O PPdeG enxalza o labor dos seus alcaldes “ofrecendo proximidade, seriedade, xestión e antepoñendo os intereses dos veciños por enriba doutros intereses”

O PPdeG quixo hoxe poñer en valor o traballo diario dos seus alcaldes e alcaldesas en toda Galicia enxalzándoos como os garantes dunha política “de proximidade, seriedade e xestión” e destacando que “sempre poñen os intereses dos veciños por enriba dos intereses partidistas”.

Fíxoo a través da súa secretaria xeral, Paula Prado, que esta mañá participou na segunda edición da Carreira e Andaina Popular Concello da Pastoriza xunto á presidenta de Novas Xeracións de Galicia e deputada autonómica, Nicole Grueira, e o portavoz do PP na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide. Un evento que serviu de homenaxe ao recentemente falecido exalcalde do municipio, Pepe Yáñez, polo que se gardou un minuto de silencio.

Quen durante máis de dúas décadas liderou a Alcaldía da Pastoriza é precisamente, en palabras da número dous dos populares galegos, un dos “referentes” do municipalismo do PPdeG e por iso o seu legado guiará ao partido no proceso de renovación dos equipos de cara as vindeiras elección municipais de 2027.

“Temos que facer fronte a un PSOE totalmente asolado pola corrupción e apoiado nos independentistas, cada vez máis radicalizados”, asegurou Paula Prado en referencia ás críticas do BNG á concesión da Medalla de Galicia á Princesa Leonor. “Nós seguiremos sendo o partido referente e garante da verdadeira Galicia real”, concluíu.

O PPdeG amosa o seu rexeitamento a todos e cada un dos acordos políticos “con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos de ETA e pretenden lexitimar a súa existencia”

O PPdeG conmemorou o 28º aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco a mans da banda terrorista ETA recordando a súa loita “por manter unha España máis democrática, unida, plural e libre” e facendo un chamamento á sociedade para que non se esquezan “xamais” nin o seu legado nin o seu “exemplo moral e de coraxe democrático”.

Así o puxo de manifesto esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na homenaxe que os populares galegos fixeron ao político vasco “con profundas raíces galegas” no cemiterio de Faramontaos (A Merca), onde repousan os seus restos. Un acto no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, o alcalde Manuel Garrido, o exalcalde Manuel Velo e Miguel Ángel López, primo político do homenaxeado, entre outros.

“Non entendemos como hai partidos galegos, como o BNG, aliados con herdeiros de ETA e mesmo asesorados por eles”, asegurou ao tempo que reiteraba o seu rexeitamento a “todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos da banda terrorista e pretenden lexitimar a súa existencia”.

Nesta liña subliñou que o Partido Popular ten “a conciencia tranquila” porque está “onde ten que estar”. Algo que volveu deixar claro hai uns días o presidente nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo, ao afirmar que os únicos “cordóns sanitarios” que terá o seu Goberno serán con Bildu e que “nin vai sentarse con ningún representante dese partido nin lles vai abrir o Palacio da Moncloa”.

“Tampouco deberían facelo o PSOE e o BNG”, engadiu Paula Prado argumentando que “non hai nada que falar ata que non pidan perdón a todas as vítimas de ETA e non axuden a esclarecer todos os crimes que custaron a vida a tantas persoas”.

Trátase dunha cuestión que se lle debe, apuntou, a todas as vítimas e en especial a todos os compañeiros de partido que, como Miguel Ángel Blanco, se xogaron a vida pola liberdade. Todos eles merecen, na súa opinión, ser “reparados das humillacións e do esquecemento aos que algúns pretenden condenalas”.

“O prezo que pagaron Miguel Ángel Blanco e todas as vítimas de ETA por defender unha España libre e unida é o mellor recordatorio do valor que ten non renunciar a esta idea e seguir defendéndoa”, concluíu.

LUIS MENOR: «BENEFICIAR A BILDU É MOI DISTINTO A XESTIONAR”

Pola súa banda, o líder do PP de Ourense, Luis Menor, comprometeuse como presidente provincial a “dignificar” o espazo onde se atopa Miguel Ángel Blanco e que “ninguén se esqueza desta traxedia”, citando A Merca como «o símbolo máis representativo da democracia e de todas as liberdades» desde hai 28 anos.

