O GRUPO POPULAR LAMENTA QUE BNG, AGE E GRUPO MIXTO REXEITARAN UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOLICITANDO UNHA NOVA INVESTIGACIÓN INDEPENDENTE SOBRE O ACCIDENTE DE ANGROIS
· A proposta considera imprescindible que se coñeza a verdade do que pasou a través dun informe técnico incontrovertido
· O Grupo Popular reitera o seu compromiso de apoiar todas as investigacións técnicas que contribúan a esclarecer as causas deste accidente
Santiago, 12 de xullo de 2016.- O Grupo Popular lamenta que os grupos parlamentarios do BNG, AGE e Mixto priorizaran os seus intereses políticos sobre a investigación das causas do accidente de Angrois, ao rexeitar a proposta de declaración institucional que lles propuxo para que o Parlamento de Galicia solicitara a apertura dunha investigación independente tal e como demanda o informe da Axencia Europea do Ferrocarril. O Grupo Socialista amosou o seu acordo coa lectura desta proposta de declaración institucional.
A proposta de declaración considera imprescindible, como acto de xustiza coas vítimas, os seus familiares e os seus achegados, e como garantía da seguridade do funcionamento dos servizos públicos, que se coñeza a verdade do que pasou a través dun informe técnico incontrovertido.
O Grupo Popular reitera o seu compromiso de apoiar todas as investigacións técnicas que contribúan a esclarecer as causas deste accidente co fin de garantir que non se volva a repetir.
Neste sentido, lembrar que esta negativa da oposición a solicitar unha nova investigación sobre o accidente súmase ao rexeitamento da solicitude do Grupo Popular no Pleno do pasada sesión plenaria para que o Parlamento galego solicitara á Comisión Europea que fixera público o informe sobre este sinistro ferroviario.
O texto íntegro da proposta de declaración facilitada polo Grupo Popular aos demais grupos parlamentarios da oposición é o seguinte:
PROPOSTA DE DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
SOBRE O ACCIDENTE FERROVIARIO DE ANGROIS
DO 24 DE XULLO DE 2013
O 24 de xullo de 2013 produciuse no lugar de Angrois, nas proximidades de Santiago de Compostela, o accidente de ferrocarril máis grave da nosa historia, no que faleceron 81 persoas e máis de 150, practicamente ata completar a pasaxe, sufriron feridas de distinta gravidade.
Aquela noite, tanto os veciños de Angrois como a sociedade galega, a través do persoal de emerxencias, sanitario, das forzas de seguridade e os servizos de doazón, responderon á grave situación demostrando que o pobo galego é un pobo solidario que soubo estar á altura das circunstancias nunha situación tan dramática como a xerada polo accidente ferroviario de Angrois.
O Parlamento de Galicia considera imprescindible, como acto de xustiza coas vítimas, os seus familiares e os seus achegados, e como garantía da seguridade do funcionamento dos servizos públicos, que se coñeza a verdade do que pasou.
O Parlamento de Galicia considera que o accidente de Angrois debe investigarse con independencia técnica e profundidade, á marxe das actuacións xudiciais, de tal maneira que os resultados de dita investigación cheguen a conclusións incontrovertidas sobre as súas causas e as medidas que hai que adoptar para garantir a seguridade do transporte ferroviario que transcorre polo territorio de Galicia e do conxunto de España.
Por ilo, e á luz da publicación do informe elaborado pola Axencia Europea Ferroviaria (European Railway Agency) para a Comisión Europea “en relación coas fortalezas e debilidades do Informe de investigación do accidente de Santiago de Compostela do 23 de xullo de 2013” (ERA/ADV/2015-6), o Parlamento de Galicia solicita, tal e como demanda o mencionado informe, que “se abra unha investigación que reúna os requisitos de independencia e analice como mínimo as debilidades ás que fai referencia este documento” respecto das investigacións ata o de agora realizadas.