A Comisión 2ª aprobou esta mañá o ditame deste texto normativo promovido polo Grupo Popular
A PROPOSICIÓN DE LEI PARA A ACTUALIZACIÓN DO SISTEMA DE TRANSPORTE PÚBLICO DE GALICIA, PENDENTE DA SÚA APROBACIÓN DEFINITIVA EN SESIÓN PLENARIA
Santiago, 4 de xullo de 2016.- O ditame da proposición de Lei para a actualización do sistema de transporte público de Galicia, promovida polo Grupo Popular, recibiu hoxe a súa aprobación na Comisión 2ª do Parlamento, co que queda pendente do seu debate definitivo en sesión plenaria. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Jesús Goldar, asegurou que esta norma “establece mecanismos para afrontar unha intensa modernización do servizos público e a súa plena adaptación ás demandas da sociedade para as próximas décadas”.
Jesús Goldar lembrou que a sentenza 1067/2016 do Tribunal Supremo anulaba a resolución da Dirección Xeral de Mobilidade de febreiro de 2010 que aprobaba o Plan de modernización das concesións do transporte público regular. “Esta sentenza provocaba que dos 145 contratos de transporte interurbano existentes en 2009, só 14 manterían a súa vixencia”, apuntou.
ACTUACIÓN URXENTE
Deste xeito, o portavoz popular sinalou que esta situación “requiría unha actuación urxente que garanta a prestación do servizo público de transporte en Galicia coas máximas garantías e a máxima seguridade xurídica”.
Goldar salientou que a proposición de lei incorpora a figura do Plan de transporte público de Galicia como instrumento de planificación necesario para establecer un sistema de transporte público multimodal e integrado. Este plan “tratará de determinar, ordenar e establecer a oferta de servizos de transporte público competencia da Xunta, ao tempo que implementará a coordinación da totalidade de servizos de transporte público que se desenvolvan en territorio galego”, indicou.
Así mesmo, a proposición de lei derroga a prórroga por dez anos dos servizos de transporte público por estrada, ao tempo que consagra o principio de continuidade deste servizo público “que, en todo caso, será voluntaria para os contratistas, que deberán comunicar a súa renuncia no prazo de quince días desde a entrada en vigor desta lei”, apuntou Jesús Goldar.
CONTINUIDADE
O portavoz popular explicou que o novo texto lexislativo “establece a obriga contractual durante 12 meses a contar desde a data da renuncia e tamén se prevé que, ante eventuais renuncias dos contratistas, a Administración procederá á adxudicación directa destes servizos”.
“Esta proposición de lei considera esta continuidade como unha oportunidade para manter as liñas de modernización impulsadas na Lei 5/2009, a través da súa integración nos plans de transporte metropolitano e no modelo de tarifas zonais; a implantación do sistema de axuda á explotación, en liña cos traballos que leva acometido a Xunta de Galicia nos últimos anos; e mantendo o compromiso de integrar progresivamente vehículos accesibles a persoas con mobilidade reducida nos contratos”, sinalou.