Rueda pide “apertar no último sprint” da campaña para dar un apoio masivo a Feijóo e propiciar o “fin” do sanchismo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu “apertar” no momento no que a carreira electoral do 29N encara o último “sprint”, e non “baixar os brazos”, co obxectivo de brindarlle a Alberto Núñez Feijóo un apoio “masivo” nas urnas. Unha vitoria ampla que propicie o “fin” do sanchismo, que asegurou que non só desexan os que están fartos dos últimos oito anos do Goberno, senón que tamén o auguran os propios socialistas.

Así o dixo Rueda no mitin celebrado esta tarde en Verín, xunto ao presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, e a cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Vázquez. No acto exerceu de anfitrión o candidato á Alcaldía, Victor Baladrón. O líder do PPdeG afirmou que no seo do PSOE son conscientes de que, a partir do domingo, chega o “cambio”: delatouse Pedro Sánchez cando pediu a Feijóo, no seu cara a cara, que non derogue as leis que aprobou; e tamén o demostra o seu “escudeiro” en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, quen no próximo pleno do Parlamento autonómico lle vai preguntar a Rueda polos asuntos prioritarios que pretende abordar co Goberno central.
Nesta liña, Rueda lamentou como nos últimos días seguen acumulándose as evidencias da necesidade dun novo rumbo na Moncloa: as urnas de cartón para o voto exterior; o regreso de Carles Puigdemont tras afirmar que derrotou o Estado; o “Black Friday” de decretos aprobados no último Consello de Ministros; ou a falta de control das fronteiras, coa presión migratoria trasladada agora ás Illas Canarias.

Ademais, no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, lembrou o exemplo de José Luis Ábalos, exministro e man dereita de Sánchez, quen proclamara que era feminista por ser socialista, mentres falaba das mulleres en termos “vomitivos” co seu socio Koldo García, ou organizaba unha “festa” no Parador de Teruel en plena pandemia.

Rueda celebrou que quedan apenas catro días para darlle un novo rumbo a España e recuperar a decencia e a xestión despois de dúas lexislaturas que deixan servizos que funcionan peor, máis de 100 subidas de impostos e máis débeda pública; sen Orzamentos e coa corrupción invadindo as institucións. En definitiva, catro días para que todo o país “funcione como Galicia”.

Esa, remarcou, ha de ser a mensaxe que se envíe con intensidade o domingo desde Verín, desde Ourense e desde toda a Comunidade: o desexo de ter un Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo. Porque el meréceo, pero, sobre todo, “meréceo España”, concluíu.

MENOR: “OS VOTOS PÍDENSE, E DEVÓLVENSE CUMPRINDO AS PROMESAS”

Na súa intervención, Luis Menor apelou á máxima mobilización nestes últimos días de campaña electoral para abrir unha nova etapa en España. Sinalou que o resultado das urnas tamén será determinante para que Alfonso Rueda poida defender as demandas de Galicia ante un Goberno central presidido por Alberto Núñez Feijóo. E reivindicou a necesidade de poñer fin ao que cualificou de «oito anos de absoluto esquecemento de Ourense por parte de Sánchez e da incapacidade do seu socio, o BNG, para defender os nosos intereses».

Menor lembrou o respaldo obtido polo Partido Popular en Verín nas eleccións xerais de 2023, con máis do 46% dos votos, e nas autonómicas de 2024, nas que Rueda acadou o 51,4% dos sufraxios, cunha vantaxe de 38 puntos sobre o PSOE. Pero advertiu tamén contra o exceso de confianza ante as previsións demoscópicas. «As enquisas dannos ánimo, pero só iso: ánimo. Aquí non hai nada gañado. Non hai espazo para confianzas nin euforias», afirmou, ao tempo que advertiu das consecuencias que podería ter a fragmentación do voto na distribución dos escanos.
Expresou, ademais, a súa aspiración de que a provincia acade un resultado histórico nas urnas: «Eu non quero só gañar: quero que Ourense sexa a provincia que máis apoio lle dea a Alberto Núñez Feijóo en Galicia e en toda España. Ourense non lle pode fallar, como tampouco nos vai fallar el». Menor reivindicou a experiencia de xestión do Partido Popular, baseada na seriedade e no rigor, e incidiu na responsabilidade que supón recibir a confianza da cidadanía, lembrando que «os votos pídense e logo devólvense cumprindo as promesas».

ANA VÁZQUEZ REIVINDICA A EXPERIENCIA DE GALICIA EN DESENVOLVEMENTO DE POLÍTICAS DE PROTECCIÓN DAS MULLERES

Pola súa banda, Ana Vázquez centrou parte da súa intervención na protección das mulleres, coincidindo coa conmemoración do 25N, e contrapuxo o balance do Goberno de Sánchez nesta materia ás propostas do Partido Popular. Vázquez cuestionou a xestión do Executivo socialista, “porque a seguridade das mulleres de Ourense non pode depender da propaganda. Con Alberto Núñez Feijóo cambiaremos os erros por protección real: reforzaremos o sistema VioGén, garantiremos que as pulseiras funcionen e apoiaremos a quen decida ser nai. Este 29N, vota por respecto, liberdade e seguridade”, proclamou.

Así mesmo, reivindicou a experiencia de Galicia no desenvolvemento de políticas de protección das mulleres e o compromiso do PP co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Vázquez proclamou que “hoxe, 25 de novembro, non valen os lemas baleiros. Tras oito anos de goberno de Sánchez, as agresións sexuais subiron un 70%, máis de mil agresores viron rebaixadas as súas penas e case cinco mil mulleres quedaron desprotexidas polo fallo das pulseiras antimaltrato. Fronte ao seu abandono, fai falta xestión real”.