22, xaneiro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, esixiu ao Goberno de Pedro Sánchez que aprobe de forma inmediata o estatuto da industria electrointensiva “ou que vaia pensando en cesar á ministra de Transición Ecolóxica porque non fai o seu traballo”.
Así se expresaba durante a súa participación na manifestación dos traballadores da industria electrointensiva celebrada hoxe en Madrid, onde deixou claro que o Executivo central “xa non ten máis escusas e xa non está en funcións”. “Onte o Consello de Ministros puido ter aprobado o estatuto da industria electrointensiva e dar solución a todas estas empresas e non o fixo. Levamos máis de un ano agardando por isto e meses de enganos continuados do Goberno de Pedro Sánchez”, lamentou.
Nese senso, insistiu na necesidade de contar xa co estatuto para evitar que cando se aprobe xa non queden empresas en Galicia que se poidan acoller a el para garantir a súa continuidade e o emprego.
Como lembrou, esta é unha cuestión que na nosa Autonomía afecta a 5.000 postos de traballo polo que, como primeiro partido da Comunidade, “o noso compromiso é estar do lado dos traballadores defendendo os intereses de Galicia e plantándolle cara a un Goberno que día a día castiga ao conxunto dos galegos”.
Nas súas declaracións, o número dous do PPdeG amosouse sorprendido de que na manifestación participasen deputados de Podemos, facéndolle unha protesta ao seu propio Goberno unha semana despois da súa constitución: “É unha tomadura de pelo aos galegos”.
SEGUIR DEFENDENDO OS INTERESES DOS GALEGOS
Miguel Tellado tamén se referiu ás dúas traizóns do Executivo central á nosa Comunidade: a do IVE -rexeita pagar os 200 millóns de euros que pertencen aos galegos- e a do AVE -coñeceuse a súa decisión de retrasar a chegada da alta velocidade a Galicia ata o 2022-.
Sobre os cartos que o Goberno lle adebeda á Comunidade, o secretario xeral afirmou que dende Galicia “imos esgotar todas as vías para reivindicar o que lle corresponde”, explicando que o único motivo polo que os socialistas se negan a darnos o que nos pertence é castigar aos galegos por non votar ao PSOE.
Neste sentido, resaltou que os populares seguirán defendendo os intereses de Galicia “goberne quen goberne”, como xa fixeron co Executivo de Rajoy, co anterior de Pedro Sánchez e agora co actual do PSOE e de Podemos.
Ademais, responsabilizou dos continuos agravios de Sánchez a Galicia a aqueles que posibilitaron ao socialista ser presidente, xa que foron os que permitiron castigar á Comunidade: “Tan responsable é o PSOE como as Mareas de Podemos ou o BNG”, manifestou Tellado admitindo que, pola súa parte, os populares seguirán reivindicando o que os galegos precisan e merecen.