Santiago, 4 de febreiro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira manifestou hoxe no Pleno do Parlamento que “comprendemos e debemos dar solucións a aquelas persoas que non queren vivir, pero tamén temos que dar garantías a aquelas persoas que non queren morrer”.
Rodríguez defendeu a Lei galega de dereitos e garantías de dignidade das persoas enfermas terminais, “que ofrece solucións aos doentes terminais e ás súas familias no proceso final da vida, porque ningunha persoa debe sufrir ou padecer no momento de morrer”.
No debate dunha proposición non de lei sobre a regulación da eutanasia, Julia Rodríguez criticou que os socialistas galegos “amosen, unha vez máis, a súa submisión ao que faga o PSOE en Madrid, sexa o que sexa e aproben o que aproben”. “Pero, cal é o posicionamento dos socialistas galegos: o do PSOE que en marzo de 2017 non apoiou a lei de eutanasia de Podemos, porque caía nos erros cometidos por países como Suíza, Holanda ou Bélxica; ou o do PSOE de 2019 que presentou unha proposición de lei que coincide no substancial coa de Podemos que tiñan rexeitado?”, cuestionou.
“De momento, a proposición de lei dos socialistas non ofrece garantías para os discapacitados, para os maiores ou para os enfermos indefensos”, sinalou a deputada popular, quen apuntou que “para atender as demandas de quen quere morrer non podemos deixar expostos a unha morte involuntaria aos enfermos máis vulnerables”.
Neste sentido, engadiu que, “ademais das persoas que se atopan no momento final da súa vida, debemos ter moi presentes a todas esas persoas dependentes que sofren unha grave enfermidade crónica, incurable e invalidante, que se prolonga no tempo e condiciona a súa vida e a das súas familias”. “Teñámolas presentes para recoñecer o valor co que cada día afrontan o reto de vivir coas súas dificultades e para aportarlles solucións que melloren as súas vidas e as das persoas que as coidan”, engadiu.