O GRUPO POPULAR APOIA NO PARLAMENTO DEMANDAR AO GOBERNO CENTRAL QUE DIFICULTE E INCREMENTE OS OBSTÁCULOS LEGAIS DAS OPERACIÓNS ECONÓMICAS EN PARAÍSOS FISCAIS
· Tamén se solicita que a Administración central intensifique a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria ata a eliminación de territorios considerados paraísos fiscais
Santiago, 23 de xuño de 2016.- O Grupo Popular, a través do seu portavoz, Pedro Puy, condenou esta mañá no Parlamento a existencia de paraísos fiscais e apoiou a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno central a dificultar e incrementar os obstáculos legais das operacións económicas con residentes nestes paraísos fiscais, así como a intensificar a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria ata a eliminación de territorios considerados paraísos fiscais.
Pedro Puy sinalou que desde o Partido Popular “estamos plenamente de acordo na condena dos paraísos fiscais, que introducen distorsións na capacidade dos estados para facer políticas redistributivas”.
PLENAMENTE DEFINIDOS
Neste sentido, explicou que os paraísos fiscais “están plenamente definidos no ámbito internacional” e concretou que “é posible loitar contra eles a través da sinatura de convenios de doble imposición cos estados con réxime de tipo off-shore, de xeito que comuniquen á facenda española calquera movemento financeiro que se faga no seu territorio”.
Por este motivo, o Grupo Popular formulou unha emenda á proposición non de lei presentada por AGE, que resultou aprobada por unanimidade, a través da que se demanda ao Goberno central que intensifique a sinatura de convenios de dobre imposición e dos acordos de intercambio de información en materia tributaria necesarios ata a eliminación da lista de territorios considerados como paraísos fiscais.
Puy sinalou que na actualidade “xa existen organismos internacionais que están traballando na identificación e loita contra estes paraísos fiscais, do mesmo xeito que o Goberno español xa reformou a lexislación española, tanto no imposto de sociedades como no da renda das persoas físicas, para incorporar medidas neste sentido”.