Santiago, 19 de maio de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a convocatoria de preto de 700 accións formativas, adaptadas ás necesidades do tecido empresarial, que teñen como obxectivo formar a máis de 10.000 persoas sen emprego. Estes cursos teñen tres modalidades segundo o lugar onde se desenvolvan: en centros e entidades de formación, nos centros públicos de formación profesional e no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, situado no barrio compostelán de Conxo.
Nos dous primeiros tipos de centros vanse realizar cursos de 450 horas de media para formar 9.000 persoas, que obterán un certificado de profesionalidade homologado. Priorízanse materias como soldadura, caldereiría, estruturas metálicas e deseño da industria naval, debido ao aumento da carga de traballo nos estaleiros galegos. “Está constatado que hai distintas áreas, sobre todo na Ferrol, onde temos dificultades para contratar soldadores en aceiro que estean á disposición da industria eólica mariña”, explicou o presidente. Tamén se farán cursos orientados á internacionalización, o emprendemento ou o desenvolvemento tecnolóxico.
A formación TIC, que chegará a 1.000 persoas ao longo de 3.270 horas, ten como obxectivo que os alumnos obteñan certificacións oficiais de fabricante, que acreditan que son quen de empregar unha determinada tecnoloxía.
Isto complementa aos programas de formación profesional co foco posto na Industria 4.0 que foron anunciados polo presidente hai dúas semanas e que teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade de máis de 1.000 persoas en paro.
[iframe width=»600″ height=»350″ src=»https://www.youtube.com/embed/TKfNWWOAdlw» frameborder=»0″ allowfullscreen ]