A COMISIÓN 1ª APROBA O DITAME DA MODIFICACIÓN DA LEI DE COORDINACIÓN DE POLICÍAS LOCAIS, PASO PREVIO Á SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA EN SESIÓN PLENARIA
· O texto definitivo do ditame incorpora o 45% das emendas presentadas polos grupos da oposición
Santiago, 10 de xuño de 2016.- A Comisión 1ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame do proxecto de Lei que modifica a Lei 4/2007 de coordinación de policías locais, que permitirá “dotar de seguridade xurídica aos procesos selectivos para a incorporación de novos axentes e evitará a parálise existente na actualidade na convocatoria de prazas nos concellos galegos”, manifestou o deputado do Grupo Popular, Jacobo Moreira.
Na súa intervención, Moreira salientou que coa aprobación do ditame “damos un paso importante a un proxecto que xa viña consensuado desde a Xunta de Galicia tanto coa Comisión de Coordinación de Policías Locais como pola Federación galega de municipios e provincias (Fegamp)”.
“Á maiores, no debate de ponencia, o Grupo Popular incorporou ao texto o 45 por cento das emendas presentadas polos grupos da oposición”, sinalou Moreira. Porén, amosouse sorprendido pola abstención de todos os grupos da oposición.
ASPECTOS SIGNIFICATIVOS
Entre os aspectos significativos deste novo texto lexislativo, o deputado popular sinalou que “vén marcado polo Estatuto Básico do Emprego Público e pola sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que considerou discriminatorio o establecemento dun límite de idade de acceso aos procesos de selección para o persoal dos corpos de Policía Local”.
Ademais, establécese a posibilidade de cooperación entre os concellos que non teñen recursos propios para a implantación da Policía Local. En concreto, indicou que “a partir de agora os concellos vanse poder coordinar para poñer en marcha este servizo sempre que non superen en conxunto a cifra de 40.000 habitantes”.