Menor destacou que o concelleiro de Ermua «morreu pola barbarie daqueles que só sabían falar coas pistolas e non coa palabra» e esixiu «dignidade» a aqueles que «pactan cos herdeiros de ETA sen que, en ningún momento, ninguén neste país escoitara pronunciar a palabra perdón».

«Estamos fartos de ver como partidos como Bildu son beneficiados por Pedro Sánchez para seguir ocupando a Moncloa, algo que é moi distinto a xestionar», dixo Menor, e tanto el como Paula Prado tiveron un recordo para Aurelio Garrido, tío materno de Miguel Ángel Blanco, falecido hai apenas un mes. «Desde o PP, temos disposición para darnos sempre cita aquí, para manter vivo o recordo de Miguel Ángel e o que significa na nosa provincia e na nosa Democracia a súa figura», engadiu Menor.

Por último, o alcalde da Merca, Manuel Garrido, lembrouno como un “veciño significado” que “só quería ser libre”, e tamén se comprometeu a seguir homenaxeándoo cada ano: “Meréceo, lembralo é o mínimo que lle podemos dar”.

O PPdeG lamenta que PSdeG e BNG sigan mantendo o seu apoio “cómplice” á corrupción dun Pedro Sánchez que “xa debería estar facendo a maleta para deixar a Moncloa”

O Partido Popular de Galicia lamenta que, tras o acontecido onte no Congreso dos Deputados, tanto o PSdeG como o BNG sigan mantendo o seu apoio “cómplice” a un Pedro Sánchez “cada día máis afogado pola corrupción” e “carente de credibilidade” en vez de “axudalo a facer a maleta na Moncloa”.

“Quedou constatado unha vez máis que tanto os socialistas como especialmente os independentistas son cómplices necesarios dun Goberno corrupto nun momento no que xa non hai motivos para apoialo”, incidiu a secretaria xeral Paula Prado esta mañá en declaracións aos medios en Trazo.

A número dous dos populares galegos visitou este concello xunto ao secretario xeral do PP na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e aproveitou para poñer en valor que a alcaldesa Fina Suárez é unha das 30 rexedoras que fan do PPdeG “o partido con máis alcaldesas de Galicia”. De feito, neste caso, Suárez conta cun 59% de apoio electoral e goberna con 8 dos 11 concelleiros que integran a Corporación.

“Somos os garantes dun feminismo e dunha igualdade reais que se apoian en mulleres valentes e con capacidade de liderado”, subliñou Prado poñendo como proba dilo que tanto a alcaldesa de Trazo como a de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa, son dúas das 10 alcaldesas e alcaldes que, por designación do presidente Feijóo, veñen de integrarse por primeira vez na Xunta Directiva Nacional do Partido Popular en representación dos pequenos municipios de España.

Trátase dunha das grandes novidades dos Estatutos do Partido Popular e que foi posible grazas a unha emenda que tamén foi impulsada desde o PPdeG porque, tal e como explica Paula Prado, “nin Galicia se entende sen os seus concellos rurais nin o Partido Popular sen as medidas pensadas para vivir no rural e do rural”.

“Reivindicámonos como o partido do rural porque somos o único que ten en conta os servizos de proximidade, os beneficios fiscais ou a remuda xeracional no agro”, remarcou incidindo en que o Partido Popular, ao igual que fai en Galicia, quere gobernar para o rural de toda España.

Algo que, sen dúbida, quedou claro no último Congreso Nacional do partido e que a secretaria xeral do PPdeG cualifica como “o máis galego da historia” na medida en que foi “o Congreso de Feijóo, de Miguel Tellado, da ‘Rianxeira’ e do que saíu o equipo que máis pronto que tarde chegará a gobernar España”.

