Prado e Conde defenden o compromiso do PP co sector agroalimentario e urxen reforzar o control de fronteiras para os produtos que entran en España

O PPdeG reivindica a necesidade de reforzar o control de fronteiras para que os produtos que entren en España cumpran as mesmas normas que se esixen aos produtores españois. Durante unha visita á fábrica de Torre de Núñez, en Lugo, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, xunto ao cabeza de lista ao Congreso por Lugo, Francisco Conde, e outros membros da candidatura, defenderon que Alberto Núñez Feijóo declarará “estratéxicas” as cadeas alimentarias, polo que pediron o voto útil dos galegos e galegas para o PP, o partido “máis comprometido co sector agroalimentario, a despensa do país”.

Así o manifestaron os populares durante a visita a Torre de Núñez, onde puideron coñecer os diferentes procesos de elaboración dos embutidos, guiados polos profesionais da fábrica. “O sector agroalimentario no seu conxunto -sector primario, transformación e comercialización- ten unha gran importancia económica, social e territorial en Galicia”, defenderon Prado e Conde.

Tamén reiteraron o compromiso de Alberto Núñez Feijóo co sector, polo que reivindicaron o apoio para o PP nas urnas este 29 de novembro, xa que o candidato á presidencia do Goberno “vai fortalecer o sector”.

Por outra banda, Prado e Conde defenderon tamén a reforma da fiscalidade do sector primario, a eliminación da burocracia, a mellora da negociación no Marco Financeiro Plurianual e o fortalecemento da PAC. “Defenderemos que a PAC e a cohesión territorial sigan tendo fondos propios de Europa e sen recortes para España” de forma que “se manteñan as axudas aos agricultores e gandeiros e os fondos de competitividade cheguen á nosa industria”, concluíron.