Santiago, 6 de febreiro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que demanda que a Axencia de Turismo de Galicia inicie as xestións necesarias para o desenvolvemento dun novo estudo que permita coñecer o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago en todas as súas rutas, logo de que xa se levara a cabo o informe concreto para o Camiño Francés.
A deputada popular María Antón lembrou que a Xunta xa realizou en 2018 un estudo sobre o impacto económico do Camiño Francés, que, entre outras conclusións, poñía de manifesto que os peregrinos supoñen un 2,3 por cento do gasto turístico en Galicia, pero que cada peregrino supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas nacionais. Ademais, en relación co emprego, o estudo afirma que os datos de afiliación á Seguridade Social aumentou en todos os concellos do Camiño Francés, agás Monterroso.
PERCEPCIÓN POSITIVA DOS RESIDENTES
“Pero tamén hai que salientar outros aspectos, como a súa irreversibilidade, cun crecemento anual sostido de peregrinos; a súa internacionalización, xa que o número de peregrinos estranxeiros supera ao dos españois; a potenciación xeral das rutas xacobeas en Galicia, dado que o Camiño Francés representa na actualidade o 54 por cento dos peregrinos totais, cando hai uns anos era do 85 por cento; ou a desestacionalización da peregrinaxe”, engadiu.
O informe reflectía, ademais, a percepción positiva dos propios habitantes dos concellos analizados, porque constataban que os destinatarios dos beneficios son os propios residentes do concello polo que pasa a ruta xacobea, pola repercusión que produce na economía local. “Ao igual que os beneficios de impacto cultural, onde se percibe unha valoración positiva sobre todo en relación á restauración e mellora do patrimonio cultural, pero tamén ao incremento das actividades culturais e de ocio”, engadiu.
María Antón afirmou que “a Xunta continúa traballando na implementación das actuacións contidas no Plan Director do Camiño de Santiago e no Plan Estratéxico do Xacobeo 2021”, polo que considerou “importante seguir coñecendo as realidades dos Camiños en Galicia e que a Axencia de Turismo siga completando os estudos que poidan servir de base para elaborar un novo plan de acción sobre o Camiño de Santiago no post-xacobeo”.