A PRESENZA DO RURAL NO PROXECTO POPULAR

Pola súa banda, Fina Suárez quixo manifestar o seu orgullo e agradecemento tanto ao presidente Alfonso Rueda como ao presidente Alberto Núñez Feijóo por brindarlle a oportunidade de “representar ás mulleres do rural e a concellos que, como Trazo, traballan desde a proximidade e a boa xestión”.

Como nova integrante da Xunta Directiva Nacional do partido en representación dos pequenos concellos, comprométese a “seguir loitando con esforzo, dedicación e ilusión para que o rural perdure, teña presenza e sexa respectado”.

Alfonso Rueda muestra su apoyo a Feijóo: “Es un líder preparado, con capacidad de gestión y que tiene un partido detrás que le da las fuerzas que necesita para materializar todo lo que tiene que hacer y hará”

El presidente del PPdeG, Alfonso Rueda, manifestó hoy la ilusión y el orgullo de los populares gallegos por apoyar en el Congreso Nacional del PP a Alberto Núñez Feijóo, quien demostró en Galicia que “es un líder preparado, con capacidad de gestión y que tiene un partido detrás que lo apoya, lo empuja y le da las fuerzas que necesita para materializar todo lo que tiene que hacer y hará”.

“Estamos aquí para contribuir a la organización de un partido que haga posible un cambio de Gobierno de la mano de un gallego que conoce perfectamente a los gallegos, al que los gallegos conocemos perfectamente y al que Galicia siempre apoyará al máximo”, explicó en declaraciones a los medios a su llegada al recinto ferial de IFEMA que estos días alberga el cónclave de los populares.

“Me alegra que los gallegos y el resto de españoles podamos ver hoy la diferencia entre un partido con ilusión que va a sostener en muy poco tiempo al próximo presidente del Gobierno y un partido en descomposición que sostiene a quien es presidente a costa de sacrificarlo todo para seguir siéndolo”, subrayó contraponiendo la situación que viven el Partido Popular y el PSOE.

De hecho, el presidente del PPdeG no dudó en calificar al PSOE como “un partido absolutamente deshecho, noqueado y empeñado en cometer fallos con los que tapar lo que ya es imposible tapar: la corrupción, la falta de explicaciones y la deriva hacia cosas que cada vez sorprenden menos y que parecen ser la tónica habitual”.

En preguntas de los medios sobre la renuncia de Paco Salazar al cargo que ayer le ofreció Pedro Sánchez en la organización del PSOE, Alfonso Rueda apuntó: “Cuando un partido está mal, suceden cosas como esta y como las que seguirán pasando mientras continúen tomando a la gente por tonta con golpes de efecto que no consiguen nada y pretendiendo hacernos creer que Sánchez no sabía nada de lo que sucedía a su alrededor”.

O PPdeG celebra que Galicia poida exercer xa as competencias do litoral: “Traballámolo, mereciámolo e chegou o momento de recuperar o tempo perdido”

O PPdeG celebra o “fito histórico” que supón que Galicia poida exercer xa as competencias de xestión do seu litoral logo de anos de reivindicacións lideradas polo presidente Alfonso Rueda e que agora se traducirán nunha maior seguridade xurídica para as empresas, os particulares e os concellos ubicados ao longo dos máis de 1.500 quilómetros de costa da nosa Comunidade.

“Galicia traballouno, Galicia merecíao, e demostrará a partir de agora por que pedía esas competencias”, afirmou ao respecto a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, logo de manter unha reunión en Cangas con representantes do sector mar-industria na comarca na que estivo acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a líder local do partido, Loli Hermelo.

Prado incidiu en que “para os galegos o mar é emprego, é riqueza e é vida” e de aí que ao longo destes anos se traballara para que o litoral galego foxe xestionado desde Galicia: “Non tiña sentido que iso se estivera facendo desde un despacho de Madrid, cando somos a Comunidade con máis quilómetros de costa de España”.

De feito, remarcou que o espazo litoral sobre o que agora o Goberno galego terá plenas competencias abrangue unha superficie de 16.000 quilómetros cadrados –o equivalente a “máis do triplo da superficie que ten a provincia de Pontevedra”– e no que se atopan 86 concellos, incluído o de Cangas, que “teñen moito que dicir e cos que a Xunta vai valar e deixar claro que isto non vai de cores”.

