Os deputados do Grupo Popular Miguel Ángel Viso, Cristina Campero e Víctor Baladrón defenderán no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno de España e a Renfe que manteñan os servizos e horarios actuais na estación ferroviaria de A Gudiña-Porta de Galicia, solicitando que calquera cambio futuro no servizo se realice atendendo os criterios de equilibrio territorial e garantindo as frecuencias que permitan a mobilidade funcional dos usuarios do interior de Galicia.
Os deputados populares, que mantiveron un encontro con portavoz do PP en A Gudiña, José María Lago, e representantes municipais deste e doutros concellos da comarca, criticaron que a reorganización da oferta ferroviaria no corredor de Alta Velocidade Galicia-Madrid, prevista polo Ministerio de Transportes para a súa entrada en vigor o vindeiro 9 de xuño, “supón un claro prexuízo para os usuarios da estación de A Gudiña-Porta de Galicia, xa que se van reducir considerablemente o número de servizos dispoñibles”.
TRES SERVIZOS MENOS CADA DÍA
En concreto, lembraron que no traxecto A Gudiña–Madrid suprimirase o tren matinal das 8:28 e das 9:14 horas, que permitía chegar á capital antes das 10:34 horas, “co que resultará imposible chegar a Madrid antes das 14:08 horas, facendo imposible realizar xestións ou trámites durante a xornada de mañá”. Así mesmo, no traxecto Madrid-A Gudiña tamén se suprimirá o último servizo das 19:17 horas, quedando como último do día o das 18:06 horas.
“É intolerable que o Goberno de Pedro Sánchez, coa escusa de reducir os tempos da viaxe entre as grandes cidades, elimine servizos esenciais no interior de Galicia, limitando gravemente a mobilidade dos habitantes das comarcas de Monterrei, Viana ou Valdeorras”, sinalaron os deputados populares, quen tamén apuntaron que esta decisión “suporá un prexuízo considerable para os milleiros de peregrinos da Vía da Prata e do norte de Portugal que utilizaban esta estación como o seu principal punto de acceso á rede de alta velocidade”.
Ademais, subliñaron que esta reorganización dos servizos dificultará os desprazamentos de ida e volta no mesmo día, restando funcionalidade e utilidade a unha infraestrutura que mobilizou máis de 107.000 viaxeiros desde a súa apertura en decembro de 2021.