitación, Renovación e Rexeneración Urbana de Galicia.
Por último, cómpre lembrar que o sistema de elección dos maxistrados do Tribunal Constitucional polo Senado ten a súa orixe nunha proposta xurdida no Parlamento de Galicia e incorporada á lexislación estatal, de xeito que na actualidade a Cámara Alta elixe os catro maxistrados que lle corresponden de entre os candidatos propostos polas asembleas das comunidades autónomas.
Con esta proposta, o Grupo Parlamentario Popular atende, así, o prazo comunicado pola Cámara Alta para a presentación de candidatos polos parlamentos autonómicos, cumprindo a data límite fixada do 30 de novembro de 2026. A votación para a súa elección terá lugar o próximo martes, no Pleno ordinario do Parlamento.