“É o momento de recuperar o tempo perdido co noso litoral e por iso, fronte aqueles que só protexen o medio ambiente nas súas pancartas, o PPdeG ofrecerá realidades e seguridade xurídica para protexer a nosa costa”, concluíu afeando a actitude mostrada ao longo deste tempo por un Goberno estatal do que “o único que Galicia recibiu foron negativas, desprezos e adiamentos”.

Xa en clave nacional, Paula Prado asegurou que “Galicia e toda España necesitan xa deixar de sufrir a parálise dun Goberno central ocupado exclusivamente en tapar a súa corrupción”. E, por iso, avanzou que esta fin de semana medio millar de galegos e galegas, liderados polo presidente Alfonso Rueda, “tomarán partido por España” no Congreso Nacional do PP. Un evento no que Galicia, asegurou logo do nomeamento de Miguel Tellado como novo secretario xeral nacional e co presidente Alberto Núñez Feijóo, “será protagonista”.

GALICIA GOBERNA O SEU LITORAL

Todas estas cuestións foron abordadas na reunión que os representantes do PPdeG tiveron con membros da cadea mar-industria para valorar a repercusión destas novas competencias asumidas por Galicia. Entre eles, a presidenta e o secretario de Frigoríficos do Morrazo, Sonia Barreiro e José Carlos Barreiro, o co-fundador de Wofco, Alberto Barreiro, o patrón maior da Confraría de Cangas, Javier Costa, e os xerentes de Pescados Marcelino, Gustavo Adolfo Marcelino e Ramón Marcelino.

Logo da reunión e da visita á piscifactoría de Frigoríficos do Morrazo, puideron dar un paseo polo litoral deste concello e a cuxo remate o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, abordou a relevancia que o litoral ten para esta provincia.

“Tres de cada cinco empresas que máis facturan na nosa provincia pertencen ao sector mar-industria, por non falar das vivendas e equipamentos públicos que se sitúan no litoral e nos converten nunha provincia que mira ao mar e que, en consecuencia, coida ao mar”, explicou.

Por iso o líder provincial comprometeu o traballo e apoio de Pontevedra ao Goberno galego na xestión de “algo crucial” como é o litoral. De feito, quixo felicitar ao presidente Rueda e a todo o seu equipo: “Grazas ao seu inxente traballo e tras anos de loita, conseguimos que as decisións sobre o noso as tomemos nós”.

Loli Hermelo, pola súa banda, incidiu na importancia da Lei do Litoral aprobada hai dous anos e que agora fará posible, unha vez asumidas estas competencias, que Galicia “poida xestionar o seu litoral, protexer o seu medio ambiente, decidir sobre o seu futuro e crecer dun xeito sustentable”.

“Cangas é un concello que vive cara o mar e que ama o seu mar porque representa todo o que somos”, asegurou a líder do partido neste concello ao tempo que facía referencia ao pasado vinculado á antiga fábrica de Massó e ao futuro que teñen por diante as numerosas empresas asentadas no litoral cangués.

O PPdeG reivindica o modelo de gratuidade educativa “desde o nacemento ata a universidade” que sitúa a Galicia como “referencia en conciliación e loita contra o reto demográfico”

O PPdeG reivindica o modelo de educación gratuíta “desde o nacemento ata a saída da universidade” do que gozan os galegos e galegas gracias ao Goberno de Alfonso Rueda e co que Galicia se posiciona como “referencia en conciliación e loita contra o reto demográfico”.

Así o quixeron poñer en valor os populares galegos na reunión da Comisión de Educación do partido que tivo lugar en Vedra e na que participaron, entre outros, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e FP do Goberno galego, Román Rodríguez, o coordinador da Comisión, Ovidio Rodeiro, e o alcalde Carlos Martínez.

“A educación en Galicia tamén goberna grazas a un profesorado e unha comunidade educativa con vocación e dedicación e grazas á procura constante da calidade, a excelencia e a accesibilidade no sistema educativo”, sinalou Paula Prado ao tempo que incidía na capacidade deste sistema para “vertebrar o territorio” chegando alí onde están os alumnos e ofrecéndolle posibilidades a todos eles.

