As deputadas do Grupo Popular Dolores Hermelo e Patricia García denunciaron hoxe a “deriva autoritaria e a incompetencia xestora” amosada polo BNG e o PSdeG na Mancomunidade do Morrazo, logo dos lamentables acontecemento vividos na asemblea celebrada na tarde do venres. Neste sentido, contrastaron a imposición do novo “taxazo” do lixo nos concellos mancomunados fronte á xestión eficiente do Concello de Marín, que, estando fóra do ente supramunicipal e baixo goberno do PP, logrou manter o recibo conxelado aos seus veciños.
Dolores Hermelo e Patricia García cualificaron de “atentado democrático” o sucedido o pasado venres durante a Asemblea da Mancomunidade, onde se aprobaron as novas taxas desoíndo o clamor social. Así, criticaron duramente o despregamento de seguridade ordenado para manter aos veciños afastados da toma de decisións e a expulsión dunha concelleira do Partido Popular polo mero feito de cuestionar a xestión da presidenta.
O «BÚNKER» DE SANTOS
Dolores Hermelo foi taxativa ao valorar a actitude da alcaldesa de Moaña e presidenta da Mancomunidade, Leticia Santos (BNG), a quen acusa de instaurar un réxime de “ordeno e mando”. “O que vivimos o venres non foi un acto administrativo, foi unha cacicada na que Leticia Santos converteu a Mancomunidade nun búnker, utilizando a seguridade como escudo ante os veciños e aplicando unha mordaza totalitaria á oposición”, lembrou a deputada popular, quen afirmou que “expulsar unha concelleira democraticamente elixida por dicir a verdade é o síntoma definitivo de que o BNG perdeu os papeis e o respecto pola cidadanía”.
Hermelo lembrou que o “rolo” do BNG e os seus socios socialistas pasou por riba de 3.600 alegacións presentadas polos veciños, das cales se rexeitaron o 99 por cento sen apenas debate. «Desprezaron a 3.600 familias do Morrazo. Non é xestión, é imposición», sentenciou a deputada.
O ESPELLO DE MARÍN
Pola súa banda, Patricia García desmontou a escusa económica do BNG, lembrando que, aínda que a suba vén provocada pola Lei de Residuos e Economía Circular do Goberno de Pedro Sánchez, existen ferramentas para paliar o golpe, que a Mancomunidade ignorou por “vagancia e ineficacia”.
Deste xeito, a deputada popular puxo como exemplo o modelo de Marín, municipio veciño que comparte a mesma realidade xeográfica e normativa, pero que logrou resultados opostos grazas á xestión do Partido Popular. “Mentres no Morrazo o BNG mete a man no peto dos veciños para pagar a factura de Pedro Sánchez, en Marín o PP fixo os deberes conxelando o recibo porque soubo xestionar, acolleuse ás bonificacións do canon de Sogama que ofrece a Xunta de Galicia e priorizou o benestar das familias”, explicou, para sentenciar que “no Morrazo prefiren a pancarta e a sablada fiscal; en Marín, a xestión e o aforro”.
As deputadas populares conclúen advertindo que a suba de taxas en Bueu, Cangas e Moaña é consecuencia directa “dunha dobre pinza: a lexislación sanchista que obriga ao cobro e a incapacidade dos gobernos locais do BNG e PSdeG para xestionar os residuos de maneira eficiente e bonificada, tal e como si fixo Marín”. “O BNG demostrou que o seu único modelo de xestión é o ruído, a prohibición da crítica e a suba de impostos”, finalizaron.