Santiago, 11 de maio de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, defendeu hoxe no Parlamento que o Goberno central inclúa a Podoloxía na carteira básica do Sistema Nacional de Saúde, dotándoa dun financiamento xusto e necesario para a súa posta en marcha e desenvolvemento.
Así mesmo, Núñez Centeno avogou porque a Consellería de Sanidade remate o estudo que se está a levar a cabo para asinar e poñer en marcha un convenio ou acordo de colaboración co Colexio de Podólogos para realizar actividades conxuntas, do mesmo xeito que se está a facer noutras comunidades autónomas nas que existe este servizo.
SOLUCIÓN TEMPORAL
“Pensamos que este convenio, do que se falou nunha reunión entre representantes do Colexio Profesional de Podólogos de Galicia e da Consellería, pode solucionar temporalmente a situación da podoloxía, ata que no Consello Interterritorial se aprobe a inclusión da podoloxía na carteira común de servizos”, manifestou.
Núñez Centeno afirmou que, diante do compromiso dos catro grandes partidos en Madrid, PP,PSOE, Podemos e Ciudadanos, de impulsar no interterritorial a inclusión da podoloxía da carteira común, non ten moito sentido abordar neste intre a inclusión dos servizos de podoloxía na carteira complementaria”.