A secretaria xeral do PPdeG quixo remarcar na súa intervención que, se a educación en Galicia goberna, é porque “se basea en ensinar e formar, non en adoutrinar”. De feito, reivindicou que “o ensino de calidade é aquel que non cre en ningún tipo de imposición ideolóxica, lingüística ou partidista, senón que ofrece unha visión ampla para que a xente decida en liberdade”.

Facer o contrario, indicou, xeraría “rexeitamento” e “desapego”. De aí que o Goberno aposte por “convencer en vez de impoñer” para que así os galegos e galegas “poidan ser libres e críticos dentro dunha sociedade plural e aberta”.

“Unha cousa é educar en valores e outra educar en ideoloxía, que é o que queren outros. Os outros a única independencia que queren e á de Galicia”, afirmou Prado en referencia ao “Bloque Negacionista Galego”; ao que acusou de ser “o partido do ‘non’ tamén á neutralidade ideolóxica” e o causante de que “calquera decisión da Xunta se converta en manifestación e alboroto coa CIG e a UPG por detrás”.

Nesta liña, afeoulle ao BNG a súa aposta “polo supremacismo de sinalar, atacar e perseguir a todo aquel que non pensa igual; pola manipulación ideolóxica nas aulas e polo pensamento totalitario e intransixente”. Unha postura que contrapuxo co convencemento do PPdeG de que “nun servizo público tan esencial como o ensino debe haber neutralidade ideolóxica ao igual que en todas as escolas do mundo”.

“Temos que formar cidadáns que crean na liberdade de expresión e no respecto ao diferente. Por iso desde o Partido Popular seguiremos apostando pola educación da Galicia, seguiremos crendo nun ensino para todos e non só para unha minoría e seguiremos dicindo ‘si’ ao futuro de Galicia”, concluíu.

ROMÁN RODRÍGUEZ: “SOMOS MÁIS DE FACER QUE DE FALAR”

Pola súa banda, Román Rodríguez defendeu as medidas do PPdeG en materia de ensino como “políticas cribles de longo percorrido que están a obter os mellores resultados posibles grazas á estabilidade” da que goza Galicia desde hai anos: “Unha cousa é o que se di e outra o que se fai. Nós somos máis de facer que de falar, máis de pala que de pico, e os resultados están aí”.

Neste senso, aludiu ao “esforzo que fai economicamente” o Goberno galego, co presidente Alfonso Rueda á fronte e que cada curso incrementa as medidas de apoio ás familias. Trátase, como lembrou, de compromisos coa cidadanía que se fan realidade no menor prazo de tempo posible.

Como exemplos, citou a nova desgravación fiscal pola compra de libros de texto e material escolar, que foi aprobada no Debate do Estado da Autonomía celebrado o pasado mes de abril e que onte mesmo empezou a funcionar. Ou a matrícula universitaria gratuíta, unha das principais promesas do programa electoral do PPdeG nas últimas eleccións autonómicas e que se fixo realidade nos 100 primeiros días de goberno.

A EDUCACIÓN DA GALICIA QUE GOBERNA

A reunión da Comisión de Educación do PPdeG tivo lugar na Estación de Santa Cruz de Ribadulla, onde se celebrou unha mesa redonda moderada polo viceportavoz do Grupo Popular no Parlamento galego, Julio García Comesaña, que destacou a importancia das cuestións relativas á educación no traballo diario dos deputados e deputadas do PPdeG.

Entre os participantes nesta mesa redonda estaba Manuel Vila, secretario xeral técnico de Educación no Goberno galego, que destacou entre outros avances a posta en marcha do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, pioneiro en España e en Europa.

Tamén Eugenia Pérez, responsable de Formación Profesional no Goberno galego, quixo salientar o salto cualitativo que ten experimentado esta modalidade formativa en Galicia nos últimos anos malia os impedimentos que puxeron outros partidos políticos nun primeiro momento.

