Santiago, 29 de xaneiro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez salientou hoxe que a Xunta “multiplicou este ano por máis de tres os fondos destinados a acompañar ás persoas e empresas máis débiles no contexto de incerteza e desaceleración dos últimos meses e a causa da desidia do Goberno central”.
Sandra Vázquez lembrou o paquete de apoio para empresas e traballadores polo actual momento de inestabilidade, que inclúe un novo programa de axudas para traballadores afectados polos EREs dotado de catro millóns de euros, unha medida enmarcada dentro do diálogo social no que participan patronal e sindicatos”.
DÚAS LIÑAS DE ACTUACIÓN
En concreto, esta medida conta con dúas liñas de actuación: unha para os casos de suspensión de contratos ou redución da xornada e outra para as persoas traballadoras con 55 ou máis anos afectadas pola extinción de contratos por empresas en crise.
“Pero a aposta do Goberno galego polas empresas en situacións difíciles non remata aí, xa que se reforzou o programa Re-solve, dirixido a facilitar o financiamento operativo das pemes; fortaleceu a achega ao Fondo de garantía para riscos de avais e pagamentos non realizados ás sociedades de garantía recíproca; ou co novo programa para apoiar as novacións de préstamos e refinanciamento de débedas co Igape”, engadiu a deputada popular.
RESPONSABILIDADE DO FOGASA
Sandra Vázquez lembrou que o Fondo de Garantía Salarial (Fogasa) é un organismo autónomo, dependente do Goberno central, que garante aos traballadores a percepción de salarios, así como as indemnizacións por despido ou extinción da relación laboral, pendentes de pago a causa de insolvencia ou procedemento concursal do empresario.
Deste xeito, criticou que a oposición “pretenda que o Goberno galego pague o que non lle corresponde e o Goberno central cobre polas prestacións que el mesmo debe abonar desde o Fogasa”. “Si que miran vostedes polos intereses dos galegos, porque a falta dos 370 millóns de euros que xa nos debe o Goberno de Pedro Sánchez aínda pretenden que nos deba máis cartos”, sinalou.