Santiago, 16 de xaneiro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe do Goberno de España colaboración económica para garantir a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos a todas as familias galegas.
A viceportavoz popular, Marta Rodríguez Arias, salientou que “Galicia xa lidera o apoio ás familias coa gratuidade das escolas infantís para o segundo fillo e sucesivos, o que suporá un investimento superior aos 14 millóns de euros para beneficiar a arredor de 12.500 nenos e nenas”.
Rodríguez Arias subliñou que Galicia conta na actualidade con 25.000 prazas públicas de escolas infantís, superando en 11 puntos a ratio de cobertura recomendada pola Unión Europea. Ademais, destacou que “Galicia será a primeira comunidade autónoma que introduce a gratuidade ao 100 por cento das familias con dous ou máis fillos e para a totalidade das escolas infantís”.
MAIOR PORCENTAXE DE NENOS ESCOLARIZADOS
Na súa intervención, a viceportavoz popular referiuse ao último informe de Save The Children, que sitúa a Galicia como a terceira comunidade española con maior porcentaxe de nenos escolarizados de 0 a 3 anos, só superada por Euskadi e Madrid; salientando a aposta da Comunidade galega pola escolarización pública e eloxiando o modelo do Consorcio de Benestar e as casas-niño no rural.
Para rematar, Marta Rodríguez lembrou “as medidas impulsadas pola Xunta de Galicia para facilitar a conciliación das familias, liderando as deducións fiscais por fillos; facilitando a flexibilidade horaria e o teletraballo; aumento dos permisos de maternidade e a redución da xornada laboral; a tarxeta Benvida, que xa beneficiou a máis de 45.000 familias; ou a posta en marcha dos bonos coidado ou concilia”.