O coordinador e presidente da Comisión de Educación do PPdeG e tamén alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, fixo fincapé no traballo deste “laboratorio de ideas” dos populares galegos á hora de recoller as propostas recibidas desde todos os sectores do sistema educativo galego e transformalas en medidas reais e efectivas.

Paula Prado asegura que o socialismo é “un barco á deriva” e Pedro Sánchez “un presidente que xa ve moi preto o seu final”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegura que o socialismo é “un barco á deriva” e Pedro Sánchez “un presidente que xa ve moi preto o seu final” e pon o foco na “fidelidade” dun BNG que “seguirá sendo cómplice da corrupción do PSOE mentres non lle retire o apoio alá onde son socios”.

Esta mañá, nunha rolda de prensa ofrecida na sede autonómica do partido, a número dous dos populares galegos referiuse así á “insostible” situación dun Goberno de España “podre de corrupción e cun presidente rodeado de imputados no seu partido, no seu equipo e na súa familia”.

“En ningún país da Unión Europea un primeiro ministro co seu historial aguantaría á fronte do Goberno. Pero nin el nin os seus socios fan un mínimo de autocrítica e por iso seguimos nesta situación tan anormal”, explicou referíndose a un BNG que “nin pide explicacións, nin pide dimisións, nin pide eleccións”.

De feito, afeou a Ana Pontón as súas “vergoñentas e afastadas” declaracións cando se fixo publico o informe da UCO: “Mentres toda España estaba indignada por un gravísimo e repulsivo caso de corrupción, dedicouse a acusar ao PP e aos xuíces de instrumentalización da Xustiza”.

O “DECÁLOGO” DA CORRUPCIÓN SOCIALISTA EN LUGO

Paula Prado centrou a súa intervención en expoñer “a deriva” na que está sumido o socialismo galego e en concreto na provincia de Lugo, que na súa opinión é a “zona cero da corrupción do PSOE” e o lugar onde se atopan gran parte das explicacións da actual situación deste partido e dos seus membros.

Fixo así un “decálogo” no que se referiu a que, nas últimas eleccións xerais, Lugo foi a provincia que máis apoio lle deu ao Partido Popular en toda España (máis dun 50%) e que Gómez Besteiro conseguiu o peor resultado histórico do PSdeG precisamente representando a Lugo.

A isto súmase que a lucense e pregoeira das festas de Monforte, Isabel Pardo de Vera, é “actriz principal do caso Cerdán”, que Galicia sae no informe da UCO “grazas ao suposto amaño dunha obra do tramo ferroviario Monforte-Lugo” ou que o Concello de Lugo premiase a Óscar Puente como “veciño do ano” cando o seu Ministerio “despreza á cidade é a provincia en materia de infraestruturas”.

Tamén que “Ábalos e Koldo apuntan a Pepe Blanco como xefe dunha rede de influencias para conseguir contratos de Transportes” e incluso que “a fontaneira do PSOE, Leire Díaz”, ten raíces na provincia de Lugo”. Sen esquecerse tampouco dos “paseos en catamarán” dos socialistas lucenses con Santos Cerdán.

E todo isto mentres “varios deputados provinciais do PSOE rebeláronse ante o liderado de Tomé e se ausentaron do pleno da Deputación” e o PSdeG no seu conxunto, e en particular o seu líder, “apoian e gaban a Sánchez, un presidente cercado pola corrupción e o máis lesivo da historia para Galicia”.

PSOE MACHISTA, BNG CÓMPLICE

A secretaria xeral do PPdeG quixo comentar ademais a “situación surrealista e hipócrita” que se viviu onte nalgunhas sedes do partido en Galicia: “Surrealista porque protestan e atacan as nosas sedes coa que está a caer noutros partidos e hipócrita porque detrás está o BNG, que segue calado ante a trama de prostitución dos seus socios do PSOE”.

“Onte o BNG levou a cabo o que mellor sabe facer: manifestación e alboroto, con ataques graves de odio”, sinalou facendo referencia aos berros que se escoitaron e criticando que os mesmos que os protagonizaban son “aos que aínda non se lle escoitou a primeira crítica aos responsables públicos do PSOE pola contratación de prostitutas a cambio de favores”.

