Santiago, 7 de febreiro de 2020.- A Comisión 3ª do Parlamento galego aprobou hoxe o ditame da proposición de lei, para presentar perante o Congreso dos Deputados, a través da que se solicita a rebaixa ao tipo superreducido do IVE dos produtos de hixiene íntima feminina. Deste xeito, este texto lexislativo queda pendente da súa aprobación definitiva en Pleno para a súa remisión á Cámara Baixa.
A deputada popular Jackeline Fernández lembrou que o PPdeG “foi sempre favorable a esta iniciativa, e non só nesta ocasión, senón todas as veces que se remitiu unha proposta destas características a este Parlamento”. Así, dixo que o Grupo Popular xa apoiara unha proposición non de lei en 2016 na que se instaba á Xunta a negociar co Estado a rebaixa impositiva destes produtos e, “logo de que non tivera resposta esta demanda, o PPdeG incorporouna ao seu programa electoral no que, xunto á solicitude da baixada do tipo impositivo para os produtos de hixiene feminina, se estendía a demanda aos cueiros dos nenos e nenas recién nados”. Sobre esta última solicitude, Jackeline Fernández indicou que “temos rexistrada unha proposición de lei desde o mes de xaneiro”.
EVITAR QUE AS EMPRESAS CHEGUEN A ACORDOS
“Agardamos que esta modificación vaia adiante e se tome en consideración a nivel estatal, que é onde reside a súa competencia, e que por fin se remate o camiño da redución deste IVE ao tipo superreducido para estes produtos de hixiene feminina, que se iniciou alá polo ano 2002 cando o Partido Popular no Goberno central o rebaixou ao tipo reducido”, manifestou.
Jackeline Fernández explicou que no debate de ponencia incorporouse á proposición de lei unha transacción entre o Grupo Popular e o BNG co obxectivo de “evitar que as empresas do sector cheguen a determinados acordos de maneira encuberta, ben para fixar prezos ou para establecer certas condicións ou acordos comerciais, de xeito que eviten unha baixada efectiva e real dos prezos e nos prexudiquen a nós, as consumidoras destes produtos”.