Santiago, 3 de decembro de 2019.- O Grupo Popular apoiou esta tarde no Pleno do Parlamento a aprobación dunha moción a través da que se insta á Xunta a elevar un 5 por cento a partida dedicada a investigación da Consellería do Mar.
Así mesmo, demándase que remita aos grupos parlamentarios e a todas as confrarías de Galicia que o soliciten os informes de investigación elaborados dende 2012 sobre a extracción do berberecho e a afectación que a marteilia ten acusado sobre este produto, ao tempo que realiza e publica un informe de situación e de expectativa de extracción do berberecho para os vindeiros 3 anos, en previsión da elaboración dos plans de explotación.
A deputada do Grupo Popular Soraya Salorio sinalou que, tanto os grupos parlamentarios como as propias confrarías, dispoñen de “profusa información pública con referencia tanto ao berberecho coma a marteilia que lle afecta a esta especie”. “Tanto é así que mesmo o Centro de Investigacións Mariñas ten publicadas na web as memorias de actividade ata 2016, e que estas se van facendo públicas a medida que se van pechando accións de investigación e se poden ir redactando estas memorias”, engadiu.
AVENTURAR COMPORTAMENTO
Así mesmo, indicou que “aventurar cal vai ser o comportamento dunha especie no medio mariño é cando menos complicado, xa que as previsións poden ser estragadas por múltiples factores, como as choivas e a chegada de auga doce aos bancos marisqueiros; as correntes e réxime de ventos; a presenza de depredadores ou patoloxías; ou o volume de extracción realizado anteriormente”.
Respecto do orzamento da Consellería destinado a investigación, Soraya Salorio lembrou que “de cara o vindeiro ano o programa 561A, correspondente a I+D+i medra nos seus fondos nun 6,4 por cento, ademais de que as partidas para innovación están distribuídas en varias direccións xerais e mesmo doutros entes como o Intecmar ou o Cetmar”.