O PPdeG levará aos concellos e deputacións unha moción en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción

O PPdeG levará a todos os concellos galegos e deputacións unha moción en defensa do estado democrático e de dereito e en repulsa da corrupción coa que pretenden dicir “basta xa” á complicidade do PSOE galego e do BNG ante os feitos “extremadamente graves” que envolven ao Goberno de Sánchez.

Anunciouno esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, na visita que realizou a Monforte de Lemos. Unha cidade que definiu como “zona cero en Galicia da corrupción do PSOE” logo de que o informe da UCO sobre a trama de Koldo lle dedicase catro páxinas ante un presunto amaño na contratación dunha obra.

“O asesor de José Luis Ábalos levou a cabo negociacións para adxudicar unha obra de emerxencia do tramo ferroviario Lugo-Monforte a través dun contrato público de Adif por valor de 1,5 millóns de euros”, explicou incidindo en que isto aconteceu “nun momento no que Óscar Puente xa era ministro de Transportes”. Ademais, apuntou, cando se empezaron a facer estas prácticas, a lucense Isabel Pardo de Vera presidía a entidade pública que administra as infraestruturas ferroviarias.

A número dous dos populares galegos criticou que o PSOE, que goberna neste concello, permita que “se dane a imaxe de Monforte e da provincia de Lugo” desta maneira e afea aos socialistas que permitisen que Puente fose condecorado como ‘Veciño do Ano’ na cidade de Lugo e que Pardo de Vera, implicada en varias conversas, fose pregoeira das festas de Monforte.

“É indecente que a corrupción campara ás súas anchas polo PSOE durante tanto tempo e difícil de crer que ninguén soubera nada”, asegurou sacando a relucir as imaxes de Santos Cerdán paseando en catamarán pola Ribeira Sacra en compañía do alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Pero para Paula Prado “máis indecente aínda” é que, ante todo isto, Besteiro e o PSOE galego, coa complicidade do BNG, “sigan ríndolle as gracias a Sánchez e non pidan explicacións nin eleccións”. De aí que considere que é o momento de dicir “basta xa” ante toda esta corrupción socialista.

ELENA CANDIA: “PEDIMOS EXPLICACIÓNS E CONTUNDENCIA”

A secretaria xeral do PPdeG estivo acompañada tanto pola líder local do partido en Monforte, Katy Varela, como pola presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, que tamén considera “moi preocupantes” os feitos que se están coñecendo e en especial por estar vinculados ao ámbito das infraestruturas, no que o Goberno de Sánchez leva demasiado tempo castigando aos lucenses.

“O ano previo á moción de censura a Mariano Rajoy, Lugo tiña consignado nos Presupostos Xerais do Estado un investimento que superaba os 1.000 millóns de euros para conectarnos coa Alta Velocidade. Pero despois da moción de censura quedamos cunha licitación que non chegou nin é metade”, denunciou.

Candia criticou o silencio do líder dos socialistas na provincia, José Tomé, sobre estes feitos e afeoulle que “aplauda e premie a quen castiga aos lucenses no eido das infraestruturas”.

“Os representantes do PSOE en Lugo, como os socialistas doutros lugares de España, deberían condenar todo o que está pasando”, concluíu facendo un chamamento á “contundencia e a exemplaridade”.

O APOIO DO GOBERNO GALEGO A MONFORTE

Pola súa banda, Katy Varela, aparte de agradecer o apoio do partido tanto a nivel autonómico como provincial, agradeceu especialmente o apoio do Goberno galego á cidade de Monforte “con investimentos millonarios” como os do hospital comarcal.

E neste sentido pediu ao Goberno local “maior colaboración institucional” coa Xunta para que todos os veciños se poidan beneficiar das axudas que a Administración autonómica pon a disposición dos concellos en diferentes eidos.

Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG demandan ao Goberno de Sánchez que reforme o sistema de financiación local e permita aos concellos empregar os superávits orzamentarios

Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG demandan ao Goberno de Sánchez que desbloquee o uso do superávit orzamentario dos concellos para “poder gastar nos veciños os cartos dos veciños” e que se aborde de xeito urxente e definitivo a reforma do sistema de financiamento local.

Estas foron dúas das principais reclamacións na concentración que a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) convocou esta mañá en Madrid e na que estiveron presentes máis dunha trintena de representantes do municipalismo galego. Entre eles o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, o alcalde de Poio e portavoz do PPdeG na Fegamp, Ángel Moldes, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, o presidente provincial de Ourense e alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, e o presidente provincial de Pontevedra, Luis López.

Carlos Martínez, que tamén é membro da Xunta de Goberno da FEMP, asegurou que precisamente o anuncio desta convocatoria foi clave para que o Goberno central desbloquease onte o Real-Decreto lei que actualiza as entregas a conta para 2025 e o abono das liquidacións de 2022. Aínda que, tal e como explica, non se fixo nos termos previstos inicialmente.

“Díxose que se ía incrementar a contía dos anticipos en torno a un 12% e un 13%, pero ao final ese incremento queda reducido a un 9%”, denuncia apuntando a que isto repercutirá negativamente nas contas municipais na medida en que “moitos concellos fixeron os seus orzamentos contando co incremento previsto”.

O decreto aprobado onte, lamentablemente, non incluíu unha cuestión que para os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular é fundamental tamén para a sostibilidade financeira dos concellos: o uso dos seus superávits orzamentarios.

“Somos moitos os concellos que temos superávit pero non podemos destinalo a investimentos porque o Goberno central mantén retidos e bloqueados eses cartos que son dos veciños e que queremos gastar nos veciños”, explicou ao tempo que insistía na demanda de que se desbloquee o gasto deses fondos.

O rexedor de Vedra pediu en último lugar a convocatoria da Comisión Nacional da Administración Local para “que se debata dunha vez o sistema de financiación local dos municipios”. Xa que, tal e como denuncian el e o resto de alcaldes populares, os gobernos locais están atravesando “unha situación de asfixia financeira” e é necesario que o Goberno central ofreza respostas e solucións para garantir que os concellos e deputacións poidan seguir prestando servizos de calidade á cidadanía.

O PPdeG traslada ao BNG que non chega con rexeitar unha reunión con Sánchez: “Hai que pedir a súa dimisión e retirarlle o apoio”

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, traslada hoxe ao BNG que non chega con rexeitar unha reunión con Pedro Sánchez, senón que o independentismo galego debe “pedir a súa dimisión e retirarlle o apoio”, porque todo o que non sexa esixir iso os converterá en “cómplices da corrupción”.

“Non poden ter a cara de dicir que o seu apoio é puntual, cando sustentan a Sánchez día tras día. O BNG e Ana Pontón deben aparcar xa o seu cinismo e deixar de manterse á marxe coma se isto non fora con eles”, sinala en declaracións remitidas aos medios.

En opinión da número dous dos populares galegos, “non basta con evitar a foto, con pedir unha comparecencia ou publicar un comunicado”: “O BNG debe deixar de apoiar ao Goberno de Sánchez e, ao mesmo tempo, romper co PSOE nos concellos e nas deputacións galegas. Porque se non, seguirá sendo cómplice”, di.

Así, lembra que o independentismo galego asinou cos socialistas dous pactos de investidura de Sánchez, en 2020 e 2023, que “se acabaron convertendo en papel mollado”; e os apoiou en multitude de concellos e nas deputacións da Coruña e Lugo. “Agora sabemos que o PSOE se converteu nunha organización corrupta. E que fai o BNG? Facer como se non pasara nada”, lamenta Prado.

“Aquí estamos falando ou estar cos corruptos ou estar coa democracia, a liberdade e a honestidade; e o BNG está elixindo seguir mantendo a un Goberno corrupto, está pasando de ser cómplice a case que cooperador necesario”, abunda.

Por este motivo, a secretaria xeral esixe ao BNG que “se deixe de medias tintas” e pida “o que demandan a gran maioría dos galegos e galegas: dimisións e eleccións”.