Santiago, 18 de decembro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, criticou hoxe que os grupos da oposición “queiran converter un problema estatal de déficit de profesionais de atención primaria e pediatría, ademais de facultativos doutras especialidades, nun problema galego de xestión da Consellería de Sanidade”.
“A día de hoxe é moito máis preocupante a falta de profesionais, fundamentalmente facultativos e de determinadas especialidades, que o problema do financiamento”, asegurou.
Aurelio Núñez explicou que “cada ano rematan os estudos de medicina en España arredor de 14.500 persoas, das que poden optar a unha praza para a formación MIR aproximadamente 6.500”. “O Consello Xeral de Colexios Médicos de España vén de manifestarse sobre este problema estes días e considérao un problema nacional, indicando que se teñen tomado poucas medidas globais contra ese déficit de profesionais”, apuntou.
PEDIATRÍA NO RURAL
Respecto da atención pediátrica, o portavoz popular manifestou que “a pediatría de área era unha posible solución para o problema de facultativos que existe neste momento”, aínda que subliñou que “os nenos e nenas galegos son privilexiados porque están atendidos por pediatras nunha das maiores porcentaxes das distintas comunidades autónomas: o 88 por cento”.
“Se a Consellería fixera caso das propostas das asociacións profesinais, os pediatras galegos do rural xa estarían agrupados nas cabeceiras de comarca, como o están a solicitar a Asociación Galega de Pediatras de atención primaria, a Sociedade de Pediatría de Galicia ou o xefe de Servizo do CHUO”, indicou. Porén, engadiu que “o Goberno galego non fixo caso desas demandas e mantivo a pediatría no rural, aínda que con moitos problemas para as substitucións nos períodos críticos”.