Santiago, 5 de febreiro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo garantiu hoxe no Parlamento que “a Xunta aposta pola creación do Museo da Romanización de Lugo, un museo en rede para poñer en valor o legado do seu rico patrimonio arquitectónico e arqueolóxico, e que permitirá recuperar, ademais, unha infraestrutura infrautilizada, como o Museo Interactivo da Historia de Lugo, que podería funcionar integrado coa área musealizada e vincularse a outros elementos da pegada romana como Santa Eulalia de Bóveda ou a Domus de Mitreo”.
Encarna Amigo lembrou “o proxecto ambicioso que a Consellería de Cultura presentou hai unhas semanas para Lugo, un proxecto integral, avalado por un estudo técnico, que inclúe a rehabilitación de bens senlleiros como o Cuartel de San Fernando, o Pazo Doña Urraca ou a Casa-Torre para dotalos de novos usos, así como a dinamización económica da cidade cun Parador-Museo que xeraría emprego e un impacto estimado no primeiro ano de 1,6 millóns de euros”.
“A Xunta aposta nesta iniciativa pola creación dunha proposta museográfica que porá en valor o legado da romanización a través da xestión integrada de varios centros que na actualidade están infrautilizados, que sumará aos artistas modernistas coa creación da primeira sede do Centro Galego de Arte Contemporánea fóra da cidade de Santiago”, engadiu.
PAOS NAS RODAS
Amigo demandou á oposición que “nos permitan avanzar e que a cidade de Lugo medre”, pero lamentou que “nesta cidade iso non é posible desde hai anos porque os único que fan os socialistas é poñer paos nas rodas”. Dirixíndose en concreto á deputada socialista Concepción Burgo, apuntou que “vostede sábeo moi ben, porque foi responsable de Cultura no Concello e sabe que se investiron máis de 10 millóns de euros no Museo Interactivo da Historia de Lugo para deixar un gran edificio baleiro de contido e, por suposto, carente de xestión”.
Para rematar, a deputada popular referiuse aos datos de turismo do ano 2019 coñecidos onte, onde “Lugo pulveriza todos os datos”. “É a provincia galega que máis crece en número de viaxeiros, cun 13 por cento, pero a cidade de Lugo, malia que tamén crece, non ten un comportamento idéntico, e as pernoitas so crecen un 3,7 por cento, cando no global da provincia ese crecemento é do 12 por cento”, sinalou.
“Iso é porque a cidade recibe turistas pero non conseguimos unha oferta o suficientemente atractiva para que se queden”, lamentou Encarna Amigo, quen afirmou que “a iniciativa para o impulso do turismo cultural liderada pola Xunta busca corrixir esas debilidades e que os que visitan Lugo pasen a noite na cidade e teñan unha oferta cultural máis ampla para quedarse”.